Pronome de solidariedade e pronome de interese en galego

Cantas veces escoitaches frases como Éche boa cousa! ou A nena non me come nada ben? Eses pequenos pronomes che e me— que aparecen sen ter función gramatical obrigatoria no enunciado son un dos trazos máis característicos e expresivos do galego. Chámanse pronome de solidariedade e pronome de interese (ou dativo de interese) e hoxe imos velos en detalle.

Que é o pronome de solidariedade?

O pronome de solidariedade é unha forma do pronome átono de segunda persoa que usamos para implicar afectivamente ao interlocutor na acción que expresamos. É como covidar a outra persoa a participar do que estamos a falar, aínda que ela non teña ningún papel activo na frase.

A característica definitoria é esta: se o eliminamos, a frase segue a ser gramaticalmente correcta e o significado non cambia. Por iso é tan doado de identificar:

Exemplo:

Eu márcholle que levo présaEu marcho que levo présa
Estáche boa a comida! Está boa a comida!
Évos unha boa cousaÉ unha boa cousa

O pronome de solidariedade non engade información nova, engade relación e implicación. É a diferenza entre simplemente comunicar ou conectar coa persoa que fala connosco.

Cales son as formas do pronome de solidariedade?

As formas varían segundo con cantas persoas esteamos a falar e segundo o tipo de tratamento (familiar ou de cortesía):

Tratamento familiarTratamento de cortesía
Un interlocutorchelle
Varios interlocutoresvoslles


Así, cun amigo diremos Estache boa a sopa!, mentres que cunha persoa á cal tratamos de vostede diriamos Estálle boa a sopa!

A forma redundante singular + plural

Cando nos diriximos a varios interlocutores, pode aparecer un recurso expresivo moi curioso: a combinación das formas de singular e plural ao mesmo tempo. Exemplos:

Estáchevos boa a comida, Maruxa!
Échevos unha boa nova!

O che (singular) e o vos (plural) xuntos reforzaban a implicación afectiva dirixida ao grupo. É un recurso de grande expresividade no galego.

Que é o pronome de interese ou dativo de interese?

O pronome de interese —tamén chamado dativo de interese ou dativo ético— funciona de xeito diferente ao de solidariedade. Neste caso, o pronome refírese a unha persoa que, sen participar directamente na acción verbal, ten un interese nela porque lle ocasiona algún beneficio ou prexuízo.

Esa persoa adoita ser o propio emisor e presenta as formas átonas do complemento indirecto en calquera persoa gramatical: me, che, lle, nos, vos, lles.

Non quero que te me movas de aquí. (= a min non me gusta que te movas)
Non me sexas mentireiro. (= pídoche, como algo que me importa)
Cando lles vivían os pais estaban mellor. (= para eles, tiñan algo que lles pertencía afectivamente)

A diferenza co pronome de solidariedade está no quen. O dativo de interese non implica ao interlocutor, senón a alguén afectado pola acción, que pode ser calquera persoa.

Cando aparecen os dous xuntos?

O galego pode acumular varios pronomes átonos xunto ao verbo ao mesmo tempo e aquí é onde as cousas se complican e se poñen verdadeiramente interesantes. Cando coinciden pronome de solidariedade (DS), complemento indirecto (CI), dativo de interese (DI) e complemento directo (CD), a orde é estrita e non negociable:

DS → CI → DI → CD

Exemplos:

Non gaño para comprarlle pantalóns ao meu pequeno. É ir ao futbol e desfáichemos → che (DS) + me (DI) + os (CD)

As túas amigas conseguiron entradas para o concerto de De Ninghures?
Conseguíronchellesmas uns colegas. → che (DS) + lles (CI) + me (DI) + as (CD)

Ese Conseguíronchellesmas é un exemplo maxistral da capacidade do galego para concentrar información relacional nunha soa palabra. Catro pronomes, catro capas de significado afectivo e gramatical.

Regras concretas para non errar

Ademais da orde xeral DS + CI + DI + CD, hai algunhas normas que cómpre termos claras:

  • O reflexivo se, sexa cal for a súa función, vai sempre no primeiro lugar da secuencia, antes incluso do DS:

Que non se che perda o móbil, oíches?

  • Se se engade o DS, vai antes de todo o demais:

Mandáronchemo por Seur. (= che + me + o)

Por que son tan importantes estes pronomes?

O pronome de solidariedade e o dativo de interese non son meros caprichos gramaticais nin residuos dun galego antigo. Son marcas activas de afectividade, implicación e relación que o galego conserva con gran vitalidade no rexistro oral.

Expresan algo que non todas as linguas teñen, isto é, a comunicación non é só transmisión de información, senón construción de vínculos. Cando dis Estache bo o caldo no canto de Está bo o caldo, estás a incluír a outra persoa no teu mundo. É un xesto lingüístico de proximidade.

Son tamén un dos trazos que distinguen o galego de calidade. E quen os estuda descobre que debaixo do que parecía un simple «che» hai toda unha arquitectura gramatical fascinante!

E se che gustou o artigo, compárteo coas persoas as que lle poida interesar! 😉

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Rosco pasapalabra Begoña Caamaño Letras Galegas
13/05/2026
13/05/2026
O 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas e este ano a figura homenaxeada é Begoña Caamaño, xornalista, escritora e activista que deixou unha pegada ...
Begoña Caamaño libros para coñecer a autora das Letras Galegas 2026
11/05/2026
11/05/2026
Begoña Caamaño é a escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. Xornalista, activista e autora de obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana ...
Como se di poñer en negrita unha palabra Formas de descaque en galego
6/05/2026
7/05/2026
Cando redactas un documento en Word, un correo ou unha publicación e queres destacar unha palabra, probablemente pensas en poñela *en negrita, mais esa expresión non é ...

6 comentarios en “Pronome de solidariedade e pronome de interese en galego”

  1. No artigo dise: “O galego pode acumular varios pronomes átonos xunto ao verbo ao mesmo tempo e aquí é onde as cousas se complican e se poñen verdadeiramente interesantes”. Eu (da parroquia de Vilaformán, en Trabada) diría “O galego pode acumular varios pronomes átonos xunto ao verbo ao mesmo tempo e aquí é onde as cousas complícanse e póñense verdadeiramente interesantes”. E isto pásame con frecuencia. Leo moitísimos textos nos que encontro que os pronomes están fóra de sitio, como se se estivera traducindo mal do castelán. Esto téñoo visto ata nos libros de texto dos meus sobriños, e cáusame certa ansiedade ler/oir o pronome “mal colocado” . Claro que eu non estudiei galego na escola, así que será que o que eu falo non é correcto, e gustaríame saber por que está mal.

    Responder
    • Ola, Ángeles! Grazas polo comentario, porque é unha dúbida moi habitual.

      No artigo esa oración está ben escrita. A forma correcta é “onde as cousas se complican e se poñen…”. A túa opción (“complícanse e póñense”) é válida en frases simples, pero aquí non funciona porque “onde” é un adverbio relativo e introduce unha oración subordinada e iso obriga a colocar o pronome diante do verbo.

      Por exemplo:

      “As cousas complícanse” → correcto
      “Onde as cousas se complican” → correcto
      “Onde as cousas complícanse” → incorrecto

      Se tes dúbidas sobre a colocación dos pronomes, podes botarlle unha ollada a este artigo “Aprende dunha vez a colocar o pronome átono”. Esta é a ligazón: https://aschavesdalingua.gal/o-pronome-atono/

      Un saúdo!

      Responder
  2. Grazas…eu é que non penso na estrutura cando falo. Digo o que me sae de dentro, do que oin desde que nacín (ata os 5 anos case non tiña oido falar español). En realidade eu diría “e aquí é onde se complican as cousas” ou ben “e aquí as cousas complícanse” pero nunca usaría a forma que indicas como correcta. Solo sei que o meu cerebro cortocircuita con frecuencia cando oe/le a colocación dos pronomes (e os “todavía” os “había feito” e similares etc. etc.) O artigo que me indicas sinceramente non di nada que non faga “por instinto” :I. Pero grazas igualmente por tentar explicar 🙂

    Responder
  3. Encantoume esta entrada. Estes dativos son un recurso que estudei e que tento usar. Encántanme! Só unha cuestión que vexo nunha frase dos teus exemplos:
    “Non gaño para comprarlle pantalóns ao meu pequeno. É ir ao futbol e desfáichemos” → che (DS) + me (CI) + os (CD)

    Nesta secuencia, ese “me” non sería realmente dativo de interese? Posto que entendo que realmente eu non son o CI, senón que a min “aféctame” ou “non quero” (por así dicilo) que o pequeno me desfaga os pantalóns (mais non mos desfai “a min”).

    Moitas grazas por este tema tan interesante e parabéns!

    Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer