9 frases feitas que, se cadra, dis mal

Todas as linguas están cheas de frases feitas e esta combinación de palabras ten un significado concreto que nada ten que ver co significado individual de cada palabra. Por iso, moitas veces cando queremos traducir unha frase feita dunha lingua a outra, non o podemos facer literalmente.

A seguir, déixoche unha lista de nove frases feitas que é moi probábel que utilices. 

*A cegas → ás cegas

Poida que sexas desas persoas que ven First Dates todas as noites. Se é así, tes que saber que cando vas a unha cita sen coñecer a outra persoa, vas a unha cita ás cegas.

*A paso de tartaruga → a paso de boi 

Seguramente, nalgún momento da túa infancia alguén che contou o conto da lebre e da tartaruga. Malia que nesta fábula descubrimos que con constancia todo se consegue, o certo é que non podemos medir o tempo en pasos de tartaruga. Por iso, cando queremos dicir que algo ou alguén vai moi lento temos dúas opcións: a paso de boi e a paso de formiga.

*A toda pastilla → a fume de carozo 

Se es das persoas que adoran a velocidade e respectar os límites non é o teu, neste caso poderiamos dicir que che gusta ir a fume de carozo ou a fume de biqueira.

*Buscarlle as cosquillas → buscarlle as cóxegas

En galego non temos cosquillas, senón cóxegas. Polo tanto, cómpre dicirmos buscarlle as cóxegas a alguén ou, a miña opción favorita, catarlle as pulgas.

*Correr un tupido velo → botar terra ao asunto

Se algunha vez estiveches nunha conversa e viviches unha situación tan embarazosa que o único que querías era cambiar de tema, temos dúas expresións para virar a conversa: botar terra ao asunto ou morra o conto.

*Díxolle a sartén ao cazo → díxolle o pote ao caldeiro

Sempre hai alguén que fala de máis e que di o que non debe. Neses casos, se botamos man da retranca, cómpre deixarmos a tixola atrás e dicir díxolle o pote ao caldeiro.

*Estar até a coronilla → estar até as orellas 

Ás veces, unha persoa ou unha cousa fártanos tanto que mesmo chegamos ao límite. Neses casos, podemos dicir que estamos até as orellas ou que estamos até os miolos.

*Sacar a alguén das súas casillas → buscarlle a alguén as voltas

Moi ligada á expresión anterior temos buscarlle a alguén as voltas ou o vulto. Tamén podemos dicir erguer a alguén das cuñas ou, como se di na miña casa, quentarlle o sangue.

*Pasar polo aro → vir ao rego

Por último, cando alguén non ten razón, mais pensamos que xa cambiará de idea, non é estraño escoitar iso de deixa que xa ha vir ao rego.

E isto é todo no artigo desta semana. Coñeces máis frases feitas? Déixaas nos comentarios!

Comparte!

6 comentarios en “9 frases feitas que, se cadra, dis mal”

Os comentarios están pechados.

Que podes ler aquí

Entradas relacionadas

12 frases feitas sobre os cans en galego

O can é o mellor amigo do home, ou iso din. E mostra diso é a gran presenza que ten este animal na tradición popular galega. Podemos atopar desde refráns até cantigas como esta:

Aprende a usar o infinitivo conxugado en galego

O infinitivo conxugado, tamén chamado infinitivo persoal ou infinitivo flexionado, é unha forma verbal e común entre os galegofalantes, mais pode presentar algunha dúbida sobre o seu uso entre as persoas neofalantes. A seguir,

12 frases feitas sobre os cans en galego

O can é o mellor amigo do home, ou iso din. E mostra diso é a gran presenza que ten este animal na tradición popular galega. Podemos atopar desde refráns até cantigas como esta:

Aprende a usar o infinitivo conxugado en galego

O infinitivo conxugado, tamén chamado infinitivo persoal ou infinitivo flexionado, é unha forma verbal e común entre os galegofalantes, mais pode presentar algunha dúbida sobre o seu uso entre as persoas neofalantes. A seguir,

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer