Os pronomes átonos son unha das bases para escribir e falar con naturalidade. Están en todas partes: en conversas, en textos, en mensaxes do día a día. E, aínda así, son un dos puntos onde máis erros se cometen.
Se os dominas, o teu galego sobe de nivel de forma inmediata.
Que son os pronomes átonos?
Son pronomes que non teñen acento propio e non poden aparecer sós. Van sempre ligados ao verbo.
Poden colocarse:
Antes do verbo → proclíticos
Despois do verbo → enclíticos
Exemplos:
Díxome a verdade (posición enclítica)
Non me contou nada (posición proclítica)
Se queres entender ben cando van antes ou despois do verbo, tes aquí unha guía completa sobre a colocación dos pronomes en galego.
Formas do pronome átono
Os pronomes átonos cambian segundo a función que cumpren na oración. Non é o mesmo substituír algo que recibir algo.
Hai dúas funcións básicas:
Complemento indirecto (CI) → responde a a quen? (indica destinatario ou beneficiario)
Complemento directo (CD) → responde a que? ou a quen?
Formas pronome átono como complemento indirecto
| Formas pronome átono como complemento indirecto | |
| 1ª persoa (singular) | me |
| 2ª persoa (singular) | che |
| 3ª persoa (singular) | lle |
| 1ª persoa (plural) | nos |
| 2ª persoa (plural) | vos |
| 3ª persoa (plural) | lles |
Formas pronome átono como complemento directo
| Formas pronome átono como complemento directo | |
| 1ª persoa (singular) | me |
| 2ª persoa (singular) | te |
| 3ª persoa (singular) | o / lo / no / a / la / na |
| 1ª persoa (plural) | nos |
| 2ª persoa (plural) | vos |
| 3ª persoa (plural) | os / los / nos / as / las / nas |
Erro típico: confundir te e che.
Se aínda dubidas, revisa este artigo con trucos para diferenciar entre te e che en galego.
Escritura do pronome de 3ª persoa
En galego, cando o pronome directo de terceira persoa (o/lo/no/a/la/na) vai despois dun verbo en forma afirmativa, modifícase para encaixar ben foneticamente. Estas son as tres regras principais:
- Verbo remata en vogal ou -n
Usamos: -o / -a / -os / -as
Merco o pantalón → Mércoo
Trouxo a axenda → Tróuxoa
Vexo o can → Véxoo
Mercaron as entradas → Mercáronas
- Verbo remata en -r ou -s
Desaparece esa consoante e engádese: -lo / -la / -los / -las
Comprar + o → compralo
Buscar + a → buscala
Comes + os → cómelos
- Verbo remata en ditongo
Engádese: -no / -na / -nos / -nas
Comeu + o → comeuno
Paguei + as → pagueinas
Contraccións dos pronomes átonos
En galego, cando un verbo leva dous pronomes persoais átonos seguidos, un de complemento indirecto (CI) e outro de complemento directo (CD), combínanse nunha soa palabra. A isto chámaselle contracción pronominal.
Na seguinte táboa, amósanse as contraccións das formas dos pronomes de complemento indirecto (CI) coas de complemento directo (CD).
| PRONOMES DE CI | PRONOMES DE CD | PRONOMES DE CI | PRONOMES DE CD | ||||||
| O | A | OS | AS | O | A | OS | AS | ||
| ME | mo | ma | mos | mas | NOS | nolo | nola | nolos | nolas |
| CHE | cho | cha | chos | chas | VOS | volo | vola | volos | volas |
| LLE | llo | lla | llos | llas | LLES | llelo | llela | llelos | llelas |
Exemplos:
Dámo → Dá + me + o → Dámo
Contámoscho → Contamos + che + o → Contámoscho
Envióunolo → Enviou + nos + o → Envióunolo
Ofreceullas → Ofreceu + lle + as → Ofreceullas
Practica!
Neste exercicio substitúe o complemento directo (CD) e o complemento indirecto (CI), marcados en letra grosa, polos pronomes correspondentes. Ollo á acentuación!
Nestoutro exercicio podes practicar as contraccións dos pronomes átonos de CD e CI.




