Comera ou comese. Sabes utilizalos correctamente?

Acotío, por influencia doutras linguas, confúndese o antepretérito do Indicativo co pretérito do Subxuntivo. Neste artigo aprenderás a diferencialos e a utilizalos correctamente.

Cando se usa o antepretérito do Indicativo en galego?

O antepretérito do Indicativo sinala unha acción anterior a outra pasada.

Algúns exemplos:

Pensei que xa leras o libro.
Cando me chamaches, xa comprara o pan.

Formas do antepretérito do Indicativo en galego

AMARCOMERVIVIR
amara
amaras
amara
amaramos
amarades
amaran
comera
comeras
comera
comeramos
comerades
comeran
vivira
viviras
vivira
viviramos
vivirades
viviran

Outros valores do antepretérito do Indicativo

O antepretérito de indicativo tamén ten os seguintes valores:

  • Valor hipotético no futuro desde o pasado: Díxome que mercara uns libros o próximo mes.
  • Valor desiderativo sempre que sexa un enunciado exclamativo: Quen me dera!
  • Valor imperativo desde o pasado: Se non querías suspender, estudaras!
  • Valor de cortesía: Quixera falar con vostede.

Cando se usa o pretérito do Subxuntivo en galego?

O pretérito de Subxuntivo indica unha acción irreal cuxo referente poder estar nun tempo pasado ou futuro.

Quixo que o acompañase.

Formas do pretérito do Subxuntivo en galego

AMARCOMERVIVIR
amase
amases
amase
amásemos
amásedes
amasen
comese
comeses
comese
comésemos
comésedes
comesen
vivise
vivises
vivise
vivísemos
vivísedes
vivisen

Outros valores do pretérito do Subxuntivo

O pretérito de subxuntivo tamén ten os seguintes valores:

  • Valor de posterioridade desde o pasado: Pediume que lle fixese un favor.
  • Valor desiderativo: Oxalá me tocase a lotaría.

Bibliografía:

  • Freixeiro Mato, X. R. (2006b). Gramática da lingua galega. II Morfosintaxe. Vigo: A Nosa Terra.
  • López Viñas, X., Lourenço Módia, C. & Moreda Leirado, M. (2011). Gramática práctica da lingua galega. Comunicación e expresión. A Coruña: Baía Edicións.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
Aprende a usar o infinitivo conxugado en galego

4/09/2024

O infinitivo conxugado, tamén chamado infinitivo persoal ou infinitivo flexionado, é unha forma verbal e común entre os galegofalantes, mais pode presentar algunha dúbida sobre o seu ...
58

20/10/2023

Vir de + infinitivo e acabar de + infinitivo son perífrases aspectuais con valor perfectivo, é dicir, son perífrases que se utilizan para falar de accións xa ...
Últimos artigos publicados
dicionario da fala valdeorresa

12/11/2025

A fala de Valdeorras, como a de tantas outras comarcas galegas, agocha un tesouro de palabras únicas, cheas de historia, matices e identidade. E agora, todo ese ...
orixe da palabra magosto

10/11/2025

O magosto é unha das festas máis queridas do outono galego. Arredor do lume, con castañas asadas e viño novo, celébrase o encontro entre o mundo rural, ...
castañas e magostos en galego

5/11/2025

Cando chega o tempo das castañas, en Galicia non só as comemos: falamos delas. E para falarmos ben, hai que coñecer o vocabulario auténtico do souto e ...

2 comentarios en “Comera ou comese. Sabes utilizalos correctamente?”

  1. Ola! Moi interesante entrada e moi ben organizada. Porén, creo que hai un erro. En “valor hipotético no futuro desde o pasado: Díxome que mercara uns libros”, aí sería “mercase”. É dicir, pediume que os mercase.
    Utilizariamos “mercara” se expresamos a idea de que os libros se mercaron no pasado, acción anterior á expresada polo verbo “dicir”.
    Ou polo menos entendo que así é …
    Parabéns pola páxina, sígoa porque me encanta. Saúdos!

    Responder
    • Ola, Uxía! Grazas polo teu comentario. Na Gramática práctica da lingua galega de Xoán López Viñas et al explícase que neste caso o uso do antepretérito do indicativo é correcto. Non é o seu uso habitual, mais é un dos valores que pode ter. Hai moitos casos que poden levarnos a confusión. Por exemplo, o famoso verso de Álvaro Cunqueiro “Quen poidera namorala” tamén está escrito en antepretérito do indicativo e é correcto. En ambos os casos, a lóxica fainos pensar que se deberían escribir en pretérito do subxuntivo, mais a nosa lingua tamén recolle eses valores para o antepretérito do indicativo.

      Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer