Cantas veces buscaches como se di unha palabra en galego e non deches cunha ferramenta fiable? Pois traio boas novas!
Agora temos tres dicionarios castelán-galego en liña, gratuítos e de moito nivel. Un acaba de estrealo a Real Academia Galega, outro leva anos sendo un grande aliado de moitos galegofalantes e o último naceu dunha iniciativa individual que paga a pena coñecer.
O novo dicionario castelán-galego da RAG
A Real Academia Galega estreou o 10 de setembro de 2026 o seu Dicionario castelán-galego en liña (coñecido como DRAGBIL), unha ferramenta moi útil xusto para o comezo do curso escolar.

Podes consultalo de balde na web da RAG (academia.gal) e tamén a través da aplicación do dicionario da Academia para Android e iOS. A RAG xa anunciou que no futuro quere desenvolver tamén a consulta na dirección contraria, galego-castelán.
O dicionario castelán-galego de Rinoceronte
Antes de que chegase o da RAG, a editorial Rinoceronte xa levaba anos ofrecendo un dicionario castelán-galego en liña gratuíto que se converteu nun recurso imprescindible para moitas persoas. Lanzouno en 2020 e desde entón foino ampliando ata superar os 32.000 termos. Engade abundante fraseoloxía e uns 2.500 topónimos do mundo. Alén diso, inclúe tamén sinónimos e frases feitas.

Podes consultalo en rinodicionarios.com/castelan-galego. Ademais, forma parte dos Rinodicionarios, un conxunto de catro dicionarios (castelán-galego, latín-galego, etimolóxico e complementario) dispoñibles tamén nunha app gratuíta para o móbil, froito da colaboración entre Rinoceronte e TICGAL.
O dicionario castelán-galego de Canedo
Por último, un recurso case descoñecido mais que paga a pena reivindicar. En canedo.eu, un sitio persoal, independente e sen ánimo de lucro creado por Manuel D. Q., veciño de Ponte Canedo (Ourense), alóxase un dicionario castelán-galego froito dun traballo persoal e minucioso.

É unha obra ampla, cun motor de busca propio e con máis de 31.000 entradas. Un exemplo de que calquera persoa pode achegar algo moi valioso á nosa lingua desde a súa propia iniciativa.
Podes consultalo en canedo.eu/dicionario.


