Aprende dunha vez a colocar o pronome átono

Aprende dunha vez a colocar o pronome átono

Unha das cousas máis difíciles á hora de aprender galego é saber colocar os pronomes correctamente. Logo de aprender cando utilizar os pronomes te e o che, neste artigo ensínoche as regras fundamentais para saber se o pronome átono vai diante ou detrás do verbo.

Cando vai detrás o pronome?

A colocación habitual do pronome é que vaia detrás do verbo. Por exemplo:

As meigas…Habelas, hainas!

Tareixa mercoume unha saia. Tívena que devolver porque non era do meu talle.

Cando vai diante o pronome?

Como toda boa regra, sempre hai excepcións. A seguir, móstroche os casos onde o pronome debe ir antes do verbo.

Con enunciados negativos

Cando unha frase é negativa, isto é, cando hai un non, nada, nin, ninguén, ningún ou nunca o pronome vai antes.

Non me quixo contar a verdade.

Ninguén a viu.

Nada lle parece ben.

Con enunciados enfáticos

O demo te coma!

Mal raio me parta!

Cos pronomes relativos, interrogativos e exclamativos

A idea que nos propuxeches é moi boa.

Onde o viches?

Non sabes como lle gustou o agasallo!

Cos seguintes pronomes 

Cos pronomes algo, alguén, ambos, bastante, calquera, mesmo, pouco, propio e todo.

Algo me dixo sobre o tema.

Todo o mundo a escoitou berrar desde o balcón.

Calquera lles di que están errados.

Cos seguintes adverbios

Coa maioría dos adverbios o pronome vai antes do verbo. Velaquí algúns: acaso, aínda, algures, até, axiña, bastante, ben, case, demasiado, enseguida, máis, mal, mellor, quizais, seica, sempre etc. O mesmo acontece cos adverbios rematados en -mente.

Bastante lle axudei para o que fixo.

Seica che compraron un coche polo aniversario.

Sempre o vexo lendo o xornal.

Soamente o viu aquela vez.

Coas seguintes conxuncións

Coas conxuncións e locucións conxuntivas que, se, porque, xa que, ou etc.

Dixo que o chamases despois das tres.

Se o fixese ben, seguro que gañaba o premio.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
Te e che. Trucos para saber diferencialos
22/03/2023
17/11/2025
En galego temos dúas formas para o pronome átono da segunda persoa do singular: te e che. Saber cando se utiliza un ou outro é moi doado ...
Últimos artigos publicados
Rosco pasapalabra Begoña Caamaño Letras Galegas
13/05/2026
13/05/2026
O 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas e este ano a figura homenaxeada é Begoña Caamaño, xornalista, escritora e activista que deixou unha pegada ...
Begoña Caamaño libros para coñecer a autora das Letras Galegas 2026
11/05/2026
11/05/2026
Begoña Caamaño é a escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. Xornalista, activista e autora de obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana ...
Como se di poñer en negrita unha palabra Formas de descaque en galego
6/05/2026
7/05/2026
Cando redactas un documento en Word, un correo ou unha publicación e queres destacar unha palabra, probablemente pensas en poñela *en negrita, mais esa expresión non é ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer