O 23 de xuño é unha noite máxica por moitos motivos e unha das tradicións máis estendidas, alén de saltar as cacharelas un número impar de veces, é facer o cacho de San Xoán. Para iso, cómpre recoller unha serie de herbas e metelas nunha talla con auga.
Despois, déixase ao orballo toda a noite e ao día seguinte lavamos a cara con ela para espantar o mal de ollo e tamén para rexubecer a pel e curar enfermidades.
Como se fai o cacho de San Xoán?
A nosa tradición dinos que hai que coller a auga de sete fontes, aínda que se é dunha soa tampouco pasa nada. O importante é que reciba o orballo da noite para recibir as propiedades máxicas.
En canto ás herbas, non existe unha receita concreta, senón que depende moito de en que parte do territorio esteamos. Porén, hai algunhas plantas que adoitan coincidir como os estalotes, a malva, o fento, o fiúncho, a abeloura ou o codeso.
Cales son as herbas de San Xoán?
estalotes
Ademais de utilizalos no cacho, nalgunhas zonas tamén é típico colgalos na porta da casa para non deixar pasar o mal de ollo e protexer a vivenda durante todo o ano.
fento
fiúncho
macela
hortelá
abeloura ou herba de San Xoán
malva
silveira
E ti, que herbas usas para facer o cacho de San Xoán?