Da canícula ao tosteiro: vocabulario galego para esta vaga de calor


Cando chega a calor, o galego ten palabras para todo, isto é, para o sol que queima, para o aire que non corre, para a sede que aperta e para ese momento en que o corpo xa non pode máis. Aquí tes o vocabulario que necesitas para falar da calor con xeito.

Abafar

Cando a calor aperta tanto que respirar custa traballo, en galego abafamos. Non é só cansazo, é esa sensación de que o aire non chega. Tamén se pode dicir acorar, alasar, arfar, arquexar, azazar ou folguexar, entre outros.

Fogaxe

A fogaxe é esa calor húmida e pegañenta que non deixa respirar. Mais en galego temos moitas máis formas de dicilo: alfa, caldelo, calmazo, calmizo, calmuzo ou recalmo. Todas describen esa sensación de que o aire está parado e quente.

Ardentía

A ardentía é a sensación de calor intensa que notamos na pel despois de estar ao sol ou ao tocar algo quente. Tamén se chama ardencia ou ardor.

Asura

Palabra moi expresiva para describir a sensación de calor moi intensa e dolorosa causada pola sede. Cando a sede aperta de verdade, en galego sentimos asuras.

Caloroso

Un día caloroso é un día que vai moita calor, que nos fai suar e buscar a sombra. Sinónimo de quente cando se aplica ao tempo ou ao ambiente.

Canícula

O período máis caloroso do ano, que vai aproximadamente desde finais de xullo a primeiros de setembro. A canícula é o momento en que o sol aperta máis e as noites non arrefrían.

Roxar

Cando a pel se pon de cor vermella polo efecto do sol ou da calor, en galego roxa.

Seca

A seca ou secura é a falta prolongada de chuvia, ese período en que secan as fontes baixan e a auga dos ríos mingua.

Solleiro

Un día solleiro é un día con moito sol, luminoso e despexado. Aplícase tamén aos terreos ou lugares onde bate o sol de cheo. O seu contrario é avesedo ou avesío, os lugares onde non chega o sol.

Tosteiro

O tosteiro é a calor forte e directa do sol, esa que queima e que nos obriga a buscar a sombra.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Os insectos voadores do verán en Galicia
1/07/2026
1/07/2026
Co verán chegan as noites longas, a calor e tamén os insectos. Algúns son benvidos, outros non tanto, mais todos forman parte da paisaxe galega nesta época ...
Incendios.gal a web cidadá para documentar os lumes en Galicia
17/06/2026
17/06/2026
Cada verán, e xa sen esperar o estío, Galicia arde. Ás veces, a información é dispersa e, a miúdo, quen está a ver o lume directamente non ...
Que serie da Xeración Xabarín marcou a túa personalidade Fai o test e descúbreo
10/06/2026
10/06/2026
Todo comezou o 18 de abril de 1994. Un xabarín con camisola amarela animábanos a afiliarnos ao seu club. Durante anos, as tardes de miles de nenos ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer