Antes de que os videoxogos, as tabletas e os móbiles acaparasen o protagonismo, as rúas e os campos das nosas vilas e aldeas eran o escenario de xogos que pasaban de xeración en xeración, cunha riqueza léxica e unha historia que paga a pena recuperar. O trompo, a billarda, a mariola, as bólas ou vexo, vexo son só algúns dos xogos que durante séculos fixeron as delicias de nenas e nenos en Galicia.
Neste artigo imos facer unha viaxe pola nosa tradición lúdica para descubrir os nomes e as regras destes xogos que, ademais de entreter, eran unha escola de habilidade, estratexia e socialización.
Xogos tradicionais galegos
Agachadas
O xogo das agachadas, tamén chamado acochos, agochos ou lebrescura, é un xogo infantil en que un dos xogadores debe atopar os que están agachados.

Baralla

A baralla é un conxunto de naipes que serven para xogar á brisca, ao tute, á escoba, ao mus…
Billarda
O xogo da billarda, estornela ou pateiro consiste en dar cun pau noutro máis pequeno e rematado en punta nos extremos, que está colocado no chan, de xeito que se fai saltar e, xa no aire, dáselle un segundo golpe que o despide a maior distancia.

Birlos

Xogo que consiste en lanzar bólas a un grupo de paus, postos de pé en varias ringleiras, para derribalos no menor número de tiradas posible.
Bólas
As bólas son un xogo de nenos en que se utilizan unhas bólas de barro ou vidro que se fan rodar polo chan tratando de que choquen coas do contrario para introducilas finalmente nunhas fochas pequenas.

Buxaina

A buxaina, trompo ou peón é un xoguete que consiste nunha peza de madeira de forma cónica, rematada nunha punta de metal pola parte inferior, que se fai bailar por medio dun cordel.
Carreira de sacos
Nas carreiras de sacos os participantes deben avanzar saltando dentro dun saco ata chegar á meta. Para xogar, cada competidor métese nun saco grande ata a cintura, suxeitándoo coas mans para que non caia. Unha vez dada a saída, deben desprazarse aos saltos sen saíren do saco.

Crebacabezas

Os crebacabezas ou quebracabezas son un xogo que consiste en combinar certo número de pezas ata formar unha figura.
Ioió
O ioió é un xoguete constituído por dous discos unidos por un eixe no que se envolve un cordón polo que sobe e baixa o aparello, grazas a distintos movementos.

Leira de nove

Á leira de nove xógase nun taboleiro de tres cadrados concéntricos unidos por liñas, onde dous xogadores colocan por quendas as súas nove pezas nas interseccións. Unha vez situadas todas, as pezas móvense a puntos baleiros adxacentes sen poder saltar sobre outras. Se un xogador alinea tres pezas seguidas en liña recta, pode eliminar unha do opoñente, salvo as que xa formen unha fila de tres. O xogo remata cando un xogador queda con só dúas pezas ou sen movementos posibles, sendo fundamental unha boa estratexia na fase inicial.
Mariola
A mariola, peletre, raia ou truco é un xogo infantil que consiste en andar á pata coxa empuxando ao mesmo tempo co pé o peletre, seguindo certas regras, a través dun percorrido establecido formado por un conxunto de casas numeradas, pintadas ou raiadas no chan.

Papaventos

O papaventos é un xoguete formado por unha tea ou un papel fixado nunha armazón, que se eleva no aire debido á presión do vento e que se suxeita e manexa mediante un cordel longo.
Pedra, papel ou tesoiras
Pedra, papel ou tesoiras é un xogo en que cada xogador colócase en fronte do resto coas mans detrás das costas. Din “pedra, papel ou tesoiras” e mostran as mans segundo esas posicións. O xogador que teña a posición máis forte gaña. O papel envolve a pedra, a pedra rompe as tesoiras e as tesoiras cortan o papel.

Pita cega

A pita cega é un xogo infantil en que unha persoa, cos ollos tapados, ten que pillar algún dos participantes ou adiviñar quen é.
Tiracroios
O tiracroios, tiracoios, tirapedras ou tiratacos é un pau gallado suxeito a cada un dos extremos e unidos por unha peza de coiro onde se colocan as pedras ou outros obxectos pequenos, que se lanzan estirando as gomas e soltándoas bruscamente.

Vexo, vexo

O vexo, vexo é un xogo en que unha persoa suxire algunha pista sobre un obxecto que está ao alcance da vista de todos os xogadores/as. Se o obxecto en cuestión é descuberto, quen o descubre pasará propoñer un novo obxecto.
- Vexo, vexo…
- Que ves?
- Vexo unha cousa que… (1ª pista)







