20 palabras moi parecidas que crean confusión

En galego existen determinados pares de palabras que, pola súa semellanza, adoitan crear confusión. Por iso, neste artigo resolvemos algunhas das dúbidas léxicas máis frecuentes.

Que é a paronimia?

A paronimia é a similitude entre dúas palabras pola súa etimoloxía, forma ou son.

sono / soño

  • sono: estado do que dorme ou necesidade de durmir. Ex.: Erguinme moi cedo e agora teño sono.

  • soño: o que un imaxina durante o sono ou aquilo ao que un aspira ou desexa moito. Ex.: Non durmín ben. Tiven un soño desagradable esta noite. Un dos meus soños é ir á Lúa.

secreto / segredo

  • secreto: que é coñecido só por unha persoa ou un grupo reducido de persoas. Ex.: O castelo agocha un pasadizo secreto.

  • segredo: aquilo que se mantén oculto, que non se dá ou non se debe dar a coñecer aos demais. Ex.: O que che acabo de contar é un segredo entre nós.

desenvolver / desenrolar

  • desenvolver: quitar o envoltorio a unha cousa; facer que algo deixe de estar envolto ou enrolado, desfacer un rolo (nese caso pode ser sinónimo de desenrolar)  ou facer que algo pase dun estado a outro máis perfecto, teña maior actividade ou adquira maior importancia. Ex.: Cómpre desenvolver este tema polo miúdo.

  • desenrolar: deixar de estar enrolado ou envolto. Ex.: Desenrolouse o fío do nobelo.

inverter / investir

  • inverter: darlle a volta a unha cousa. Ex.: As novas tendencias inverten a situación actual.

  • investir: Empregar o capital en negocios para que aumente. Ex.: Investiu os seus aforros en bolsa.

á parte / aparte

  • á parte: separadamente ou ademais de. Ex.:  É mellor tratar este tema á parte. Á parte de ti, ninguén máis o sabe.

  • aparte: Comentario ou observación que interrompe un discurso, conversa etc., ou sitio retirado fóra de onde está alguén máis. Ex.: Foron a un aparte para falar en privado.

percorrer / recorrer

  • percorrer: ir dun sitio a outro. Ex.: Percorreu o camiño nunha semana.

  • recorrer: presentar recurso contra unha resolución xudicial, administrativa etc.; dirixirse a alguén para solicitar a súa axuda ou utilizar unha cousa como axuda ou solución. Ex.: Recorreu a sentenza do tribunal. Recorreu á súa nai para que o consolase. Recorreu á mentira para conseguir o seu obxectivo.

testemuña / testemuño

  • testemuña: persoa que comparece diante da xustiza, para declarar sobre algo que viu ou sentiu. Ex.: A testemuña declarou no xuízo os feitos presenciados.

  • testemuño: declaración que fai unha testemuña acerca dalgún feito. Ex.: O testemuño que deu era falso.

xunta / xunto

  • xunta: a carón de. Ex.: Vén xunta min.

  • xunto: unido, próximo. Ex.: Coce os grelos xunto coas patacas.

esperto / experto

  • esperto: que non está durmido. Ex.: Pasei toda a noite esperto. Non durmín nada.

  • experto: que ten un gran coñecemento ou experiencia sobre unha materia. Ex.: Para tomar unha decisión é mellor recorrer a un experto no tema.

estremo / extremo

  • estremo: límite dunha propiedade. Ex.: A carón do estremo deixou un eito sen sementar.

  • extremo: que alcanza o punto máximo ao que se pode chegar ou parte que inicia ou remata unha cousa. Ex.: A calor extrema causa mortes. Vive no extremo da vila.
Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
A Santa Compaña
28/10/2026
28/10/2026
Coa chegada do Samaín e do Día dos Defuntos, as historias das ánimas e dos seres sobrenaturais volven cobrar protagonismo. E poucas lendas galegas provocan tanto respecto ...
Verbos non reflexivos en galego
20/10/2026
21/10/2026
En galego hai moitos verbos que, por influencia do castelán, se empregan incorrectamente coa forma pronominal, é dicir, engadímoslles un pronome reflexivo (me, te, se…) que non ...
Dous dicionarios castelán-galego para non ter dúbidas nunca máis
16/09/2026
20/09/2026
Cantas veces buscaches como se di unha palabra en galego e non deches cunha ferramenta fiable? Pois traio boas novas! Agora temos tres dicionarios castelán-galego en liña, ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

actualizado outubro 2026

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

actualizado outubro 2026