Os mellores poemas musicados de Rosalía de Castro

Rosalía de Castro non só deixou unha obra literaria fundamental para a identidade galega, tamén inspirou a xeracións de músicos. Dende finais do século XIX, cando Xoán Montes puxo música a Negra sombra, ata versións recentes en Operación Triunfo, os seus versos seguen soando en cancións que percorren Galicia e o mundo.

Neste artigo recollemos as que ao noso ver son as mellores interpretacións musicais da súa poesía.

Negra sombra – Rosalía de Castro / Luz Casal

O poema Negra sombra, de Rosalía de Castro, foi musicado por Xoán Montes no século XIX e axiña se converteu nun dos grandes himnos emocionais de Galicia. Décadas máis tarde, Luz Casal popularizou a súa interpretación a nivel internacional, cunha versión chea de melancolía e beleza que fixo que os versos de Rosalía chegasen a milleiros de persoas fóra do país.

Negro caravel – Rosalía de Castro / Sabela Ramil e Rosa Cedrón

Negro caravel é un dos poemas máis intensos de Rosalía. En Operación Triunfo 2019, Sabela Ramil recuperou a versión de Rosa Cedrón e Cristina Pato no escenario televisivo, facendo que o galego e Rosalía chegasen a un público masivo.

Adeus ríos, adeus fontes – Rosalía de Castro / Astarot

Este poema, símbolo da emigración galega, foi musicado e interpretado por múltiples artistas ao longo das décadas. A banda Astarot ofrece unha versión con forza rockeira que paga a pena escoitar.

A xustiza pola man – Rosalía de Castro / Nao

No poema A xustiza pola man, Rosalía ergue a súa voz contra a opresión e a inxustiza social. A banda Nao levou estes versos ao seu terreo co seu estilo de roqueiro.

Tecín soia – Rosalía de Castro / A Banda da Loba

O poema Tecín soia amosa a voz máis íntima e vulnerable de Rosalía, cos fíos da soidade convertidos en imaxe poética inesquecible. A Banda da Loba fixo unha versión contemporánea, que combina tradición e sonoridades actuais e reforza a vixencia e a emoción deste clásico rosaliano.

Alborada – Rosalía de Castro / Lucía Pérez e Rosa Cedrón

O poema Alborada foi musicado en diferentes ocasións. A versión conxunta de Lucía Pérez e Rosa Cedrón combina dúas das voces máis recoñecidas da música galega.

Soia – Rosalía de Castro / Víctor Aneiros

O músico Víctor Aneiros fixo unha adaptación do poema ¡Soia! en clave de blues. Trátase dun encontro singular entre a tradición poética galega e a linguaxe musical contemporánea.

Chove miudiño – Rosalía de Castro / Uxía

O poema Chove miudiño forma parte do libro-disco Rosalía pequeniña, no cal Uxía reúne diferentes cancións baseadas en versos de Rosalía para achegar a poeta ao público máis cativo.

Campanas de Bastabales – Rosalía de Castro / Amancio Prada

O cantautor Amancio Prada, que dedicou boa parte da súa carreira a poñer música á obra rosaliana, fixo unha das versións máis recoñecidas. A súa interpretación, íntima e chea de emoción, converteuse nun clásico.

A Rosalía – Curros Enríquez / Luis Emilio Batallán

Non todos os temas que falan de Rosalía están escritos pola propia autora. Un dos máis coñecidos é o poema “A Rosalía”, que Curros Enríquez lle dedicou á poeta tras a súa morte. Nel, Curros rende homenaxe á figura que abriu camiño para a literatura galega contemporánea, recoñecendo o seu valor e a súa influencia. O cantautor Luis Emilio Batallán musicou este poema no seu disco Ahí ven o maio (1975).

A Rosalía – DE VACAS

Por último, o grupo galego DE VACAS fixo unha versión en galego de Despechá, a coñecida canción de Rosalía. A proposta non é unha musicalización directa dun poema de Rosalía de Castro, senón unha reinterpretación contemporánea que xoga co imaxinario arredor da figura rosaliana e a cultura popular actual. Esta versión demostra, unha vez máis, como o nome e o legado da nosa Rosalía de Castro seguen vivos tamén fóra do ámbito estritamente literario, dialogando coa música urbana e co fenómeno pop global.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
Celso Emilio Ferreiro
7/01/2026
18/02/2026
A obra de Celso Emilio Ferreiro mantense viva non só pola forza da súa palabra, senón porque moitos músicos a fixeron soar máis alá do papel. Este ...
Lorca
25/10/2025
18/02/2026
Federico García Lorca escribiu seis poemas en galego no ano 1935, animado polos seus amigos galegos Eduardo Blanco Amor e Ánxel Casal. A obra, publicada pola editorial ...
poemas galegos musicados
27/08/2025
28/08/2025
Queres descubrir como soa a poesía galega cando se converte en canción? Moitas artistas e bandas do país fixeron dos poemas música e crearon pezas que marcaron ...
Últimos artigos publicados
Aprende os nomes das especias e das herbas aromáticas en galego
27/05/2026
29/05/2026
Pimienta, cilantro, albahaca… Cantas veces usaches a palabra en castelán sen saber cal era a forma galega? O galego ten nomes propios para todas as especias e ...
Como se chaman os dedos da man en galego
20/05/2026
20/05/2026
Estira a man e mira os cinco dedos. Cada un ten o seu nome formal, mais tamén o seu alcume popular, ese que usan as avoas para ...
Rosco pasapalabra Begoña Caamaño Letras Galegas
13/05/2026
13/05/2026
O 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas e este ano a figura homenaxeada é Begoña Caamaño, xornalista, escritora e activista que deixou unha pegada ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer