Que peli galega es segundo o teu signo do zodíaco?

Hai quen pensa que o zodíaco di moito das persoas: se es máis soñador ou teimudo, se che vai a festa ou prefires quedar na casa… Pero, algunha vez preguntácheste que película galega se identifica contigo segundo o teu signo?

Neste artigo facemos unha viaxe entre estrelas astrolóxicas e estrelas do cinema galego para xogar coas características de cada signo e relacionalas cun filme da nosa terra. Escorpións intensos, virxes analíticos, leóns apaixonados etc., todos tedes unha película que vos representa. Prepárate para descubrir a túa!

Carneiro – As bestas

Impulsivos, directos, sen medo ao conflito. Os carneiro non foxen da loita. Como o protagonista d’As bestas, lánzanse con todo cando cren que teñen a razón, aínda que o ambiente lles sexa hostil. A paixón por defenderen o que é seu, a teimosía e o carácter explosivo fan que esta película represente os carneiro en estado puro.

Touro – Sempre Xonxa

Teimudos, leais e profundamente conectados coa terra. Sempre Xonxa é a historia dunha muller forte, que aguanta estoicamente as inxustizas da vida sen perder a súa esencia. Como os touro, non se rende facilmente, ama con forza e sofre en silencio.

Xemelgos – Cuñados

Enxeñosos, sociables e sempre con retranca. Xemelgos é ese signo que nunca cala, que se mete en leas e que sempre sae ben parado. Como os protagonistas de Cuñados, pensan rápido, falan máis rápido aínda e son expertos en converter un desastre nunha oportunidade.

Cangrexo – A lingua das bolboretas

Emotivos, sensibles e moi conectados coa memoria. A lingua das bolboretas é unha homenaxe á inocencia e ao cariño, mais tamén á perda e á ferida profunda. Unha historia tenra e tráxica, como os propios cangrexo, que viven as emocións con intensidade e non esquecen nunca.

León – Dhogs

Intensos, magnéticos e cunha presenza que non pasa desapercibida. Dhogs é unha película que desafía, impacta e remexe sen pedir desculpas. Como os león, arrisca, xoga co poder, coa mirada e coa escuridade do ego.

Virxe- O Apóstolo

Meticulosos, perfeccionistas e amantes dos detalles. Os virxe son observadores, silenciosos, analizan todo ao milímetro e por iso encaixan perfectamente co ton escuro e coidado d’O Apóstolo. E baixo esa aparente frialdade, agóchase un mundo misterioso, como o dos virxe.

Balanza – Ons

Sensibles e sempre loitando entre o que desexan e o que deben facer. Os balanza son equilibrio, mais tamén dúbida, contradición e paixón contida. Ons é unha historia de sentimentos cruzados, paisaxes fermosas e silencios.

Escorpión – O que arde

Intensos, misteriosos e difíciles de esquecer. O que arde é silencio, contención e forza soterrada. Igual que os escorpión, o filme garda dores antigas, desconfianza e unha conexión profunda coa morte e coa natureza salvaxe. Non precisan moito para estoupar pero cando o fan, arrasan.

Arqueiro – Pradolongo

Libres, aventureiros e cheos de soños. Os arqueiro son amizade verdadeira e vontade de descubrir o mundo. Pradolongo é unha historia de veráns eternos, paseos sen destino e promesas feitas ao sol. Igual que os arqueiro, a película respira idealismo e fai que a vida, malia todo, pague a pena.

Capricornio – O lapis do carpinteiro

Íntegros, comprometidos e con fondo sentido do deber. Os capricornio son leais aos seus principios, mesmo nas peores circunstancias. O lapis do carpinteiro conta unha historia de amor e loita, de ideais que non se dobran e de persoas que seguen adiante a pesar da dor. Como os capricornio, fala da fortaleza interior e da esperanza silenciosa.

Augadeiro – As neves

Enigmáticos, diferentes e sempre fóra do convencional. Os augadeiro sempre teñen a mente aberta ás teorías máis tolas. As Neves mestura misterio e unha contorna inhóspita que atrapa e desconcerta. Como os augadeiro, non segue regras, experimenta, sorprende e deixa no aire preguntas sen resposta.

Peixe – A esmorga

Emotivos, soñadores e autodestrutivos. Os peixe viven entre o idealismo e a traxedia, atrapados entre o que desexan e o que o mundo lles permite ser. A esmorga é unha caída libre, unha longa noite con sentimentos á flor de pel, vínculos confundidos e a procura desesperada de afecto aínda que leve ao abismo.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
2

8/01/2025

O audiovisual en galego segue gañando terreo grazas a iniciativas e plataformas que apostan pola nosa lingua. Se che gusta gozar do cine e das series sen ...
51

5/04/2023

Nos anos 20 do século pasado, produciuse a primeira adaptación cinematográfica dun texto pertencente á literatura galega. Un poema de Manuel Curros Enríquez, A Virxe de Cristal, ...
Últimos artigos publicados
postais de nadal en galego

17/12/2025

Chega o Nadal e con el a tradición de enviarlles felicitacións aos nosos seres queridos. Este ano, desde As chaves da lingua ofrecémosche unha ferramenta completamente gratuíta ...
Libros do Apalpador

15/12/2025

O Apalpador é unha das figuras máis entrañables da tradición galega do Nadal. Este xigante bondadoso que baixa das montañas na Noiteboa para apalpar as barrigas dos ...
Filmes de Nadal en galego dispoñibles en Netflix

14/12/2025

O Nadal tamén se pode ver en galego. En Netflix hai algúns filmes de temática natalicia que permiten escoller o galego como idioma, unha opción pouco coñecida ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Agasallo de Nadal

Calendario 2026: 365 días para vivir en galego

Agasallo de Nadal

Calendario 2026: 365 días para vivir en galego