A tradición dos Maios: por que poñemos xestas nas portas e nos coches a noite do 30 de abril ao 1 de maio?

Se nunca te preguntaches por que hai coches con ramas de flores amarelas no parabrisas cada 1 de maio, este artigo é para ti. Detrás dese xesto hai séculos de tradición, crenzas e unha relación profunda coa natureza que os galegos e as galegas levamos no sangue.

Que é a xesta?

A xesta é unha planta silvestre que medra nos montes e camiños de Galicia. A máis común é a de flor amarela, aínda que tamén existe a variedade de flor branca.

Florea precisamente nesta época do ano, o que a converte nun símbolo natural da chegada da primavera. Mais na cultura popular galega vai moito máis aló dun simple elemento decorativo.

Cal é o seu significado?

Disque a xesta ten fama de planta protectora. Na tradición galega atribúenselle propiedades para afastar o meigallo e o mal de ollo, e por iso se coloca nos lugares que máis importan como a porta da casa, as fiestras, o coche, as embarcacións ou as cortes onde están os animais.

O momento no que hai que actuar tamén forma parte do ritual. As xestas deben recollerse antes de que se poña o sol o día 30 de abril, porque deste xeito conserva a forza da luz. Despois, esa mesma noite, as xestas colócanse nos lugares elixidos para que, como di o dito, non poida entrar o maio, nin collan o meigallo.

De onde vén esta tradición?

A orixe está na festa dos Maios, a celebración popular que en Galicia marca a fin do inverno e a chegada do bo tempo. Aínda que se asocia especialmente coas Rías Baixas, a tradición está documentada en todo o territorio galego e tamén no norte de Portugal. Nalgunhas zonas conservouse mellor que noutras, pero nunca desapareceu do todo.

Antigamente, a noite anterior ao primeiro de maio era un momento de ritos de protección. A veciñanza saía cos fachos polas terras sementadas e as xestas poñíanse nas portas, nas cortes e nos carros. O obxectivo era sempre o mesmo, protexer o fogar, a familia e a colleita do que puidese vir co cambio de estación.

Como chegou ata hoxe?

A tradición adaptouse sen perderse. Os carros convertéronse en coches e o xesto de colgar unhas xestas na porta o 30 de abril continúa a estar vivo. Este costume é o fío que nos conecta cunha forma de entender o mundo onde a natureza e o calendario marcan o ritmo da vida.

Esta tradición noutros lugares de Europa

O noso costume de colocar xestas na noite do 30 de abril ao 1 de maio non é un feito illado. En moitas zonas do centro e norte de Europa celébrase esa mesma noite a chamada noite de Walpurgis (Valborgsmässoafton en sueco, Walpurgisnacht en alemán), unha festa que dá a benvida á primavera e despide a estación mái fría do ano.

Segundo a cultura popular europea, era unha noite en que as bruxas se reunían —por exemplo, no monte Brocken en Alemaña—, polo que se desenvolveron distintos rituais para afastar as malas enerxías: acender fogueiras, facer ruído ou empregar elementos naturais con valor protector. Estas celebracións seguen vivas, con pequenas variantes, en países como Alemaña, a República Checa, Suecia, Lituania, Letonia, Finlandia ou Estonia.

En Galicia, ese papel simbólico cúmpreo a xesta. Igual que noutras culturas se empregan outros elementos vexetais ou o lume, aquí son as pólas desta planta as que se colocan en portas, fiestras ou vehículos como protección fronte ao mal e como sinal de cambio de ciclo.

Este ano, se ves un ramo de xestas nun coche ou nunha porta, xa sabes o que significa. E se tes ocasión, non está de máis poñer a túa!

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
O vocabulario do material escolar en galego
9/09/2026
9/09/2026
Hoxe comezan as aulas en Galicia e, con elas, volven as mochilas ás costas, os cadernos aínda sen estrear e as présas das mañás para non perder ...
apps para aprender galego
3/09/2026
3/09/2026
Non hai mellor forma de aprender unha lingua que usala tamén no lecer. O móbil, que levamos sempre enriba, pode converterse nun aliado para aprender galego mentres ...
Mosteiro de Samos
26/08/2026
26/08/2026
Ás veces a historia agóchase nos lugares máis inesperados. Esta fin de semana fun visitar o mosteiro de Samos e descubrín algo que non sabía. Alí viviu ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer