Aprende os nomes das especias e das herbas aromáticas en galego

Pimienta, cilantro, albahaca… Cantas veces usaches a palabra en castelán sen saber cal era a forma galega? O galego ten nomes propios para todas as especias e herbas aromáticas, moitas delas con formas que seguramente xa coñeces sen sabelo.

Aquí tes un repaso completo.

Alfábega

En castelán albahaca. Herba imprescindible na cociña mediterránea, especialmente no pesto e nas ensaladas con tomate.

Aneto

En castelán eneldo. Herba aromática de sabor suave e lixeiramente anisado, moi usada na cociña escandinava e centroeuropea para acompañar peixe, especialmente o salmón.

Anís

Moi usado na repostaría e na elaboración de doces tradicionais galegos, como as rosquillas ou as orellas de Entroido.

Azafrán / Sasafrán

O galego admite as dúas formas: azafrán e sasafrán. A especia máis cara do mundo, obtida dos estigmas da flor do Crocus sativus, úsase para dar cor e sabor a arroces e guisos.

Canela

Cortiza aromática imprescindible na repostería galega, especialmente nas filloas e no arroz con leite.

Chile

Pemento pequeno e picante orixinario de México, usado para dar sabor a guisos e salsas.

Coandro / Coriandro

En castelán cilantro. Herba aromática moi usada na cociña asiática, latinoamericana e do norte de África. Ten un sabor moi característico que divide opinións. Hai quen o adora e quen lle atopa un sabor a xabón.

Comiño

Semente aromática moi usada na cociña mediterránea e oriental, e presente nalgúns embutidos tradicionais.

Cúrcuma

Raíz de cor amarela intensa, cada vez máis presente na cociña galega pola súa incorporación desde a tradición asiática.

Estragón

Herba aromática moi usada na cociña francesa, especialmente en salsas e carnes.

Fiúncho / Fiollo

Planta moi abundante en Galicia cun cheiro semellante ao anís. Úsase como condimento, especialmente para cocer castañas. Ademais, é unha das herbas tradicionais do cacho de San Xoán e ten propiedades medicinais, especialmente dixestivas e diuréticas.

Loureiro / Gamallo

As súas follas son imprescindibles en caldos, escabeches e cocidos galegos.

Mostaza

Úsase en salsas e aliños ou como condimento en carnes e embutidos.

Noz moscada

Especia de aroma intenso, moi usada en bechamel e en repostería.

Ourego

Herba imprescindible na cociña galega, presente en moitos pratos de carne, peixe ou embutidos. Tamén é un dos condimentos máis usados na pizza.

Paprica

Especia orixinaria de Hungría que se obtén de diversas variedades de pemento seco e moído. Pode ser doce ou picante.

Pementa

Distínguense varios tipos: a pementa negra, que conserva a codia e é a máis usada na cociña; a pementa branca, privada de codia e de sabor máis suave; e a pementa verde, recollida antes de madurar.

Hai ademais variedades máis específicas, como a pementa de caiena, especia picante extraída de pementos do xénero Capsicum, tamén coñecida como caiena ou chile en po, e a pementa de caimán, unha especia de África Occidental elaborada coas sementes e vaíñas de especies do xénero Aframomum.

Pemento

Pimentón en castelán tradúcese como pemento en galego. Distinguimos entre pemento doce ou pemento picante. É o condimento estrela do polbo á feira.

Perexil / Pirixel

Herba fundamental na cociña galega, especialmente no peixe, no marisco e nas patacas.

Romeu

Herba aromática moi presente na cociña galega, usada especialmente en carnes asadas, cordeiro e coello. Tamén forma parte das herbas tradicionais do cacho de San Xoán.

Vainilla

Especia obtida dunha orquídea tropical, imprescindible na repostería.

Xenxibre

Raíz aromática de orixe asiática, cada vez máis presente na cociña galega contemporánea. Tamén se usa en medicina natural para aliviar as náuseas.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
vendima en galego
19/08/2026
19/08/2026
A piques de comezar setembro, achégase un dos momentos máis importantes do ano no campo galego: a vendima. Nas Rías Baixas, na Ribeira Sacra, en Valdeorras, no ...
o vocabulario da eclipse
5/08/2026
5/08/2026
O 12 de agosto de 2026 os ollos de toda Galicia estarán postos no ceo debido á eclipse total de Sol, un fenómeno que non se vía ...
Dis orquesta Pois estás a dicilo mal
29/07/2026
4/08/2026
Chega o verán e con el as festas, as verbenas e as noites de troula. Mais hai algunhas palabras moi típicas destas datas que non se adoitan ...

6 comentarios en “Aprende os nomes das especias e das herbas aromáticas en galego”

  1. e o “cilantro”? son coentros? coengos? como din en Portugal. Imaxino que á alfábega non se lle pode chamar basílico, ou si?

    Responder
    • Ola! Pois “cilantro” en galego é “coandro” ou o seu sinónimo “coriandro”. Sobre a alfábega, A RAG só recolle esa forma. Porén, se consutamos o bUSCatermos, tamén nos dá como variantes as formas “albaca” ou “alfabaca”.

      Responder
  2. Ola, parabéns pola iniciativa! Botei en falta o coandro, xa que facedes mención na introdución. E tamén o aneto, que non poden faltar en calqueira cociña. Saúdos.

    Responder
  3. ¿Cal sería a traducción ó castelán de “nébeda” ou “néveda”, unha herba moi usada na miña zona para coce-las castañas, xunto co fiuncho?

    Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer