Te e che. Trucos para saber diferencialos

Te e che. Trucos para saber diferencialos

En galego temos dúas formas para o pronome átono da segunda persoa do singular: te e che. Saber cando se utiliza un ou outro é moi doado se coñecemos a seguinte regra:

O pronome te ten a función de complemento directo (CD) e o pronome che de complemento indirecto (CI).

Cando se utiliza o pronome te?

O pronome te utilízase cando ten a función de CD, propio dos verbos transitivos, xa que alude ao ser ou ao obxecto sobre o que recae a acción verbal.

Se convertemos a oración en pasiva, o CD pasa a ser o suxeito. Por exemplo:

Vinte na cafetería / Ti fuches visto por min na cafetería.

Cando se utiliza o pronome che

O  pronome che utilízase cando ten a función de CI, xa que indica o destinatario da acción expresada polo verbo. Por exemplo:

Díxenche a verdade.

Compreiche unhas lambonadas.

Truco para saber diferencialos

Un truco moi rápido para diferenciarmos os pronomes te e che é substituír eses pronomes de segunda persoa polos de terceira. 

Se podemos cambiar o pronome te por o/lo/no ou a/la/na, quere dicir que o pronome vai ser de CD. Polo tanto, temos que poñer te e non che.

Saudeite onte pola rúa / Saudeino onte pola rúa.

Chameite por teléfono / Chameina por teléfono.

Se podemos substituílo por un lle, significa que é un pronome de CI e que debemos utilizar o che.

Lévoche mañá os apuntamentos / Lévolle mañá os apuntamentos.

Collinche as entradas do concerto / Collinlle as entradas do concerto.

Se ao cambiarmos o pronome te por un o/lo/no ou a/la/na e a frase non ten sentido, quere dicir que non é CD, senón CI. Neste caso, se mudamos o te por un lle e a frase ten sentido, quere dicir que o pronome é de CI.

Escribinte unha carta Escribino unha carta ❌

Escribinche unha carta Escribinlle unha carta ✅

En resumo, o pronome te (CD) podémolo substituír por un o/lo/no ou a/la/na e o pronome che podémolo substituír por un lle.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
Aprende dunha vez a colocar o pronome átono

12/04/2023

Unha das cousas máis difíciles á hora de aprender galego é saber colocar os pronomes correctamente. Neste artigo ensínoche as regras fundamentais para saber se o pronome ...
Últimos artigos publicados
refráns galegos de outubro

1/10/2025

Outubro chega co arrecendo da terra mollada, coas primeiras noites frías e cos ourizos das castañas espallados polos soutos. É un mes de transición, o verán xa ...
nomes cidades galegas

24/09/2025

Por que Lugo se chama así? E de onde vén a palabra Compostela? Detrás de cada topónimo hai pegadas de pobos prerromanos, da presenza romana e mesmo ...
fakenews

15/09/2025

Nos últimos anos a expresión inglesa fake news espallouse por todas partes: nos medios de comunicación, nas redes sociais e mesmo nas conversas cotiás. Mais precisamos realmente ...

15 comentarios en “Te e che. Trucos para saber diferencialos”

  1. Pois si, un erro mui común, mesmo nos medios de comunicación. Quen non leu ou escoitou algunha vez “voteille” nas últimas eleccións, mais non o volvo votar?

    Oxalá teña muito éxito este proxecto, é simple mellorar o noso galego, só temos que cumprir un requisito, QUERER.

    Responder
  2. Chameiche/te as de Cristo
    – Chameille as de Cristo
    – Chameino as de Cristo

    Hai casos nos que ese “truco” dá lugar (aparentemente) a ambigüidades.

    Responder
  3. Neste caso chamar úsase como verbo transitivo. “As de Cristo” é complemento directo e “él” é complemento indirecto. Por tanto a opción válida sería “Chameille / chameiche”.

    Responder
    • Ao verbo querer podemos engadirlle te ou che en función de se utilizamos o verbo como transitivo ou intransitivo, o que implica un cambio evidente de significado. Podes consultalo no dicionario da RAG.

      Responder
    • “Che” é o pronome de complemento indirecto de 2ª persoa e “a” é o pronome de complemento directo de 3ª persoa. Exemplo nunha frase: Merco para ti (che) unha chaqueta (a) = mércocha.

      Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer