Palabras que só existen en plural en galego. Que é a pluralia tantum?

Hai palabras que nacen e morren no singular. Outras, en cambio, só existen en plural. E iso ten un nome.

Na gramática, ás palabras que só se usan no singular chámaselles singularia tantum. Por exemplo: area, auga, tempo, leite, saúde, sono… Son substantivos incontables que non teñen plural natural porque se refiren a cousas que non se poden contar individualmente.

Pola contra, as que só existen en plural, chámanse pluralia tantum e destas imos falar hoxe.

Que é un pluralia tantum?

Un pluralia tantum (en latín, literalmente ‘só plural’) é unha palabra que non ten forma de singular ou que nunca se usa no singular. Sempre vai acompañada de artigos e adxectivos no plural: as cóxegas, as lentes, os anteollos, uns víveres…

Exemplos de pluralia tantum en galego

En galego hai moitas palabras que non teñen forma de singular e, por tanto, só poden usarse no plural. Velaquí algúns dos exemplos máis curiosos e comúns.

Cóxegas

Ese riso involuntario que nos sae cando nos tocan nos pés, nas costas ou nos xeonllos chámase cóxegas. Nunca se di unha cóxega. Sempre en plural: facer cóxegas, dánme cóxegas, non me fagas máis cóxegas. Ademais, esta palabra ten moitos sinónimos como celigras, cóchegas, coscas ou deligras. Todas elas comparten esa natureza plural.

Andas

No hospital ou en situacións de emerxencia, ás veces levan as persoas feridas en andas, tamén chamadas angarellas ou padiola.

Entrañas

Cando falamos das entrañas, referímonos ás partes internas dun corpo, especialmente dos órganos do ventre. Por exemplo: sentía un medo nas entrañas ou coñecer as entrañas dun problema. É unha palabra que transmite profundidade e intensidade, pero só en plural.

Olleiras

As marcas escuras que aparecen debaixo dos ollos cando durmimos mal chámanse olleiras. Sempre plural: ter olleiras, notáronselle as olleiras.

Ouriños

Outra forma de dicir mexo ou urina, é ouriños. Sempre en plural, mesmo que falemos dunha pequena cantidade: facerse ouriños, analítica dos ouriños

Maniotas

As maniotas son esa dor que se sente nalgunha parte do corpo despois de facer exercicio físico. Exemplo: De tanto correr onte, hoxe ten maniotas.

Parabéns

É unha das formas máis bonitas de felicitar en galego: parabéns!

Tebras

As tebras son o escuro, a falta de luz. A palabra é sinónima de escuridade ou sombra, pero máis literaria. Por exemplo: andou polas tebras do bosque.

Témporas

As témporas son os períodos que marcan o comezo das estacións: as témporas do Nadal, as témporas de primavera etc.

Víveres

Os víveres son os alimentos ou provisións necesarias para sobrevivir durante un tempo, especialmente en contextos militares, de viaxe ou emerxencia. Por exemplo: levaron víveres para unha semana.

Por que algunhas palabras só existen en plural?

A orixe pode ser semántica (por exemplo, obxectos formados por dúas partes como unhas tesoiras ou uns pantalóns), pero tamén cultural ou idiomática. En moitos casos, herdamos estas formas do latín ou doutras linguas que tamén usan eses termos no plural.

A forma plural transmite a idea de conxunto ou dualidade: algo que se entende como un todo feito de partes. Por iso dicimos os pantalóns (porque teñen dúas pernas) ou as tesoiras (porque teñen dúas follas).

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Da canícula ao tosteiro vocabulario galego para esta vaga de calor
8/07/2026
8/07/2026
Cando chega a calor, o galego ten palabras para todo, isto é, para o sol que queima, para o aire que non corre, para a sede que ...
Os insectos voadores do verán en Galicia
1/07/2026
1/07/2026
Co verán chegan as noites longas, a calor e tamén os insectos. Algúns son benvidos, outros non tanto, mais todos forman parte da paisaxe galega nesta época ...
Incendios.gal a web cidadá para documentar os lumes en Galicia
17/06/2026
17/06/2026
Cada verán, e xa sen esperar o estío, Galicia arde. Ás veces, a información é dispersa e, a miúdo, quen está a ver o lume directamente non ...

1 comentario en “Palabras que só existen en plural en galego. Que é a pluralia tantum?”

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer