Os xogos de mesa son unha excelente forma de pasar o tempo en compañía, aprender novas habilidades e divertirse. Se a todo isto lle sumamos a posibilidade de xogar en galego, o pracer é dobre. Neste artigo, vas descubrir algúns dos mellores xogos en galego.
Xogos en galego en Internet
Cursos.gal
Cursos.gal ofrece unha serie de xogos en galego pensados para reforzar vocabulario e mellorar a comprensión escrita mentres te divirtes.
Nesta páxina atoparás sopas de letras, enforcados e encrucillados, todos eles deseñados para que practiques palabras sobre animais, plantas, tradicións, vivenda, xogos, deportes e moito máis.
Pensatermos
A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou Pensatermos, un xogo ameno e gratuíto para entreterse a calquera hora do día e que consiste en formar palabras a través de sete letras, sendo unha delas de uso obrigatorio.
Wordle galego
Wordle Galego é un xogo en liña de adiviñanza de palabras onde os xogadores teñen que descubrir unha palabra oculta de cinco letras nun máximo de seis intentos. O obxectivo é atopar a palabra correcta usando a lóxica e as pistas proporcionadas por cada intento. Hai dúas versións do Wordle, a primeira é máis doada porque na segunda versión as palabras poden levar acento.
Logaliza
O xogo Logaliza é similar a Worldle, mais nesta ocasión amosa imaxes representativas de comarcas galegas. Os xogadores teñen catro intentos con pistas sobre a distancia e dirección para adiviñar o lugar.
GaliGuessr
Galiguessr é un quiz interactivo de xeografía de Galicia en que tes que adiviñar distintas localizacións. O obxectivo é marcar no mapa o punto que cres correcto e gañar puntos segundo a proximidade á localización real. Podes escoller entre diferentes modos de xogo, como comarcas, concellos, vilas e cidades, ríos, natureza ou 100 % azar. É unha ferramenta perfecta para explorar Galicia, aprender xeografía e divertirse.
Aplicacións para o móbil
Ximnasio Léxico
A RAG creou unha innovadora aplicación de xogos lingüísticos baseada no seu propio Dicionario, dispoñible para dispositivos móbiles en Android e iOS chamada Ximnasio Léxico.
Esta aplicación ofrece dúas modalidades principais: adestrar e competir. Unha vez que as persoas xogadoras se senten preparadas, poden pasar á competición, que está estruturada en tres niveis de dificultade (inicial, medio e superior), o que garante un reto adecuado para cada nivel de coñecemento da lingua galega.
Xogos de mesa en galego
Pido Papas
Pido Papas é unha web que ofrece pasatempos en galego, como sopas de letras e escape rooms para imprimir, dirixidos a todas as idades.
Vacaloura
Vacaloura é un xogo de mesa para aprender, practicar e mellorar coñecementos sobre lingua galega. Serve tanto para galegofalantes como neofalantes.
Ti non es de aquí?
Ti non es de aquí? ten un formato parecido ao Trivial para poñer a proba os coñecementos sobre 5 áreas temáticas sobre Galicia (xeografía, lingua, literatura, historia, deporte…).
Baralla Galega
A Baralla Galega é un xogo de cartas que versiona os catro paos da baralla tradicional coa vieira, a cunca de viño, o fouciño e o pemento de Padrón como os catro elementos representativos da nosa cultura popular.
Cordadas
MemoFEM
O gatipedro
O Gatipedro é un xogo de axilidade mental onde os xogadores deben desfacerse das cartas o máis rápido posible. As cartas están baseadas en lendas de oito seres mitolóxicos galegos e deben ser colocadas de acordo coas súas historias.
4 comentarios en “Os mellores xogos en galego. Diversión asegurada coa nosa lingua”
Paracenme moi interesantes estes xogos e de moita utilidade
Bravo, encántanme, só coñezo a batalla, obrigada
Moi boa idea!
Descoñecía a maior parte dos xogos. Moi interesante o artigo, grazas!