20 castelanismos frecuentes que debes eliminar da túa fala

20 castelanismos frecuentes que debes eliminar da túa fala

Eliminar os castelanismos da nosa fala é un paso importante para dignificar o galego e preservar a súa autenticidade. Aínda que ás veces non nos decatemos, moitas palabras e expresións do castelán infiltráronse no noso vocabulario diario. Identificar e corrixir estas interferencias non é unha cuestión de purismo, senón un acto de conciencia lingüística e respecto pola nosa lingua.

Velaquí che deixo unha selección de 20 castelanismos que usamos acotío e que é importante substituír polas formas correctas en galego.

Aportar

Un dos exemplos máis habituais é o verbo *aportar, que, aínda que parece natural de tanto escoitalo, non é galego. O verbo achegar é a opción axeitada para expresar que alguén contribúe con algo. Ex.: Tareixa achega boas ideas.

Buzón

Outro castelanismo común é *buzón, cando en realidade en galego dicimos caixa do correo.

Casilla

Tamén está *casilla, que aparece moito nos formularios e en contextos administrativos, cuxa forma correcta é casa. Ex.: Marca a casa adecuada.

Chicle

Se che gusta mascar *chicle, debes saber que en galego é goma de mascar.

Conlevar

Cando queremos expresar que unha acción implica consecuencias, ás veces, empregamos o verbo *conlevar, que é un calco do castelán. En galego, é mellor usar implicar ou supor. Ex.: Este proxecto implica moito esforzo.

Cumpreanos

Non é raro escoitar *cumpreanos, pero esa palabra é unha mala tradución do castelán. En galego, dicimos aniversario.

Enterarse

Seguro que algunha vez dixeches algo así como “*Enterácheste do que pasou?”. Pois en galego non existen os verbos *enterarse e moito menos *enteirarse. O correcto é decatarse. Ex.: Xa me decatei de que hoxe non hai clase.

Espalda

Outro erro común é dicir *espalda cando deberiamos dicir lombo ou costas. Por exemplo, se estás falando dunha dor física, cómpre dicires Dóeme o lombo ou Dóenme as costas.

Gafas

Outro exemplo que se nos escapa son *gafas, que en galego é lentes ou anteollos.

Grifo

E que dicir de *grifo? En lugar de *Abre o grifo da auga, o correcto é dicir Abre a billa da auga.

Lexos

Unha palabra que tamén se meteu na nosa fala é *lexos, que en galego debe ser lonxe.

Orquesta

Tampouco debemos esquecer *orquesta, que é incorrecto en galego. A forma correcta é orquestra. Ex.: Non sabería dicir se a Panorama é a mellor orquestra de todas.

Pegatina

Algo semellante ocorre con *pegatina, que en galego é adhesivo.

Plantexar

En canto a *plantexar, a forma axeitada é expor. Se tes unha idea, non a *plantexes, senón expona.

Plantilla

Outro termo incorrecto é *plantilla. Se falamos dun grupo de persoas, como os xogadores dun equipo, debemos usar cadro. Ex.: O cadro de xogadores é moi bo.

Se te refires a algo que se usa dentro dos zapatos, a palabra correcta é soleta. E se queres nomear a peza que serve de referencia para elaborar outras iguais, en galego dicimos modelo.

Pobo

Moitos de nós tamén usamos pobo incorrectamente para referirnos a unha vila ou aldea. En galego, deberíamos dicir vila ou aldea (dependendo do tamaño).

Soer / soler

A confusión tamén chega con *soer, unha forma incorrecta derivada do castelán soler. En galego, o verbo correcto é adoitar ou acostumar.

Sen embargo

Un dos erros máis estendidos é *sen embargo, cando o correcto é porén ou con todo.

Ubicar

Cando queremos falar de onde se sitúa algo, non debemos dicir *ubicar, senón situar ou localizar. Por iso, desde Google Maps non podemos mandar a nosa *ubicación, mais si a nosa localización ou situación.

Xove

Por último, mais non menos grave, está *xove, que en galego debe ser novo/a. Se falas dunha persoa nova, non digas *A miña irmá é moi xove, senón A miña irmá é moi nova.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
castelanismos na cociña

22/01/2025

Sen darnos conta, abrimos a porta a castelanismos que pouco a pouco van desprazando termos galegos ben nosos.
36

10/04/2024

En galego existen determinados pares de palabras que, pola súa semellanza, adoitan crear confusión. Por iso, neste artigo resolvemos algunhas das dúbidas léxicas máis frecuentes.
50

29/03/2023

Todas as linguas están cheas de frases feitas e esta combinación de palabras ten un significado concreto que nada ten que ver co significado individual de cada ...
Últimos artigos publicados
postais de nadal en galego

17/12/2025

Chega o Nadal e con el a tradición de enviarlles felicitacións aos nosos seres queridos. Este ano, desde As chaves da lingua ofrecémosche unha ferramenta completamente gratuíta ...
Libros do Apalpador

15/12/2025

O Apalpador é unha das figuras máis entrañables da tradición galega do Nadal. Este xigante bondadoso que baixa das montañas na Noiteboa para apalpar as barrigas dos ...
Filmes de Nadal en galego dispoñibles en Netflix

14/12/2025

O Nadal tamén se pode ver en galego. En Netflix hai algúns filmes de temática natalicia que permiten escoller o galego como idioma, unha opción pouco coñecida ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Agasallo de Nadal

Calendario 2026: 365 días para vivir en galego

Agasallo de Nadal

Calendario 2026: 365 días para vivir en galego