Hoxe comezan as aulas en Galicia e, con elas, volven as mochilas ás costas, os cadernos aínda sen estrear e as présas das mañás para non perder o autobús. O inicio de curso é sempre un momento especial: reencontros cos compañeiros, novos profes, novas materias e esa mestura de nervios e ilusión que trae setembro.
E que mellor forma de estrear o curso que facelo falando a nosa lingua? Por iso repasamos hoxe como se nomea o material escolar que nos acompaña todo o ano. Toma nota, que nalgúns hai sorpresa. E se hai algún alumno ou alumna lendo isto, moi bo comezo do curso!
Afialapis
O instrumento para sacarlle punta ao lapis é o afialapis, que ten como sinónimo aguzalapis.
Apuntamentos
Os apuntamentos son ese tesouro que se comparte coa persoa que faltou á clase e que, ás veces, ninguén é quen de descifrar pola letra.
Armario
Coidado con este castelanismo! Ese espazo persoal onde deixar os libros e non cargar con toda a mochila é un armario, non unha *taquilla.
Caderno
O compañeiro inseparable de calquera estudante. En galego dise caderno, non *libreta . Tamén podemos ter un caderno de argolas ou un caderno de espiral.
Cinta correctora
O produto para corrixir erros é a cinta correctora ou fita correctora. Lembra que tipex é en realidade unha marca comercial, non o nome do obxecto.
Encerado
A superficie onde escribe o profesorado é o encerado ou taboleiro. E o panel de cortiza para fixar avisos tamén é un taboleiro.
Estoxo
Hainos sinxelos e hainos de tres andares con cremalleira, mais todos teñen a mesma función. O estoxo é imprescindible na mochila para gardarmos os lapis, as gomas e o resto de trebellos.
Fita adhesiva
Serve para arranxalo case todo, desde un libro roto ata un mural para a clase. En galego, é a cinta adhesiva ou fita adhesiva, nada de *celo.
Fita marcadora
A fita que se usa para marcar por onde imos nun libro, por exemplo, chámase fita marcadora.
Goma
A goma de borrar de toda a vida.
Grampadora
O aparello para unir follas con grampas é a grampadora.
Lapis
Coidado con esta palabra! Lapis non leva acento e o seu plural é invariable: os lapis. Como sinónimo tamén podes usar lapiseiro.
Marcador
Ese rotulador de cores rechamantes ou fluorescentes que usamos para destacar o importante nun texto chámase marcador.
Materia
Todos temos unha materia favorita (e algunha que se nos resiste). Iso si, lembra que en galego cursamos materias, asignatura é un castelanismo que convén evitar.
Tesoira
Ese obxecto imprescindible para os traballos manuais e as manualidades é a tesoira.
Xiz
Por último, a barriña coa que se escribe no encerado é o xiz.



3 comentarios en “O vocabulario do material escolar en galego”
ENCÁNTANME O QUE FAS.
EU fun profesora de Lingua galega durante 42 anos, desde 1980 e non había nada de nada de material.
GRAZAS
Moitas grazas!
Ola‼️ É unha magoa que non se engadese a palabra AULA. A cotío utilizámola para nomear o lugar onde se desenvolven as actividades lectivas, pero poucas veces utilízase para referirmonos á hora ou tempo de clase. Penso que sexa polo impacto negativo que o castelán ten na lingua galega (é unha opinión).
Por iso, coido que pagaba a pena amosar as dúas posibilidades de uso e facer o noso falar máis rico e propio.
Deica outra e saúde.