Sabes como se di “cotilleo” en galego?

Hai palabras que usamos a diario sen pensarmos se teñen unha alternativa en galego. Cotilleo é un deses castelanismos. Presente en conversas de ascensor ou nos grupos de WhatsApp, en galego temos vocabulario de sobra para falar do que se di, do que se comenta e do que se escoita sen que ninguén o confirme.

Como se di cotilleo en galego?

A tradución máis habitual de cotilleo é rexouba, mais non é a única. Dependendo do contexto, tamén podemos empregar: chisme, conto, cubillada, díxome, dixomedíxome, historia, leria, conto, lercheo, murmuración ou rumor.

Onte souben dun conto que vai dar moito que falar.
Non quero escoitar máis lercheos, xa chega de cubilladas.

Como se di cotillear en galego?

O verbo cotillear tamén se pode dicir de varias maneiras, segundo o que queiras expresar:

Falar mal ou de maneira indiscreta sobre alguén é rexoubar, alpurnar, lerchear, malsinar ou murmurar.

Deixa de rexoubar, que non sabes o que pasou de verdade.

Meterse onde non te chaman ou investigar con disimulo en galego é abesullar, abesourar, asexar, atusmar, esculcar, escrutar, escudriñar, espiar, espreitar, fisgar, osmar, usmar ou ventar.

Andaba espreitando polas redes a ver con quen saíra onte.

Como se di cotilla en galego?

Aquí vén o mellor. O galego ten un rexistro riquísimo para describir a quen lle gusta falar de máis ou meterse na vida allea. Algunhas opcións son as seguintes: bocalán, goleón, larapeteiro, laretas, lerchán, lercho, lingoreteiro, linguateiro, murmurador, papexón ou rexoubeiro.

E ti, que palabra usas cando falas dos dixomedíxomes en galego? Coñecías todas estas formas ou acabas de descubrir a túa nova favorita?

Déixaa nos comentarios ou comparte este artigo con alguén que lle guste tanto unha rexouba coma ti.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Que serie da Xeración Xabarín marcou a túa personalidade Fai o test e descúbreo
10/06/2026
10/06/2026
Todo comezou o 18 de abril de 1994. Un xabarín con camisola amarela animábanos a afiliarnos ao seu club. Durante anos, as tardes de miles de nenos ...
De andar ás minchas ao sobresaínte o vocabulario dos exames en galego
3/06/2026
4/06/2026
Estamos en época de exames e o vocabulario que usamos no día a día, ás veces, sae en castelán sen dármonos conta. Aquí tes un repaso ás ...
Aprende os nomes das especias e das herbas aromáticas en galego
27/05/2026
2/06/2026
Pimienta, cilantro, albahaca… Cantas veces usaches a palabra en castelán sen saber cal era a forma galega? O galego ten nomes propios para todas as especias e ...

2 comentarios en “Sabes como se di “cotilleo” en galego?”

  1. Eu coñezo as máis comúns, murmurar, lerchear, fisgar… É algunha máis, sorpréndeme a catidade de palabras referida a “cotilleo” que hai.

    Grazas polos artigos

    Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer