Descubre por que está mal vivir nun pobo

Vives nun pobo? Xa che digo eu que iso é imposible porque en galego esa frase non significa o que cres.

*Vou ao pobo,*o pobo da miña avoa etc. son expresións que non teñen ningún tipo de sentido na lingua galega. Por tanto, cómpre evitármolas.

Para falar dun núcleo de poboación só hai tres opcións: aldea, vila ou cidade. Cada unha ten un valor concreto e non son intercambiables.

Núcleos de poboación en Galicia

En galego, os asentamentos humanos clasifícanse en tres categorías principais. Cada termo ten un significado preciso e non é intercambiable. Empregalos con corrección evita castelanismos e axuda a describir con exactitude o tamaño e a función de cada lugar.

Aldea

É o núcleo máis pequeno. Ten poucos veciños, carácter rural e unha vida comunitaria marcada pola proximidade. As aldeas acostuman organizarse arredor dunha parroquia que historicamente funciona como punto de referencia.

Exemplos:

Todos os domingos vai comer cos seus avós á casa da aldea.
Na parroquia hai varias aldeas.

Vila

É un núcleo intermedio, máis grande ca unha aldea e máis pequeno ca unha cidade. Dispón dun centro urbano recoñecible, actividade comercial e servizos básicos. En Galicia é frecuente que a vila sexa o corazón económico e administrativo dun concello ou comarca.

Exemplos:

O mercado da vila énchese os xoves.
Nesta vila hai varias panadarías ben famosas.

Cidade

É o núcleo de maior entidade. Conta cun número elevado de habitantes, maior densidade de poboación e ampla oferta de servizos, comercio e emprego nos sectores secundario e terciario. As cidades son tamén centros culturais e de transporte.

Exemplos:

Teño que ir á cidade para arranxar uns papeis.
As cidades galegas medraron moito nas últimas décadas.

Entón, que significa pobo?

En galego non é un lugar. É un colectivo humano unido por unha lingua, unhas tradicións, unha historia ou unhas institucións comúns.

Exemplos:

O pobo arxentino foi ás urnas recentemente.
Na Cidade da Cultura hai unha exposición sobre o pobo xudeu.

Igualmente, podemos empregar o termo pobo para nomear a xente do común en contraposición ás clases con máis poder económico ou social.

Exemplo:

É un home do pobo.

O erro habitual vén da interferencia co castelán, onde pueblo serve para designar unha localidade pequena. En galego non funciona así. Se falas dun núcleo de poboación, escolle sempre entre aldea, vila ou cidade.

Se queres seguir afinando léxico con falsos amigos e termos problemáticos, podes ler tamén o artigo Palabras que non son o que parecen.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
O vocabulario do material escolar en galego
9/09/2026
9/09/2026
Hoxe comezan as aulas en Galicia e, con elas, volven as mochilas ás costas, os cadernos aínda sen estrear e as présas das mañás para non perder ...
apps para aprender galego
3/09/2026
3/09/2026
Non hai mellor forma de aprender unha lingua que usala tamén no lecer. O móbil, que levamos sempre enriba, pode converterse nun aliado para aprender galego mentres ...
Mosteiro de Samos
26/08/2026
26/08/2026
Ás veces a historia agóchase nos lugares máis inesperados. Esta fin de semana fun visitar o mosteiro de Samos e descubrín algo que non sabía. Alí viviu ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer