Receitas doces para esta Semana Santa

A Semana Santa tamén se vive na cociña. Mentres unhas persoas saen de procesión, outras procesionan directamente á cociña para prepararen lambetadas tradicionais (e algunha máis moderna).

As receitas que traemos hoxe veñen da man de Media Laranxa, un proxecto que mestura agarimo, sabor e identidade. Tres propostas doces para estes días de descanso e sobremesas longas: unha torrada con sabor a café, outra rechea de crema de cacahuete e un roscón de Pascua que fai festa el só.

Roscón de Pascua (versión saudábel)

En Galicia hai unha tradición que non falla en Semana Santa. As madriñas e padriños agasallan unha rosca de Pascua aos seus afillados e afilladas. Pois ben, se es madriña ou padriño, xa non tes escusa. Velaquí tes unha receita caseira e saudábel para quedar como unha raíña ou un rei cos máis cativos da casa.

Ingredientes para o requento:

  • 50 g de leite ou bebida vexetal
  • 65 g de fariña integral
  • 3 g de lévedo seco de panadaría

Ingredientes para a masa:

  • o requento
  • 225 g de fariña integral
  • 3 g de lévedo seco de panadaría
  • 1 ovo
  • 40 g de leite ou bebida vexetal
  • 100 g de pasta de dátiles (elaborada con 65 g de auga + 35 g de dátiles)
  • 25 g de aceite de oliva virxe extra
  • 15-20 g de auga de azahar (imprescindible para o sabor típico da rosca)
  • 1 chisco de sal
  • reladura dun limón
  • 15 g de glute (opcional, pero necesario se queres facer a versión trenzada)

Ingredientes para decorar:

  • Améndoas laminadas
  • Arandos vermellos secos ou o que máis che preste

Nota sobre o glute: o glute achega elasticidade á masa. Se queres facer unha rosca trenzada, é obrigatorio. Se a prefires redonda, coma a de toda a vida, podes prescindir del.

Preparación

  1. Para faceres o requento mestura todos os ingredientes nun bol ata formar unha bóla. Faille un corte en cruz e mergúllaa nun vaso con auga morna. Cando flote, xa está lista para usar como fermento natural.
  2. Para preparares a masa mestura todos os ingredientes co requento e amasa ata que a masa estea elástica e non se pegue ás mans.
  3. A seguir, tapa a masa cun pano e déixaa repousar unhas dúas horas ou ata que duplique o seu tamaño. Busca un lugar cálido e sen correntes de aire.
  4. Despois, amasa de novo e dálle forma de rosca. Lembra facer un burato grande no centro, xa que a masa volverá medrar.
  5. Por último, coloca as améndoas e os arandos por riba. Prequenta o forno a 200 °C e deixa o forno a esa temperatura os primeiros 5 minutos de cocción. Despois baixa a 180 °C e déixao outros 15-20 minutos. Mete tamén unha bandexa con auga no forno para xerar vapor e evitar que a masa se seque.
  6. Unha vez fóra do forno, deixa que arrefríe… se es quen de esperar! Bo proveito!

Torradas de café

As torradas son unha desas sobremesas que saben a casa, a festa e a culler lambida de pequeno. Nesta versión con café, a tradición mestúrase cun chisco de enerxía extra.

Ingredientes:

  • 200 ml de leite
  • 2 ovos
  • 3 culleradas de café solúbel
  • 1 barra de pan (mellor se está do día anterior)
  • 1 cullerada de azucre

Preparación:

  1. Quenta o leite e disolve nel o café xunto co azucre.
  2. Corta o pan en rebandas e mergúllaas ben na mestura de leite con café.
  3. Escoa o exceso e rebózaas en ovo batido.
  4. Fríteas nunha tixola con aceite quente ata que queden douradas por ambos os lados.
  5. Retíraas e déixaas repousar sobre papel absorbente para quitar o exceso de aceite.

E xa estaría. Unhas torradas de café que fan que che cheire a Semana Santa ata o salón!

Leite frito (versión saudábel)

O leito frito é unha desas sobremesas que me levan directa á cociña das avoas. Crocante por fóra, tenro por dentro e cun sabor que só aparece unha vez ao ano.

Ingredientes:

  • 600 ml de leite ou bebida vexetal
  • 1 pau de canela
  • Monda dun limón
  • 70 g de maicena
  • 3 culleradas de mel
  • 1 ovo
  • Fariña
  • Canela en po

Preparación:

  1. O primeiro paso é infusionarmos o leite. Para iso, poñemos 450 ml de leite a ferver coa canela e coa monda do limón. Cando ferva, apagamos o lume e tapamos durante uns 20 minutos para que colla todos os aromas da canela e do limón.
  2. Pasado ese tempo, quitamos os aromáticos e no leite que nos sobrou, disolvemos a maicena e o mel. A continuación, vertémolo no leite aromatizado e poñémolo ao lume sen deixar de remexer até que espese.
  3. Vertemos a crema nunha bandexa e deixamos arrefriar unhas 3-4 horas na neveira até que calle.
  4. Cortamos o leite callado en rectángulos e rebozámolos primeiro por fariña e despois por ovo. Colocamos os rectángulos sobre unha bandexa de forno e empoamos con canela.
  5. Enfornamos a 180ºC os rectángulos de leite frito uns 10-15 minutos ou até que estean dourados e listo. Bo proveito! 

E ti, que adoitas preparar en Semana Santa? Torradas, roscón ou algo diferente? Déixanos un comentario!

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Da canícula ao tosteiro vocabulario galego para esta vaga de calor
8/07/2026
8/07/2026
Cando chega a calor, o galego ten palabras para todo, isto é, para o sol que queima, para o aire que non corre, para a sede que ...
Os insectos voadores do verán en Galicia
1/07/2026
1/07/2026
Co verán chegan as noites longas, a calor e tamén os insectos. Algúns son benvidos, outros non tanto, mais todos forman parte da paisaxe galega nesta época ...
Incendios.gal a web cidadá para documentar os lumes en Galicia
17/06/2026
17/06/2026
Cada verán, e xa sen esperar o estío, Galicia arde. Ás veces, a información é dispersa e, a miúdo, quen está a ver o lume directamente non ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer