O Nadal en galego. Vocabulario esencial para estas datas

O Nadal é unha época chea de tradicións, historias e celebracións especiais. En galego, temos un léxico propio que reflicte a nosa cultura e xeito de vivir estas festas. Aquí tes unha guía completa coas palabras máis importantes relacionadas co Nadal para que poidas usalas e gozar das festas na nosa lingua.

Personaxes do Nadal galego

O Apalpador

O Apalpador é un carboeiro que baixa das montañas do Courel a noite do 24 ou do 31 de decembro para apalpar a barriga dos nenos, comprobar se están ben alimentados e deixarlles castañas ou algún agasallo.

Os Reis Magos

Melchor, Gaspar e Baltasar, son personaxes da tradición cristiá que, segundo o Evanxeo, visitaron a Xesús en Belén guiados por unha estrela e hoxe simbolizan os que traen os agasallos a noite do 5 ao 6 de xaneiro.

Os trubincos

Os Trubincos son uns trasnos invernais que en Noiteboa escorregan pola cheminea, entran nos fogares e enredan coas cousas da casa, provocando ruídos misteriosos e facendo pequenas falcatruadas durante a noite.

Celebracións e días especiais

Advento

Período de preparación para o Nadal, que comeza catro domingos antes do 25 de decembro.

Pascua

Pascua é a festa cristiá da resurrección de Xesús, moi importante na tradición relixiosa e popular galega.

Noiteboa

Noiteboa é a noite do 24 de decembro, unha das máis sinaladas en Galicia, asociada á cea familiar e ás tradicións do Nadal.

Día de Nadal

O Día de Nadal é o 25 de decembro, celébrase en familia e é costume abrir os agasallos.

Noitevella

Noitevella é a noite do 31 de decembro, na que se despide o ano, normalmente con xuntanzas, festas e costumes populares.

Badaladas

As badaladas son os doce toques do reloxo á medianoite do 31 de decembro, que marcan a entrada do novo ano e van acompañadas do costume de comer 12 uvas.

Aninovo

Aninovo é o día 1 de xaneiro, marca o comezo do novo ano e en moitos lugares celébrase comendo chocolate con churros.

Cabalgata de Reis

A Cabalgata de Reis é o desfile da tarde do 5 de xaneiro en que os Reis Magos percorren vilas e cidades repartindo caramelos.

Día de Reis

O Día de Reis é o 6 de xaneiro, cando se reciben os agasallos e se come o roscón en familia.

Elementos decorativos e tradicións

acivro

agasallo ou presente

aguinaldo

árbore de Nadal

bóla

boneco de neve

belén ou nacemento

camelo

lotaría

zorra

grilanda

nadaliña

Máis palabras do Nadal:

  • Agasallar: dar presentes como mostra de cariño.
  • Décimo de lotaría: participación no sorteo de Nadal, unha tradición moi popular.
  • Desenfeitar, desadornar ou desornar: retirar os adornos do Nadal.
  • Encintar: colocar fitas decorativas nos agasallos ou na árbore.
  • Enfeitar, adornar, adobiar ou engalanar: decorar espazos e obxectos.
  • Estrela de Oriente: símbolo celestial que, segundo a tradición cristiá, guiou os Reis Magos ata o lugar do nacemento de Xesús. Representa a luz e a esperanza e adóitase representar no cumio da árbore de Nadal ou como parte do belén.
  • Fita de Nadal: decoración de Nadal consistente nun fío recuberto de láminas brillantes de plástico de cores.
  • Visgo: planta típica usada na decoración do Nadal, considerada símbolo de boa sorte.

Música e cantos do Nadal

  • Panxoliña, nadaliña ou vilancico: canción tradicional do Nadal.
  • Cantos de Reis: cancións interpretadas durante a noite ou o día de Reis.
  • Xaneiras: cantos tradicionais interpretados no tempo de Nadal, especialmente para pedir aguinaldos.
  • Aguinaldeiro/a: cada un dos mozos que por Aninovo ou Reis van en grupo cantando panxoliñas de casa en casa para que lles dean o aguinaldo.

Comida e doces típicos

  • Champaña (substantivo masculino): bebida espumosa tradicionalmente usada para brindar durante Noitevella e outras celebracións do Nadal.
  • Carbón doce: doce elaborado a base de azucre, cor negra e textura quebradiza, que se entrega simbolicamente aos nenos e nenas que supostamente se portaron mal ao longo do ano.
  • Mazapán: outro doce popular, feito de améndoas e azucre.
  • Polvorón: doce de fariña, manteiga e azucre, típico destas datas.
  • Roscón de Reis: Doce tradicional que se consome o 6 de xaneiro. Ten forma de rosca e adoita estar elaborado con masa doce, aromatizada con laranxa ou auga de azar e decorada con froitas cristalizadas e azucre. No seu interior adoitan esconderse unha figura (representa a boa sorte) e unha fava (quen a atopa paga o roscón). É unha sobremesa simbólica que celebra a chegada dos Reis Magos.
  • Turrón: doce elaborado con mel, améndoas e outros ingredientes.
  • Viño quente: bebida típica de inverno, especialmente asociada ao Nadal, que se prepara quentando viño tinto.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
Carta ao Apalpador_As chaves da lingua_1
23/12/2024
15/12/2025
O Apalpador é unha das figuras máis recoñecibles do Nadal galego. Trátase dun carboeiro bo e tranquilo que baixa das montañas do Courel na noite do 24 ...
7
18/12/2024
19/12/2025
O Nadal é unha época perfecta para gozar da lectura. Os días fríos, as noites longas e o ambiente acolledor convídannos a abrir un libro e a ...
20
17/12/2024
17/12/2025
O Nadal en Galicia é unha época máxica, onde o espírito das festas mestúrase coa riqueza das nosas tradicións e a calor das xuntanzas familiares. Neste artigo ...
Últimos artigos publicados
O vocabulario do material escolar en galego
9/09/2026
9/09/2026
Hoxe comezan as aulas en Galicia e, con elas, volven as mochilas ás costas, os cadernos aínda sen estrear e as présas das mañás para non perder ...
apps para aprender galego
3/09/2026
3/09/2026
Non hai mellor forma de aprender unha lingua que usala tamén no lecer. O móbil, que levamos sempre enriba, pode converterse nun aliado para aprender galego mentres ...
Mosteiro de Samos
26/08/2026
26/08/2026
Ás veces a historia agóchase nos lugares máis inesperados. Esta fin de semana fun visitar o mosteiro de Samos e descubrín algo que non sabía. Alí viviu ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer