Ponte en forma en galego: termos do ximnasio que debes coñecer

Cada vez son máis as persoas que se animan a coidar o corpo e a saúde con exercicio. Pero, sabes como se di sentadilla, pesas ou sudadera en galego?

Neste artigo imos repasar algunhas das palabras máis usadas no ximnasio. Porque coidar o idioma tamén é poñerse en forma!

Adestrar

Facer exercicio para estar en forma, sentirse mellor ou mellorar nun deporte. Pode ser correr, levantar pesos, facer ioga… Todo conta!

Exemplo: Estou empezando a adestrar no ximnasio, a ver se collo ritmo.

Adestrador/a

É a persoa que nos axuda no ximnasio ou nun deporte. Diche que facer, como facelo ben e apértache as carabillas cando fai falta.

Exemplo: A miña adestradora mótivame moitísimo, sen ela non faría nin a metade.

Esteira

Superficie flexible, normalmente de goma ou escuma, que se usa para facer exercicios no chan, como ioga, abdominais ou estiramentos. Axuda a estar máis cómodo e evita esvaróns.

Exemplo: Colle a esteira que imos facer uns estiramentos no chan.

Estiramento

Exercicio suave para alongar os músculos, evitar lesións e mellorar a flexibilidade. Faise antes ou despois de adestrar ou simplemente para relaxarse un pouco. Sinónimos: estarricamento e estirada.

Exemplo: Sempre fago uns estiramentos ao acabar a clase, senón quedo todo ríxido.

Estirar

Alongar os músculos de forma controlada, normalmente antes ou despois de facer exercicio. Axuda a quentar, evitar maniotas e manter o corpo flexible. Sinónimos: estarricar e estricar.

Exemplo: Antes de comezar, imos estirar un pouco para preparar o corpo.

Facer pesos

Expresión que se usa para falar de adestrar con pesos. Pode incluír exercicios con mancornas, barras ou aparellos. Axuda a gañar forza e ton muscular. Sinónimo: facer halteras.

Exemplo: Hoxe tócame facer pesos: peito, ombreiros e tríceps.

Maniotas

Dor muscular que aparece un ou dous días despois de facer exercicio, sobre todo se é a primeira vez ou e fai un sobreesforzo.

Exemplo: Fun ao ximnasio onte e hoxe teño unhas maniotas que nin podo camiñar ben.

Peso

Pesos pequenos que se collen cunha man. Úsanse para traballar brazos, ombreiros, peito etc., e tamén para facer exercicios máis completos. Tamén se pode adestrar con barra de discos, un aparello ximnástico composto por pesos con forma de disco unidos por unha barra, que se usa na halterofilia e noutras actividades deportivas.

Exemplo: Comecei coa barra de discos de 10 quilos e agora xa vou polos de 20.

Sentada

Exercicio en que baixas como se foses sentar nunha cadeira invisible e logo volves subir. É moi bo para traballar pernas e glúteos. Sinónimos: agachada, agachamento, anicamento e flexión sobre as pernas.

Exemplo: Fixemos 3 series de 15 sentadas e agora teño as pernas tremendo.

Suadoiro

Peza de roupa de manga longa, normalmente de algodón ou tecido deportivo, que se usa para estar quente antes ou despois de adestrar.

Exemplo: Levo sempre o suadoiro posto para non coller frío ao saír do ximnasio.

Quecemento

É o que se fai antes de comezar o adestramento forte: movementos suaves para activar o corpo, subir as pulsacións e prepararse para o esforzo. Evita lesións e mellora o rendemento. Sinónimo: quentamento.

Exemplo: O adestrador sempre insiste en que fagamos ben o quecemento, mesmo cando temos présa.

Vestiario

Espazo do ximnasio onde te cambias de roupa, gardas as cousas e, se cadra, te duchas despois de adestrar.

Exemplo: Deixei a mochila no vestiario e fun directo á sala de máquinas.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
De onde vén a palabra entroido orixe, significado e variantes en galego

9/02/2026

O Entroido é unha das celebracións máis antigas, ricas e simbólicas da cultura galega. Pero, máis alá das máscaras, da comida e da festa, a propia palabra ...
Descubre o proxecto Palabra e Memoria

4/02/2026

Hai espazos en que a lingua fala sen intermediarios. Sen modas, sen estratexias, sen corrección política. Os cemiterios son un deles. As palabras gravadas na pedra constitúen ...
Os nomes dos ventos en Galicia e o seu significado

28/01/2026

Galicia sempre mirou ao ceo. Durante séculos, a nosa xente viviu pendente dos ventos: os mariñeiros escrutaban o horizonte antes de facerse ao mar, os labregos estudaban ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer