A herba de namorar: a flor máxica do amor en Galicia

En Galicia, terra de meigas e tradicións ancestrais, existen moitas crenzas populares ligadas ás plantas. Unha das máis fascinantes é a da herba de namorar, unha pequena flor que, segundo a lenda, posúe poderes máxicos para atraer e fortalecer o amor. Pero que hai de certo nisto? É só superstición ou unha tradición que perdura? Neste artigo, descubrimos a historia e os usos desta misteriosa herba.

Que é a herba de namorar?

A chamada herba de namorar corresponde botánicamente á Armeria maritima, unha pequena planta que medra en terreos areosos, especialmente en zonas costeiras e cantís. En Galicia, é habitual vela en lugares como a Costa da Morte ou a Mariña lucense, onde a súa presenza está envolta en lendas e crenzas máxicas

Tamén coñecida como empreñadeira, a herba de namorar destaca polas súas delicadas flores rosadas, que aparecen en pequenos grupos redondeados sobre longos talos finos. Estas flores florecen na primavera e no verán, resistindo os ventos fortes e a salinidade do mar, o que simboliza a forza e a resistencia do amor verdadeiro.

Hoxe en día, a herba de namorar segue sendo un emblema da tradición galega, protagonista de múltiples lendas e fonte de inspiración para a poesía e a cultura popular.

A lenda da herba de namorar

Segundo o imaxinario popular, a herba de namorar ten propiedades máxicas para conseguir o amor correspondido. Segundo a tradición, debe recollerse en San Xoán antes do solpor e meterse no peto da persoa amada sen que se decate. A súa maxia é tan forte que non ten volta atrás.

En San Andrés de Teixido, onde a planta é abundante, segue a empregarse en ritos tradicionais non só para o amor, senón tamén para a fertilidade e o matrimonio. Alí, as persoas que buscan amor ou descendencia recollen a herba de namorar e os xuncos de ben parir para ofrecerllos ao santo no santuario.

A herba de namorar,
a herba namoradeira,
a herba de namorar,
tráiocha na faldriqueira.

Herba de namorar: crenza ou realidade?

Hoxe en día, a herba de namorar segue sendo un símbolo romántico en Galicia. Moitas persoas a recollen como amuleto ou regálana como xesto de amor. Se funciona ou non, iso xa depende de cada quen! O que é seguro é que esta pequena flor segue sendo un recordo da forte conexión entre a natureza e a cultura popular galega.

Cando se celebra o día dos namorados en Galicia?

En Galicia, o verdadeiro Día dos Namorados celébrase o 2 de febreiro, no Día da Candeloria, e non o 14 de febreiro, como marca a tradición de San Valentín. Segundo o refrán popular, “Pola Candeloria, casan os paxariños e vaise a galiñola”, facendo referencia á chegada da luz e á época en que as aves empezan a buscar parella. Esta data simboliza o renacer do amor e o inicio dun novo ciclo vital, unha celebración ligada á natureza e ao cambio de estación.

A Candeloria ten raíces antigas que combinan tradicións pagás e cristiás. No pasado, esta festividade marcaba a metade do inverno e a preparación para a primavera. O seu nome vén das candeas que se bendicían nas igrexas ese día, representando a purificación e a luz. No imaxinario popular, asociouse co amor porque se dicía que era a época na que os paxaros formaban parella, interpretándose como un tempo propicio para os compromisos amorosos.

Aínda que San Valentín gañou terreo nos últimos tempos debido á influencia comercial, a Candeloria segue sendo, para moitos galegos e galegas, a verdadeira data do amor. A súa esencia está máis vencellada á conexión coa natureza e á idea de amor como un ciclo vital, afastada do consumismo moderno. Recuperar esta tradición é reivindicar unha maneira máis auténtica e propia de celebrar o amor, baseada na cultura galega e nos seus valores ancestrais.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
O Día da Candeloria en Galicia. Unha tradición que marca o ciclo da natureza e do amor

2/02/2025

O 2 de febreiro celébrase en Galicia o Día da Candeloria, unha festividade con profundas raíces na nosa cultura, onde se mesturan rituais relixiosos, crenzas populares e ...
38

25/03/2024

Coa chegada da nova estación é unha gozada escoitar os paxariños ao amencer. Por iso mesmo, a seguir, tedes algunhas das aves máis frecuentes na nosa terra ...
Últimos artigos publicados
dicionario da fala valdeorresa

12/11/2025

A fala de Valdeorras, como a de tantas outras comarcas galegas, agocha un tesouro de palabras únicas, cheas de historia, matices e identidade. E agora, todo ese ...
orixe da palabra magosto

10/11/2025

O magosto é unha das festas máis queridas do outono galego. Arredor do lume, con castañas asadas e viño novo, celébrase o encontro entre o mundo rural, ...
castañas e magostos en galego

5/11/2025

Cando chega o tempo das castañas, en Galicia non só as comemos: falamos delas. E para falarmos ben, hai que coñecer o vocabulario auténtico do souto e ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer