O Nadal en Galicia é unha época especial en que o espírito festivo se mestura coa forza das tradicións e co valor das xuntanzas familiares. Estas datas non se viven só desde a relixión, senón tamén a través dos contos populares e dos costumes transmitidos de xeración en xeración.
Desde as montañas onde habita o Apalpador até os fogares onde se queima o tizón de Nadal para protexer a casa, o Nadal galego está cheo de ritos que celebran a unión, a protección e a abundancia. As vilas énchense de panxoliñas, os ranchos de Reis percorren camiños e rúas, e as mesas convértense no centro da celebración, cheas de pratos tradicionais para compartir cos nosos seres queridos.
Descubre neste artigo como Galicia transforma estas datas nunha festa chea de música e tradición, onde cada costume encerra unha historia fondamente enraizada na cultura popular.
O Apalpador

Nos últimos anos recuperouse a figura do Apalpador, un xigante carboeiro que baixa das montañas dos Ancares ou do Courel a noite do día 24 ou do día 31 de decembro. Visita os nenos, apálpalles a barriga para comprobar se están ben alimentados e déixalles castañas ou algún que outro agasallo.
Os trubincos

Os trubincos son pequenos trasnos da mitoloxía galega, ligados ao inverno e ao fogar. Segundo a tradición de San Martiño de Salcedo, na Noiteboa baixan pola cheminea, entran nas casas e fan falcatruadas, provocando ruídos e desordes sen seren perigosos.
Tizón de Nadal

En moitas zonas rurais mantense a tradición de queimar o tizón de Nadal, un tronco groso colocado na lareira ou na cociña de leña. O seu lume simboliza a protección da casa e das colleitas. As cinzas gardábanse e botábanse polos campos como sinal de boa sorte e fertilidade.
Sortes e resortes

As sortes e resortes forman parte da sabedoría popular relacionada coa observación do tempo. Segundo esta crenza popular, cada un dos doce primeiros días do ano, as sortes, representaba o clima dun mes diferente, seguindo unha orde ascendente de xaneiro a decembro. A partir do día 13, as resortes realizaban o mesmo proceso, o que permitía confirmar ou axustar as predicións feitas nos primeiros doce días.
Este sistema era empregado polos labregos para planificar colleitas e traballos do campo, o que garantía unha mellor preparación para as vindeiras estacións.
Viño quente

O viño quente foi durante séculos unha bebida habitual nos meses de inverno. Elaborábase con viño da casa, quentado a lume lento e aromatizado con especias ou froitas. Consumíase para combater o frío e adoitábase acompañar con sobremesas tradicionais como as castañas asadas ou as roscas de Nadal. Na actualidade estase a recuperar a súa presenza en feiras, mercados e celebracións populares.
Ranchos de Reis

Os ranchos de Reis son unha das manifestacións máis vistosas do Nadal galego, especialmente nas Rías Baixas. Trátanse de grupos organizados que saen polas aldeas e vilas cantando e bailando para celebrar a chegada dos Reis Magos. Acompañados de pandeiretas, tamborís e outros instrumentos, recollen o aguinaldo e contribúen a crear un ambiente de festa colectiva.
Panxoliñas

Non hai Nadal sen música e en Galicia, as panxoliñas son parte esencial das festas. Estes cantos de Nadal, tamén chamados nadaliñas ou vilancicos poden ser interpretados por coros ou grupos de amigos que percorren as rúas das vilas, enchendo o ambiente de alegría e espírito festivo.
Comidas e ceas de Nadal

As comidas de Nadal son momentos centrais das festas. As familias xúntanse arredor da mesa para compartir pratos tradicionais como o marisco, o capón asado ou o bacallau con coliflor. Na noite de Fin de Ano, ao chegar a medianoite, mantense o costume de comer as doce uvas coas badaladas do reloxo, un ritual estendido tamén en Galicia para despedir o ano e dar a benvida ao novo. As sobremesas complétanse con turróns, polvoróns, doces caseiros e o roscón, que pecha as celebracións.
Noite de Reis

A noite do 5 de xaneiro é unha das máis esperadas polos nenos. As cabalgatas dos Reis Magos percorren vilas e cidades, enchendo as rúas de música e cor. Pola noite, os máis pequenos deixan os zapatos preparados, confiando en atopalos cheos de agasallos ao espertar.
Beléns

Os beléns ou nacementos son un elemento esencial da decoración natalicia. Ademais dos beléns familiares, moitas igrexas e concellos organizan exposicións e beléns viventes para recrearen escenas do nacemento de Xesús con gran detalle. Estas representacións convértense en puntos de encontro e atraen visitantes de diferentes lugares.






1 comentario en “Coñece as tradicións galegas de Nadal”
Boas festas de Nadal e disfrutar de elas, un saudo con apertas desde Burriana-Castellón de un galego que naceu en Betanzos fai 92 anos. Boas noites e fortes apertas.