Todo o que necesitas saber sobre o fútbol en galego

O fútbol é un dos deportes que máis seareiros e seareiras ten en Galiza. Por iso, neste artigo amósovos o vocabulario deste deporte para que poidades ir a Balaidos, a Riazor, á Malata, a Pasarón ou ao Anxo Carro sen que vos saquen cartón vermello.

Características dun partido de fútbol

Imos imaxinar que o Deportivo e o Celta coinciden na mesma división (oxalá sexa proximamente). Pois nese derbi haberá dous equipos de 11 xogadores cada un, dirixidos por un adestrador ou preparador. Uns minutos antes do partido, cada equipo deberá facer un quecemento ou quentamento para evitar lesións e que non teñan que sacar a ningún xogador en padiola

O obxectivo é marcar goles. Non sabemos se será Lucas Pérez ou Iago Aspas o que consiga lanzar unha falta cun xute directo á meta que dará a vitoria ao seu club. Podedes facer apostas! O importante é meter a pelota, bóla ou balón dentro da portaría contraria. Serán 90 minutos de auténtico sufrimento para as afeccións de cada equipo e seguro que máis dun afeccionado ou afeccionada quedará ese día sen uñas agardando a ver caneos ou fintas á altura de Messi ou Maradona e contraataques ou contragolpes que rematen cun gol dun forte punteirolo. Se hai que ir á prórroga, xa vos podedes imaxinar a tensión. E a penaltis? Mellor non pensalo!

Alén diso, durante o partido haberá un árbitro vixiando que se cumpran as regras do xogo. Se non é así, apuntará amoestacións por cambadelas e poderá sacar cartón amarelo ou vermello. Para controlar as faltas contará coa axuda cos xuíces de liña, que tamén terán conta dos fóra de xogo.

Partes do campo e futbolistas

O terreo de xogo está dividido en varias zonas: nos extremos están as áreas de meta e as áreas de penalti; no centro, o medio campo; nos laterais, a liña de banda, e nas esquinas a zona para o saque de banda ou córner. Cómpre non esquecermos a portaría, que está formada por tres postes ou paus laterais e un traveseiro que terma da rede.

Como xa dixen antes, en cada equipo xogan 11 futbolistas e dependendo da posición que xoguen serán centrais, centrocampistas como a nosa internacional Vero Boquete, defensas ou dianteiros e porteiros ou gardametas. O resto dos suplentes descansará no banco até que sexa a súa quenda. Para a grande ocasión vestirán con pantalóns curtos e caneleiras por debaixo das medias que os protexerán das botas con tacos das patadas dos rivais e os gardametas teñen prohibido deixar as luvas ou os guantes na casa.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Dous dicionarios castelán-galego para non ter dúbidas nunca máis
16/09/2026
16/09/2026
Cantas veces buscaches como se di unha palabra en galego e non deches cunha ferramenta fiable? Pois traio boas novas! Agora temos dous dicionarios castelán-galego en liña, ...
O vocabulario do material escolar en galego
9/09/2026
9/09/2026
Hoxe comezan as aulas en Galicia e, con elas, volven as mochilas ás costas, os cadernos aínda sen estrear e as présas das mañás para non perder ...
apps para aprender galego
3/09/2026
3/09/2026
Non hai mellor forma de aprender unha lingua que usala tamén no lecer. O móbil, que levamos sempre enriba, pode converterse nun aliado para aprender galego mentres ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

4 comentarios en “Todo o que necesitas saber sobre o fútbol en galego”

Os comentarios están pechados.

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer