En galego, comera e comese non significan o mesmo nin se poden empregar indistintamente.
A forma comera pertence ao antepretérito de indicativo, mentres que comese pertence ao pretérito de subxuntivo.
A confusión entre ambas as formas é frecuente, especialmente pola influencia do castelán, onde as formas en –ra e –se poden funcionar como pretérito de subxuntivo: comiera e comiese.
En galego non funciona así. Fíxate nesta diferenza:
Díxome que xa comera.
Quería que comese con eles.
Na primeira oración falamos dun feito anterior a outro feito pasado. Na segunda, dunha acción desexada ou hipotética.
Imos velo con máis detalle.
Cando se usa o antepretérito do indicativo en galego?
O antepretérito de indicativo expresa normalmente unha acción pasada que ocorreu antes doutra acción tamén pasada.
Algúns exemplos:
Pensei que xa leras o libro. → Primeiro liches o libro e, posteriormente, eu pensei niso.
Cando me chamaches, xa comprara o pan. → Primeiro comprei o pan e despois chamáchesme.
Formas do antepretérito do indicativo en galego
| AMAR | COMER | VIVIR |
| amara amaras amara amaramos amarades amaran | comera comeras comera comeramos comerades comeran | vivira viviras vivira viviramos vivirades viviran |

Ollo! Cómpre reparar nun detalle importante: amaramos, comeramos e viviramos non levan acento gráfico.
Outros valores do antepretérito do indicativo
Alén de expresar unha acción anterior a outra acción pasada, o antepretérito de indicativo pode ter outros valores.
- Valor hipotético no futuro desde o pasado: expresa unha acción futura vista desde un momento pasado.
Díxome que mercara uns libros o mes seguinte.
- Valor desiderativo: emprégase para expresar un desexo en construcións exclamativas.
Quen me dera!
- Valor imperativo desde o pasado: úsase para expresar un reproche ou mandato referido ao pasado.
Se non querías suspender, estudaras!
- Valor de cortesía: emprégase para suavizar unha petición ou expresar un desexo de maneira máis cortés, especialmente co verbo querer.
Quixera falar con vostede.
Cando se usa o pretérito do subxuntivo en galego?
O pretérito de subxuntivo emprégase cando presentamos unha acción como desexada, hipotética, posible, dubidosa ou dependente doutra acción.
Por exemplo:
Quixo que o acompañase.
A acción de acompañalo non se presenta como un feito afirmado, senón como aquilo que outra persoa quería que sucedese.
Outros exemplos:
Pediume que lle fixese un favor.
Non esperaba que chegases tan cedo.
Oxalá fose piloto!
Formas do pretérito do subxuntivo en galego
| AMAR | COMER | VIVIR |
| amase amases amase amásemos amásedes amasen | comese comeses comese comésemos comésedes comesen | vivise vivises vivise vivísemos vivísedes vivisen |
Outros valores do pretérito do subxuntivo
O pretérito de subxuntivo tamén ten os seguintes valores:
- Valor de posterioridade desde o pasado: Pediume que lle fixese un favor.
- Valor desiderativo: Oxalá me tocase a lotaría.
A diferenza entre comera e comese
A mellor maneira de entendela é comparando exemplos.
- Comera presenta normalmente unha acción como un feito anterior a outro feito pasado:
Cando chegamos ao restaurante, Xoán xa comera. → É dicir, Xoán comeu antes de nós chegarmos.
- Comese, pola contra, presenta a acción como desexada, hipotética ou dependente doutra:
Querían que Xoán comese con eles. → Non afirmamos que Xoán comeu. Indicamos aquilo que querían que fixese.
Outro exemplo:
- Sabía que Marta xa chegara. → A chegada de Marta preséntase como un feito.
- Dubidaba que Marta chegase a tempo. → A chegada non se presenta como segura, senón como dubidosa.
Un erro frecuente pola influencia do castelán
Aquí aparece unha das diferenzas importantes entre galego e castelán.
| En castelán podemos dicir: | En galego dicimos: |
| Si tuviera tiempo, iría. Si tuviese tiempo, iría. | Se tivese tempo, iría. |
As formas galegas rematada en -ra son, fundamentalmente, formas do indicativo. Para expresar estas hipóteses debemos empregar as formas en -se.
Un truco para non confundilos
Hai unha maneira moi sinxela de distinguir estas dúas formas:
- Se falamos de algo que realmente sucedeu, empregamos o antepretérito de indicativo: Cando chegamos, Marta xa marchara.
- Se hai dúbida, hipótese, desexo ou non podemos asegurar que a acción chegase a producirse, empregamos o pretérito de subxuntivo: Dubidaba que Marta marchase tan cedo.
Exercicios
Bibliografía:
- Freixeiro Mato, X. R. (2006b). Gramática da lingua galega. II Morfosintaxe. Vigo: A Nosa Terra.
- López Viñas, X., Lourenço Módia, C. & Moreda Leirado, M. (2011). Gramática práctica da lingua galega. Comunicación e expresión. A Coruña: Baía Edicións.





2 comentarios en “Comera ou comese? Diferenzas entre o antepretérito de indicativo e o pretérito de subxuntivo en galego”
Ola! Moi interesante entrada e moi ben organizada. Porén, creo que hai un erro. En “valor hipotético no futuro desde o pasado: Díxome que mercara uns libros”, aí sería “mercase”. É dicir, pediume que os mercase.
Utilizariamos “mercara” se expresamos a idea de que os libros se mercaron no pasado, acción anterior á expresada polo verbo “dicir”.
Ou polo menos entendo que así é …
Parabéns pola páxina, sígoa porque me encanta. Saúdos!
Ola, Uxía! Grazas polo teu comentario. Na Gramática práctica da lingua galega de Xoán López Viñas et al explícase que neste caso o uso do antepretérito do indicativo é correcto. Non é o seu uso habitual, mais é un dos valores que pode ter. Hai moitos casos que poden levarnos a confusión. Por exemplo, o famoso verso de Álvaro Cunqueiro “Quen poidera namorala” tamén está escrito en antepretérito do indicativo e é correcto. En ambos os casos, a lóxica fainos pensar que se deberían escribir en pretérito do subxuntivo, mais a nosa lingua tamén recolle eses valores para o antepretérito do indicativo.