Palabras galegas de orixe catalá

Cando falamos da orixe das palabras, moitas veces esquecemos que as linguas son tamén resultado das relacións humanas: das migracións, do comercio, da convivencia. Galicia, a pesar da súa aparente periferia, foi durante séculos terra de encontro. Un dos contactos máis curiosos e pouco coñecidos foi o que se deu entre o galego e o catalán, sobre todo a partir do século XVIII, co asentamento de comerciantes e industriais cataláns no noso territorio. Este contacto deixou pegada en varios ámbitos, especialmente no léxico relacionado coa pesca e coa industria conserveira.

Un pouco de historia. Cataláns nas rías galegas

A partir do século XVIII, moitos comerciantes cataláns instalaron negocios en Galicia, especialmente na costa atlántica. A nosa riqueza pesqueira e a posición estratéxica das rías converteron Galicia nun lugar perfecto para fundar fábricas de salgadura e conserveiras. Estes cataláns non só trouxeron novas técnicas e investimentos, senón tamén palabras que acabaron integrándose no galego, sobre todo no léxico vinculado ao mar e ao traballo.

Un bo exemplo disto é a palabra faena. Hoxe usamos faena tanto para referirnos a un traballo físico ou a calquera actividade que require esforzo. Pero esta palabra, chegou a nós baixo a forma faina (‘traballo da tripulación dun navío’).

No galego, como no portugués (faina) e no castelán (faena, e tamén faenar), o termo entrou a través do léxico mariñeiro, ligado ao traballo no mar e nas embarcacións. De aí que hoxe se fale de faenar no Gran Sol, por exemplo. Co tempo, estendeuse a outros contextos, e incluso deu lugar a expresións como facerlle unha faena a alguén, co sentido de causar un dano ou prexuízo.

A historia desta palabra é só un exemplo de como o contacto comercial e social entre pobos deixa pegada non só na economía, senón tamén na lingua a través dos préstamos.

Léxico galego de orixe catalá

Velaquí algunhas das palabras galegas que veñen do catalán. Algunhas sorprenderanche por estar xa tan integradas que nin pensas de onde veñen.

Botifarra

Embutido típico de Cataluña, que chegou tamén ás feiras e mercados galegos.

Mercamos botifarra e queixo na feira de Padrón.

Bou

Tipo de embarcación usada para a pesca de arrastre, moi presente na frota catalá.

O bou chegou á lonxa cargado de peixe espada.

Capicúa

Número que se le igual de diante para atrás ca de atrás para diante.

O billete tiña un número capicúa, coma os que dan sorte.

Esquirol

Persoa que rompe unha folga ou que traballa cando os demais están en protesta.

Non todos os traballadores secundaron a folga: houbo algún esquirol.

Forasteiro

Alguén de fóra, alleo ao lugar. En galego tamén dicimos “estranxeiro” ou “alleo”, pero forasteiro é palabra herdada directamente do catalán.

Ao principio tratábano como un forasteiro, pero axiña fíxose un máis da aldea.

Remolcar

Levar algo enganchado con forza: un coche, unha barca… É adaptación directa do catalán remolcar.

Tiveron que remolcar o barco porque quedara sen motor.

Turrón

Docería típica do Nadal feita con améndoas, mel e azucre. Produto estrela das terras levantinas.

O turrón de Xixona é o meu favorito.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
Palabras de orixe xermánica

8/10/2025

Cando pensamos na orixe das palabras galegas, case sempre imaxinamos o latín como punto de partida. E con razón, o galego é unha lingua románica, filla directa ...
palabras de orixe vasca

21/05/2025

A historia dunha lingua é tamén a historia dos pobos que a falaron e das culturas coas que entrou en contacto. O galego, coma todas as linguas ...
Últimos artigos publicados
postais de nadal en galego

17/12/2025

Chega o Nadal e con el a tradición de enviarlles felicitacións aos nosos seres queridos. Este ano, desde As chaves da lingua ofrecémosche unha ferramenta completamente gratuíta ...
Libros do Apalpador

15/12/2025

O Apalpador é unha das figuras máis entrañables da tradición galega do Nadal. Este xigante bondadoso que baixa das montañas na Noiteboa para apalpar as barrigas dos ...
Filmes de Nadal en galego dispoñibles en Netflix

14/12/2025

O Nadal tamén se pode ver en galego. En Netflix hai algúns filmes de temática natalicia que permiten escoller o galego como idioma, unha opción pouco coñecida ...

1 comentario en “Palabras galegas de orixe catalá”

Deixa un comentario

Agasallo de Nadal

Calendario 2026: 365 días para vivir en galego

Agasallo de Nadal

Calendario 2026: 365 días para vivir en galego