Moitas veces esquecemos que as linguas son arquivos vivos da historia. Cada palabra conta unha parte do camiño que fixeron os pobos, as culturas e os intercambios ao longo dos séculos. No caso do galego, aínda que a base latina é dominante, tamén temos palabras herdadas doutras linguas, como o éuscaro, o catalán ou as linguas xermánicas, mais neste artigo imos centrarnos no árabe. Aínda que poida sorprender, o galego conserva arabismos, é dicir, palabras de orixe árabe que se foron incorporando ao noso vocabulario, sobre todo, a través do castelán.
A chegada dos árabes á Península Ibérica
Os árabes entraron na Península Ibérica no ano 711 d.C., tras a batalla de Guadalete. A súa presenza foi longa e intensa en moitas zonas, especialmente en Andalucía, no Levante e en boa parte da Meseta. Mais en Galicia, a presenza directa dos árabes foi case nula. Nunca chegaron a asentarse de forma estable nin deixaron pegada política ou cultural directa na nosa terra.
Porén, iso non significa que non haxa vestixios da súa influencia, como amosan algúns topónimos galegos de orixe árabe, aínda que sexan excepcións:
- Almuzara
- A Mezquita
- Rábade
- Sada
Estes nomes lembran que, aínda que a súa presenza foi escasa, algún contacto ou influencia indirecta chegou a deixarse notar.
Só préstamos léxicos, sen rastro na fonética ou sintaxe
O árabe e o galego son linguas estruturalmente moi distintas e nunca houbo unha convivencia suficiente como para que se producise unha influencia profunda. Por iso, no galego non hai restos do árabe nin na fonética nin na sintaxe.
Polo tanto, o que si conservamos son palabras illadas, sobre todo, no vocabulario da vida cotiá. Estas palabras son préstamos léxicos, é dicir, termos que se incorporaron por necesidade ou por contacto cultural, normalmente a través do castelán.
Préstamos directos ou indirectos?
Unha cuestión interesante é saber se os arabismos do galego chegaron directamente desde o árabe ou a través do castelán. A maioría dos expertos coinciden en que case todos os arabismos galegos son préstamos indirectos, é dicir, palabras árabes que pasaron primeiro ao castelán (onde houbo moito máis contacto coa lingua árabe) e despois chegaron ao galego.
O que si está claro é que termos como laraxa, arroba, argola e aceite posúen os mesmos cambios que nas palabras patrimoniais. Polo tanto, podemos consideralos arabismos directos. En calquera caso, sexan directos ou indirectos, seguen a formar parte do noso léxico e úsanse con total naturalidade.
Arabismos no galego
Aquí tes unha selección de palabras galegas de orixe árabe, agrupadas por ámbitos.
- Vida cotiá: albanel, alcalde, alcol, aldea, alfoz , oxalá, xadrez, xinete…
- Utensilios e obxectos: alfinete, alfombra, alforxa, almofada…
- Agricultura e alimentación: aceite, acelga, alcachofa, algodón, berenxena, laranxa, arroz, azafrán, azucre…
- Ciencias: algoritmo, alquimia, álxebra, cero, cifra…
- Música: laúde, tambor, trompeta…
- Medidas e pesos: arroba, quintal, fanega…
- Cores: azul, añil…
Aínda que a presenza directa dos árabes en Galicia foi mínima, a nosa lingua si conservou un bo feixe de palabras árabes. Estes arabismos falan de agricultura, música, ciencia e mesmo do traballo. Son recordos dunha época de contacto e intercambio que segue viva na lingua que falamos.
Fonte: López Viñas, X., Lourenço Módia, C., & Moreda Leirado, M. (2010). Gramática práctica da lingua galega. Baía Edicións.