7 palabras que en galego significan unha cousa e en castelán outra moi distinta

As linguas próximas entre si, como o galego e o castelán, comparten moito vocabulario, mais tamén agochan trampas. Hai palabras que se escriben ou pronuncian case igual, pero que teñen significados moi distintos. A isto chámaselle falsos amigos.

Os falsos amigos son palabras que, polo seu aspecto semellante, fan que as confundamos cun significado que non lles corresponde. A maioría dos galegofalantes detectan facilmente estas diferenzas, mais, ás veces, cólanse na nosa fala sen decatármonos, especialmente ao traducirmos literalmente expresións do castelán. Neste artigo traémosche sete palabras que significan unha cousa en galego e outra moi distinta en castelán.

Almorzar

Para os galegos e galegas almorzar é tomar o almorzo, isto é, a primeira comida do día que adoita ir acompañada dun café. Porén, en castelán almorzar é o que para nós é xantar, é dicir, a comida do mediodía. Curiosamente, en Portugal, o jantar é a nosa cea.

Costas

A palabra costas tamén pode dar lugar a confusión porque non significa o mesmo ca en castelán. Se falamos do corpo humano, as costas son o lombo, é dicir, a parte traseira do tronco. Pola contra, cando en castelán se di “las costas del juicio”, en galego non se pode empregar *costas, senón que se di as custas dun proceso xudicial.

Desenrolar

Outra das palabras tramposas é desenrolar. En castelán, desarrollar pode referirse a facer medrar algo, traballar unha idea ou executar un proxecto. En galego, desenrolar ten un significado moito máis literal: quitar o rolo a algo. Por exemplo: desenrolar un cabo, unha venda ou un rolo de papel.

Para falar de evolución, progreso ou execución dun proxecto, a palabra axeitada é desenvolver: “desenvolver unha idea”, “desenvolver unha competencia” etc.

Largo

Outra palabra que xera confusión é largo. En castelán, cando alguén di “la mesa es muy larga”, está a referirse á súa lonxitude. Pero se en galego dicimos “a mesa é moi larga”, o que realmente estamos dicindo é que é moi ancha, non longa.

En galego, largo significa ancho, mentres que para falar da lonxitude usaremos longo ou longa. Así que se queres describir correctamente esa mesa no noso idioma, deberías dicir “a mesa é moi longa”. É un erro moi común ao traducir directamente do castelán sen pensar no cambio de significado.

Rato

Pasamos agora a rato. En castelán, “venir en un rato” significa chegar en pouco tempo. Pero se traducimos iso literalmente ao galego e dicimos “veño nun rato”, o que estamos dicindo é que vimos subidos enriba dun roedor.

En galego, rato non ten connotación temporal, senón que se refire exclusivamente ao animal ou ao aparello electrónico. Na nosa lingua, para expresar que imos en pouco tempo, diríamos cousas como “veño nun momento”, “veño decontado” ou “veño nun intre”.

Roxo

A palabra rojo en castelán tradúcese ao galego como vermello. Non hai dúbida de que un “coche rojo” é un coche de cor vermella. Porén, en galego roxo significa outra cousa moi distinta. Pode referirse a algo que está moi quente, como “o ferro estaba roxo”, ou tamén á cor do cabelo que tira a dourado ou cobre escuro.

Rubio

Outra palabra que adoita xerar confusión é rubio. En castelán, unha persoa rubia é aquela que ten o pelo claro, tirando a amarelo. En galego, non. Na nosa lingua esa cor de cabelo chámase louro e non *rubio.

A palabra rubio en galego úsase para describir a cor do cabelo ou do pelo tirando a vermello, acastañado ou cobre, o que en castelán sería pelirrojo. Polo tanto, se dis que alguén é rubio en galego, non estás dicindo que é louro, senón que ten o pelo avermellado.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
44
1/03/2023
8/09/2025
Os falsos amigos son palabras ou expresións moi similares en dúas linguas cuxo significado é diferente malia seren aparentemente idénticas. Aprende algunhas das máis interesantes!
Últimos artigos publicados
De andar ás minchas ao sobresaínte o vocabulario dos exames en galego
3/06/2026
3/06/2026
Estamos en época de exames e o vocabulario que usamos no día a día, ás veces, sae en castelán sen dármonos conta. Aquí tes un repaso ás ...
Aprende os nomes das especias e das herbas aromáticas en galego
27/05/2026
2/06/2026
Pimienta, cilantro, albahaca… Cantas veces usaches a palabra en castelán sen saber cal era a forma galega? O galego ten nomes propios para todas as especias e ...
Como se chaman os dedos da man en galego
20/05/2026
20/05/2026
Estira a man e mira os cinco dedos. Cada un ten o seu nome formal, mais tamén o seu alcume popular, ese que usan as avoas para ...

4 comentarios en “7 palabras que en galego significan unha cousa e en castelán outra moi distinta”

  1. Pois si , espera un rato e castrapismo
    corrente …
    Olvidar : Olvideime de cho dicir .
    O de esquecer/ esquecerse xa case non se utliza .
    Todavía por aínda/inda está de moda
    ….

    Responder
  2. Moi interesante o artigo, para min a palabra que me custa máis modificar o seu uso é “rato”, o resto maís ou menos úsoas, creo, corrrectamente

    grazas, saúdos

    Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer