Comera ou comese? Diferenzas entre o antepretérito de indicativo e o pretérito de subxuntivo en galego

En galego, comera e comese non significan o mesmo nin se poden empregar indistintamente.

A forma comera pertence ao antepretérito de indicativo, mentres que comese pertence ao pretérito de subxuntivo.

A confusión entre ambas as formas é frecuente, especialmente pola influencia do castelán, onde as formas en –ra e –se poden funcionar como pretérito de subxuntivo: comiera e comiese.

En galego non funciona así. Fíxate nesta diferenza:

Díxome que xa comera.
Quería que comese con eles.

Na primeira oración falamos dun feito anterior a outro feito pasado. Na segunda, dunha acción desexada ou hipotética.

Imos velo con máis detalle.

Cando se usa o antepretérito do indicativo en galego?

O antepretérito de indicativo expresa normalmente unha acción pasada que ocorreu antes doutra acción tamén pasada.

Algúns exemplos:

Pensei que xa leras o libro. → Primeiro liches o libro e, posteriormente, eu pensei niso.
Cando me chamaches, xa comprara o pan. → Primeiro comprei o pan e despois chamáchesme.

Formas do antepretérito do indicativo en galego

AMARCOMERVIVIR
amara
amaras
amara
amaramos
amarades
amaran
comera
comeras
comera
comeramos
comerades
comeran
vivira
viviras
vivira
viviramos
vivirades
viviran

Ollo! Cómpre reparar nun detalle importante: amaramos, comeramos e viviramos non levan acento gráfico.

Outros valores do antepretérito do indicativo

Alén de expresar unha acción anterior a outra acción pasada, o antepretérito de indicativo pode ter outros valores.

  • Valor hipotético no futuro desde o pasado: expresa unha acción futura vista desde un momento pasado.

Díxome que mercara uns libros o mes seguinte.

  • Valor desiderativo: emprégase para expresar un desexo en construcións exclamativas.

Quen me dera!

  • Valor imperativo desde o pasado: úsase para expresar un reproche ou mandato referido ao pasado.

Se non querías suspender, estudaras!

  • Valor de cortesía: emprégase para suavizar unha petición ou expresar un desexo de maneira máis cortés, especialmente co verbo querer.

Quixera falar con vostede.

Cando se usa o pretérito do subxuntivo en galego?

O pretérito de subxuntivo emprégase cando presentamos unha acción como desexada, hipotética, posible, dubidosa ou dependente doutra acción.

Por exemplo:

Quixo que o acompañase.

A acción de acompañalo non se presenta como un feito afirmado, senón como aquilo que outra persoa quería que sucedese.

Outros exemplos:

Pediume que lle fixese un favor.
Non esperaba que chegases tan cedo.
Oxalá fose piloto!

Formas do pretérito do subxuntivo en galego

AMARCOMERVIVIR
amase
amases
amase
amásemos
amásedes
amasen
comese
comeses
comese
comésemos
comésedes
comesen
vivise
vivises
vivise
vivísemos
vivísedes
vivisen

Outros valores do pretérito do subxuntivo

O pretérito de subxuntivo tamén ten os seguintes valores:

  • Valor de posterioridade desde o pasado: Pediume que lle fixese un favor.
  • Valor desiderativo: Oxalá me tocase a lotaría.

A diferenza entre comera e comese

A mellor maneira de entendela é comparando exemplos.

  • Comera presenta normalmente unha acción como un feito anterior a outro feito pasado:

Cando chegamos ao restaurante, Xoán xa comera. → É dicir, Xoán comeu antes de nós chegarmos.

  • Comese, pola contra, presenta a acción como desexada, hipotética ou dependente doutra:

Querían que Xoán comese con eles. → Non afirmamos que Xoán comeu. Indicamos aquilo que querían que fixese.

Outro exemplo:

  • Sabía que Marta xa chegara. → A chegada de Marta preséntase como un feito.
  • Dubidaba que Marta chegase a tempo. → A chegada non se presenta como segura, senón como dubidosa.

Un erro frecuente pola influencia do castelán

Aquí aparece unha das diferenzas importantes entre galego e castelán.

En castelán podemos dicir:En galego dicimos:
Si tuviera tiempo, iría.
Si tuviese tiempo, iría.
Se tivese tempo, iría.

As formas galegas rematada en -ra son, fundamentalmente, formas do indicativo. Para expresar estas hipóteses debemos empregar as formas en -se.

Un truco para non confundilos

Hai unha maneira moi sinxela de distinguir estas dúas formas:

  • Se falamos de algo que realmente sucedeu, empregamos o antepretérito de indicativo: Cando chegamos, Marta xa marchara.
  • Se hai dúbida, hipótese, desexo ou non podemos asegurar que a acción chegase a producirse, empregamos o pretérito de subxuntivo: Dubidaba que Marta marchase tan cedo.

Exercicios

Bibliografía:

  • Freixeiro Mato, X. R. (2006b). Gramática da lingua galega. II Morfosintaxe. Vigo: A Nosa Terra.
  • López Viñas, X., Lourenço Módia, C. & Moreda Leirado, M. (2011). Gramática práctica da lingua galega. Comunicación e expresión. A Coruña: Baía Edicións.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
Aprende a usar o infinitivo conxugado en galego
4/09/2024
20/04/2026
O infinitivo conxugado, tamén chamado infinitivo persoal ou infinitivo flexionado, é unha forma verbal e común entre os galegofalantes, mais pode presentar algunha dúbida sobre o seu ...
58
20/10/2023
28/02/2025
Vir de + infinitivo e acabar de + infinitivo son perífrases aspectuais con valor perfectivo, é dicir, son perífrases que se utilizan para falar de accións xa ...
Últimos artigos publicados
Verbos non reflexivos en galego
20/10/2026
21/10/2026
En galego hai moitos verbos que, por influencia do castelán, se empregan incorrectamente coa forma pronominal, é dicir, engadímoslles un pronome reflexivo (me, te, se…) que non ...
Dous dicionarios castelán-galego para non ter dúbidas nunca máis
16/09/2026
20/09/2026
Cantas veces buscaches como se di unha palabra en galego e non deches cunha ferramenta fiable? Pois traio boas novas! Agora temos tres dicionarios castelán-galego en liña, ...
O vocabulario do material escolar en galego
9/09/2026
9/09/2026
Hoxe comezan as aulas en Galicia e, con elas, volven as mochilas ás costas, os cadernos aínda sen estrear e as présas das mañás para non perder ...

2 comentarios en “Comera ou comese? Diferenzas entre o antepretérito de indicativo e o pretérito de subxuntivo en galego”

  1. Ola! Moi interesante entrada e moi ben organizada. Porén, creo que hai un erro. En “valor hipotético no futuro desde o pasado: Díxome que mercara uns libros”, aí sería “mercase”. É dicir, pediume que os mercase.
    Utilizariamos “mercara” se expresamos a idea de que os libros se mercaron no pasado, acción anterior á expresada polo verbo “dicir”.
    Ou polo menos entendo que así é …
    Parabéns pola páxina, sígoa porque me encanta. Saúdos!

    Responder
    • Ola, Uxía! Grazas polo teu comentario. Na Gramática práctica da lingua galega de Xoán López Viñas et al explícase que neste caso o uso do antepretérito do indicativo é correcto. Non é o seu uso habitual, mais é un dos valores que pode ter. Hai moitos casos que poden levarnos a confusión. Por exemplo, o famoso verso de Álvaro Cunqueiro “Quen poidera namorala” tamén está escrito en antepretérito do indicativo e é correcto. En ambos os casos, a lóxica fainos pensar que se deberían escribir en pretérito do subxuntivo, mais a nosa lingua tamén recolle eses valores para o antepretérito do indicativo.

      Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer