Os insectos voadores do verán en Galicia: nomes e curiosidades

Co verán chegan as noites longas, a calor e tamén os insectos. Algúns son benvidos, outros non tanto, mais todos forman parte da paisaxe galega nesta época do ano.

Se che interesa coñecer os animais que nos rodean, este artigo é para ti. O galego, coma sempre, ten diversos nomes para cada un deles.

Abella

O insecto polinizador por excelencia. Sen as abellas non habería froitas nin flores, xa que son responsables da polinización dunha parte moi importante dos cultivos do mundo. Unha abella obreira pode visitar ata 1.500 flores nun só día.

Este verán, se fas unha ruta polo Courel ou polos Ancares, é probable que te atopes cunha alvariza, tamén chamada abellariza ou cortín. Trátase dunha construción tradicional, xeralmente de muro circular, onde se gardan as colmeas. Son parte do patrimonio etnográfico galego e un testemuño vivo da relación histórica de Galicia coa apicultura.

Abellón

En galego, o nome abellón emprégase para designar tres insectos diferentes, segundo o contexto e a zona.

Por unha banda, pode referirse ao macho da abella, tamén coñecido como abáboro ou abázcaro. Este insecto non ten aguillón e vive na colmea ata que remata a tempada de reprodución.

Por outra banda, tamén recibe o nome de abellón o insecto grande e ruidoso semellante á abella que vive en pequenas comunidades, coñecido igualmente como abesouro. O seu zunido forte adoita delatalo antes mesmo de que se vexa.

Finalmente, abellón pode designar a avespa xigante (Vespa crabro), caracterizada pola cabeza alongada e a cor ferruxenta. Este insecto tamén recibe os nomes de abáboro, abázcaro ou tártago.

Avespa

De corpo máis esvelto que a abella e abdome amarelo con raias negras, a avespa pode picar varias veces seguidas, mentres que a abella perde o aguillón na primeira picadela.

Tamén se admiten as variantes avéspora ou nespra.

Avelaíña

De corpo arredondado e piloso, esta bolboreta nocturna voa rápido e é atraída polas luces artificiais. Tamén se chama matacandís ou velairiña.

Na tradición popular galega atribúenselle propiedades máxicas. Ver unha avelaíña ou que se pouse na fiestra é sinal de que trae boas novas. Pero moito ollo! Matala trae consigo a mala sorte.

Bolboreta

Un dos insectos máis recoñecibles do verán cos seus dous pares de ás de cores vistosas e o seu voo pausado de flor en flor. Aliméntase do néctar usando un aparello bucal en forma de trompa. En galego tamén se pode chamar papoia, choruma ou paxarela.

Cabalo do demo

De ollos enormes e abdome fino e longo, o cabalo ou cabaliño do demo é un depredador eficaz que caza outros insectos ao voo con gran precisión. Pode ver case 360 graos ao seu redor grazas aos seus ollos compostos por unhas 30 000 facetas.

Mosca

Insecto omnipresente no verán galego. As moscas son atraídas pola calor e pola comida, e poden transportar bacterias nas patas.

Mosquito

De patas longas e trompa fina, son as femias as que chuchan o sangue, necesario para a maduración dos ovos. En galego tamén se chaman cínfano ou cínife.

Vagalume

Un dos insectos máis fermosos das noites de verán galegas. O vagalume emite luz a través do abdome mediante unha reacción química chamada bioluminiscencia. Os machos voan emitindo escintileos para atraeren as femias, que responden desde o chan.

É o insecto con máis nomes en galego: bicho do lume, lucecú, coco de luz, meiga, vella, vella do caldo, vella dos valados, vella facendo as papas, vella facendo o caldo, vella sen dentes, velliña da cea, verme canteiro, verme carpinteiro, verme da luz ou verme de luz. Tanta riqueza léxica di moito do lugar especial que este insecto ocupa no imaxinario popular galego.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
Adiviñas tradicionais galegas sobre animais
18/03/2026
18/03/2026
As adiviñas forman parte da nosa tradición oral e durante xeracións empregáronse como xogo, exercicio de enxeño e ferramenta para aprender vocabulario. Moitas delas describen animais a ...
9
2/12/2024
28/02/2025
A lingua galega ten unha riqueza léxica extraordinaria para describir os sons dos animais. Estas palabras non só capturan a esencia de cada especie, senón que tamén ...
38
25/03/2024
19/03/2026
Coa chegada da primavera Galicia énchese de chíos e rechouchíos, e convértese no momento perfecto para observar aves e recoñecer os paxaros máis habituais da nosa terra. ...
Últimos artigos publicados
Incendios.gal a web cidadá para documentar os lumes en Galicia
17/06/2026
17/06/2026
Cada verán, e xa sen esperar o estío, Galicia arde. Ás veces, a información é dispersa e, a miúdo, quen está a ver o lume directamente non ...
Que serie da Xeración Xabarín marcou a túa personalidade Fai o test e descúbreo
10/06/2026
10/06/2026
Todo comezou o 18 de abril de 1994. Un xabarín con camisola amarela animábanos a afiliarnos ao seu club. Durante anos, as tardes de miles de nenos ...
De andar ás minchas ao sobresaínte o vocabulario dos exames en galego
3/06/2026
4/06/2026
Estamos en época de exames e o vocabulario que usamos no día a día, ás veces, sae en castelán sen dármonos conta. Aquí tes un repaso ás ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer