O vocabulario da eclipse en galego

O 12 de agosto de 2026 os ollos de toda Galicia estarán postos no ceo debido á eclipse total de Sol, un fenómeno que non se vía na nosa comunidade desde hai máis de 100 anos.

É, sen dúbida, un acontecemento astronómico histórico e moita xente xa está a buscar o mellor lugar para velo. E mentres agardamos por ese intre, hai algo que tamén podemos preparar: o noso vocabulario. Porque este fenómeno ten as súas palabras propias en galego e algunhas teñen sorpresa.

Dise “a eclipse”, non “o eclipse”

Comecemos polo máis importante. En galego, eclipse é unha palabra feminina. Así que o 12 de agosto imos ver unha eclipse total de Sol.

Non é a única palabra que cambia de xénero entre o castelán e o galego. Se queres coñecer moitas máis, non te perdas o noso artigo sobre as palabras con distinto xénero en castelán e en galego.

Atmosfera

Coidado con esta palabra. En galego, é atmosfera, palabra grave (sen acento gráfico), a diferenza do castelán atmósfera, que é esdrúxula. É un dos erros de acentuación máis habituais.

Lentes / Anteollos

Para mirar unha eclipse necesitas protección ocular específica. En galego, esas lentes ou anteollos especiais son imprescindibles. Nunca se debe mirar o Sol directamente.

Coroa solar

A coroa solar é a capa máis externa da atmosfera do Sol, esa especie de halo brillante que só se pode ver a simple vista durante unha eclipse total, cando a Lúa tapa por completo o disco solar. É un dos momentos máis espectaculares do fenómeno.

Penumbra

A penumbra é a zona de sombra parcial, onde a luz do Sol queda atenuada pero non desaparece por completo.

Emersión

A emersión é a reaparición dun astro que estivo oculto por outro durante unha eclipse. É o momento en que o Sol ou a Lúa volven aparecer despois de estaren tapados.

Conxunción

A conxunción é o aliñamento que se produce entre dous astros vistos desde un terceiro, xeralmente desde a Terra. É precisamente o que fai posible unha eclipse: cando o Sol, a Lúa e a Terra se aliñan.

Outeiro

Para ver ben unha eclipse convén buscar un lugar elevado e despexado e para iso o galego ten unha morea de palabras para describir unha pequena elevación de terreo illada e de pouca extensión: castrelo, cerro, colado, cuíña, lomba, lombeiro, outeiro penela, penelo, touticeira, toutizo.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
a santa compaña
28/10/2026
29/10/2026
Coa chegada do Samaín e do Día dos Defuntos, as historias das ánimas e dos seres sobrenaturais volven cobrar protagonismo. E poucas lendas galegas provocan tanto respecto ...
Verbos non reflexivos en galego
20/10/2026
21/10/2026
En galego hai moitos verbos que, por influencia do castelán, se empregan incorrectamente coa forma pronominal, é dicir, engadímoslles un pronome reflexivo (me, te, se…) que non ...
Dous dicionarios castelán-galego para non ter dúbidas nunca máis
16/09/2026
20/09/2026
Cantas veces buscaches como se di unha palabra en galego e non deches cunha ferramenta fiable? Pois traio boas novas! Agora temos tres dicionarios castelán-galego en liña, ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

actualizado outubro 2026

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

actualizado outubro 2026