14 palabras para falarmos do frío en galego

En Galicia, sabemos ben o que é pasar frío. O inverno pode ser húmido, seco, con xeadas ou con neve, pero hai algo que nunca falta: as palabras para describilo. A nosa lingua ten unha riqueza léxica enorme para falar do frío en todas as súas formas e hoxe imos explorar algunhas das máis interesantes.

Se algunha vez sentiches un frío que cala nos ósos ou unha friaxe que che fixo tremer, este artigo é para ti!

Abrigadoiro

Un lugar para resgardarse do vento, a chuvia ou o frío en galego chámase abrigadoiro, abeiradoiro, abeiro, abrigo, acolleito, acubillo ou refuxio.

Acurrunchar

Acurruncharse, acuruxarse ou engruñarse descríben a acción de encoller o corpo para protexerse do frío, dun ataque ou mesmo para esconderse. Esta postura é moi típica nos días fríos, cando buscamos abrigo baixo unha manta ou nos pechamos sobre nós mesmos para conservar a calor.

Arrecer

Cando nos quedamos entumecidos a causa do frío, en galego podemos utilizar os versos arrecer, aterecer ou entanguecer.

Azourido/a

En galego, azourido, azuído ou lívido son adxectivos que describen a pel denegrida, amoratada ou esbrancuxada polo frío ou por un malestar físico. Se algunha vez pasaches moito frío e quedaches coa cara ou coas mans pálidas ou azuladas, xa sabes o que significa estar azourido.

Bracuñar

Bracuñar ou tremelicar son verbos galegos que significan tremer co frío. Describen ese movemento involuntario que fai o corpo cando tenta loitar contra as baixas temperaturas.

Calafrío

Cando sentimos un tremor repentino e unha sensación de frío intensa, podemos falar dun calafrío ou dun chucho.

Carambelo

Un carambelo refírese tanto á capa de xeo que se forma sobre unha superficie líquida cando fai moito frío como ás pingas de auga conxeladas que quedan colgando de tellados, árbores ou outros obxectos ao conxelarse a auga que cae. É común atopar carambelos nos días máis fríos do inverno, cubrindo lagoas ou pendurando dos beirados das casas, creando fermosas pero xeadas imaxes. As palabras carambo, caramelo e candea tamén describen estas formacións xeadas tan típicas dos invernos galegos e os termos cadorno, calistro ou lazo tamén se poden utilizar para describir a capa de xeo.

Desaferrecer

Desarrefecer ou desentumecerse significa recuperar a axilidade ou o movemento despois de pasar frío. Usámolo cando as mans, os pés ou o corpo quedan ríxidos polo frío e necesitan calor para volver á normalidade.

Encandecer

Cando unha parte do corpo queda tesa a cousa do frío, en galego usamos os verbos encandecer, entalar ou entumecerse.

Engabuñar

En galego, engabuñar(se) é un verbo que describe o efecto do frío sobre o corpo, deixándoo ríxido ou insensible. Por exemplo: Pon o gorro para que non se che engabuñen as orellas. Tamén podemos dicir engaimar(se), entalar(se) ou entumecer(se).

Friaxe

A friaxe é o frío do ambiente, esa sensación de aire frío que se nota no exterior e que, en días de inverno, pode calar no corpo e facer necesaria unha boa capa de roupa para combatela.

Friento/a

As persoas que son especialmente sensibles ao frío ou que sempre teñen frío denomínanse en galego frientas ou friorentas. Son aquelas que, incluso con temperaturas suaves, precisan abrigarse máis que o resto.

Secafría

A secafría é unha brétema densa acompañada de moito frío, típica das mañás de inverno. Este fenómeno mestura humidade e baixa temperatura, creando unha sensación que cala ata os ósos e fai tremer incluso aos máis preparados.

Viruxe

En galego, chamámoslle viruxe ao vento particularmente frío e desagradable, ese que parece que che corta a cara cando sopra nos días máis duros do inverno. É un termo perfecto para describir o frío que trae consigo o vento húmido e xeado tan típico do inverno galego.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
refráns xaneiro

5/01/2025

Xaneiro é un mes de frío, xeadas e predicións sobre o tempo que marcará o resto do ano. A seguir, deixámosche unha selección dos mellores refráns de ...
29

2/10/2024

A choiva é unha das grandes protagonistas do noso clima e, como non podía ser doutro xeito, a lingua galega ten unha riqueza léxica inmensa para describila. ...
Últimos artigos publicados
refráns galegos de outubro

1/10/2025

Outubro chega co arrecendo da terra mollada, coas primeiras noites frías e cos ourizos das castañas espallados polos soutos. É un mes de transición, o verán xa ...
nomes cidades galegas

24/09/2025

Por que Lugo se chama así? E de onde vén a palabra Compostela? Detrás de cada topónimo hai pegadas de pobos prerromanos, da presenza romana e mesmo ...
fakenews

15/09/2025

Nos últimos anos a expresión inglesa fake news espallouse por todas partes: nos medios de comunicación, nas redes sociais e mesmo nas conversas cotiás. Mais precisamos realmente ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer