Falas latín, pero non o sabes: latinismos e o seu significado

O latín non é unha lingua morta. De feito, úsalo sen decatarte cada día. Moitas palabras e expresións do latín clásico integráronse no galego e noutras linguas sen cambiaren apenas a súa forma. Desde o ámbito académico ata o día a día, o latín segue presente en locucións que utilizamos sen pensar.

Se algunha vez dixeches currículum vítae, in extremis ou mea culpa, parabéns, acabas de falar latín! Mais sabes realmente que significan estas expresións? Vexamos algunhas das máis usadas e o seu significado.

Que son os latinismos?

Os latinismos son palabras ou expresións que o galego (e outras linguas) herdaron directamente do latín. Moitas mantiveron a súa forma orixinal, sobre todo en ámbitos como o dereito, a medicina, a ciencia ou a filosofía.

O galego conservou moitos latinismos crudos porque en determinados contextos dánlle máis precisión e formalidade ao discurso. Outros, pola súa extensión no uso, xa forman parte da lingua cotiá.

Latinismos en galego e o seu significado

O latín da vida cotiá

Sen te decatares, empregas expresións latinas en conversas do teu día a día.

  • Álter ego → Persoa en quen outra confía plenamente, podendo representala sen restricións. Ex.: Co tempo, converteuse no álter ego do presidente da compañía.
  • Ex professo → Cun único propósito ou a propósito. Ex.: Veu desde o estranxeiro ex professo para asistir á cerimonia. Deixei ex professo este tema para o final.
  • In extremis → No último momento, nunha situación límite. Ex.: Salvárono in extremis.
  • Ipso facto → De inmediato, sen demora. Ex.: Necesito que mo envíes ipso facto.
  • Motu proprio → Por iniciativa propia, sen que ninguén o pida. Ex.: Decidiu dimitir motu proprio.
  • Mea culpa → Por culpa miña. Ex.: O equipo recoñeceu o erro e entoou o seu mea culpa.
  • Grosso modo → A grandes trazos, sen entrar en detalles. Ex.: Grosso modo, esa é a idea principal.
  • Modus vivendi → Forma de vivir ou estilo de vida. Ex.: O seu modus vivendi baséase en viaxar e traballar en remoto.

O latín da vida académica e profesional

Algunhas expresións latinas mantivéronse na linguaxe formal, sobre todo en ámbitos como o ensino, a ciencia ou a burocracia:

  • Alma máter → A universidade ou institución que formou a unha persoa. Ex.: A UDC foi a miña alma máter.
  • Currículum vítae → A traxectoria profesional dunha persoa. Ex.: Envíanos o teu currículum vítae.
  • Ex aequo → Con igual mérito.Ex.: O primeiro premio foi concedido ex aequo a dúas poetas.
  • Honoris causa → Un título concedido a alguén polos seus méritos, sen necesidade de cumprir os requisitos académicos habituais. Ex.: Nomeárono doutor honoris causa.
  • Lapsus cálami → Erro cometido ao escribir. Ex.: A présa con que se escribiu o texto xustifica os lapsus cálami que se observaban na súa redacción.
  • Lapsus línguae → Equivocación ao falar. Ex.: O conferenciante rectificou e pediu desculpas polo inoportuno lapsus línguae que cometera.
  • Per cápita → Por cabeza, por persoa. Ex.: O consumo de leite per cápita reduciuse nos últimos anos.

O latín do dereito e da retórica

O dereito e a argumentación seguen cheos de expresións latinas que dan rigor ao discurso. Quizais algunha vez escoitaches estas:

  • Ad hoc → A propósito, para un fin determinado. Ex.: Creouse unha comisión ad hoc. Tamén pode usarse como adxectivo para indicar que algo é moi apropiado. Ex.: Sempre ten a resposta ad hoc.
  • Ad hóminem → Argumento que ataca á persoa en lugar da súa opinión. Ex.: Non se debe caer en falacias ad hóminem nun debate.
  • In medias res → No medio do asunto. Ex.: O relato comeza in medias res.
  • Mutatis mutandis → Aplicando os cambios necesarios. Ex.: Esta regra pode aplicarse, mutatis mutandis, a outras situacións.
  • Per se → En si mesmo, pola súa propia natureza. Ex.: O problema non é o imposto per se, senón a súa aplicación.
  • Ex cáthedra → Falar con autoridade absoluta, sen admitir discusión. Ex.: Sempre opina ex cáthedra, coma se fose infalible.

O latín da medicina e da ciencia

A ciencia e a medicina conservan moitos termos en latín, especialmente para describir procedementos e estudos:

  • In vitro → Experimentos feitos nun medio artificial, fóra dun ser vivo. Ex.: A fecundación in vitro permitiu a moitas familias ter fillos.
  • In vivo → Experimentos realizados en organismos vivos. Ex.: Fixeron probas in vivo para comprobar a eficacia da vacina.

Conclusión: o latín vive no galego

O latín segue presente na nosa lingua moito máis do que pensamos. A súa pegada mantense en expresións técnicas, xurídicas, científicas e cotiás. Agora que xa sabes que falas latín sen sabelo, fíxate ben nos teus discursos e verás como estas locucións aparecen máis veces do que imaxinas!

E ti, cal destas expresións usas máis a miúdo? Déixamo nos comentarios!

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
dicionario da fala valdeorresa

12/11/2025

A fala de Valdeorras, como a de tantas outras comarcas galegas, agocha un tesouro de palabras únicas, cheas de historia, matices e identidade. E agora, todo ese ...
orixe da palabra magosto

10/11/2025

O magosto é unha das festas máis queridas do outono galego. Arredor do lume, con castañas asadas e viño novo, celébrase o encontro entre o mundo rural, ...
castañas e magostos en galego

5/11/2025

Cando chega o tempo das castañas, en Galicia non só as comemos: falamos delas. E para falarmos ben, hai que coñecer o vocabulario auténtico do souto e ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer