O 12 de agosto de 2026 os ollos de toda Galicia estarán postos no ceo debido á eclipse total de Sol, un fenómeno que non se vía por aquí desde hai máis de 100 anos.
É, sen dúbida, un acontecemento astronómico histórico e moita xente xa está a buscar o mellor lugar para velo. E mentres agardamos por ese intre, hai algo que tamén podemos preparar: o noso vocabulario. Porque este fenómeno ten as súas palabras propias e en galego algunhas teñen sorpresa.
Dise “a eclipse”, non “o eclipse”
Comecemos polo máis importante. En galego, eclipse é unha palabra feminina. Así que o 12 de agosto imos ver unha eclipse total de Sol.
Non é a única palabra que cambia de xénero entre o castelán e o galego. Se queres coñecer moitas máis, non te perdas o noso artigo sobre as palabras con distinto xénero en castelán e en galego.
Atmosfera
Coidado con esta palabra. En galego, é atmosfera, palabra grave (sen acento gráfico), a diferenza do castelán atmósfera, que é esdrúxula. É un dos erros de acentuación máis habituais.
Lentes / Anteollos
Para mirar unha eclipse necesitas protección ocular específica. En galego, esas lentes ou anteollos especiais son imprescindibles. Nunca se debe mirar o Sol directamente.
Coroa solar
A coroa solar é a capa máis externa da atmosfera do Sol, esa especie de halo brillante que só se pode ver a simple vista durante unha eclipse total, cando a Lúa tapa por completo o disco solar. É un dos momentos máis espectaculares do fenómeno.
Penumbra
A penumbra é a zona de sombra parcial, onde a luz do Sol queda atenuada pero non desaparece por completo.
Emersión
A emersión é a reaparición dun astro que estivo oculto por outro durante unha eclipse. É o momento en que o Sol ou a Lúa volven aparecer despois de estaren tapados.
Conxunción
A conxunción é o aliñamento que se produce entre dous astros vistos desde un terceiro, xeralmente desde a Terra. É precisamente o que fai posible unha eclipse: cando o Sol, a Lúa e a Terra se aliñan.
Outeiro
Para ver ben unha eclipse convén buscar un lugar elevado e despexado e para iso o galego ten unha morea de palabras para describir unha pequena elevación de terreo illada e de pouca extensión: castrelo, cerro, colado, cuíña, lomba, lombeiro, outeiro penela, penelo, touticeira, toutizo.


