As mellores receitas de Entroido: filloas, orellas, bica e rosquillas

O Entroido é moito máis que troula, tamén é unha festa para o padal! En Galicia, os días de Entroido enchen as mesas de pratos tradicionais que pasan de xeración en xeración. Filloas, orellas, cocido… cada recuncho do país ten as súas especialidades.

Nesta ocasión, en colaboración con Media Laranxa, traémosche unha selección de receitas clásicas do Entroido para que poidas gozar desta festa como manda a tradición. Colle o mandil e a cociñar!

Receita de filloas

As filloas son un dos doces máis emblemáticos do Entroido galego. Finas, lixeiramente douradas e cun sabor que conquista, estas delicias prepáranse en moitas casas seguindo receitas herdadas de xeracións. Hai quen as prefire doces, con azucre ou mel, e quen goza das filloas á pedra, con chourizo ou outros ingredientes salgados. Sexa como for, facer filloas é un ritual que enche a cociña de arrecendo e tradición. Queres aprender a preparalas coma as de toda a vida? Sigue lendo e descubre a receita!

Ingredientes:⁠

  • 250 ml de leite
  • 250 ml de auga
  • 4 ovos
  • 1 cullerada de canela en po
  • 1 chisco de sal
  • 1 cullerada de azucre
  • 200 g de fariña

Preparación:⁠

  1. Comezamos batendo os ovos co azucre, a canela e unha chisca de sal. Despois, engadimos o leite e a auga, mesturamos ben e imos incorporando a fariña aos poucos, sen deixar de bater, ata obter unha masa sen bolborotos.
  2. Unha vez listo o amoado, deixámolo repousar un anaco para que colla mellor textura.
  3. Quentamos unha filloeira ou tixola cun pouco de aceite e, cando estea ben quente, botamos unha capa fina de masa. Cando empece a dourarse, dámoslle a volta con coidado para que se faga polo outro lado.
  4. Antes de poñelas nun móntón, é importante deixalas arrefriar para que non se peguen entre si. E listo, agora só queda gozar delas.

Receita de orellas

Crocantes, douradas e cun lixeiro arrecendo a anís e limón, as orellas de Entroido son un dos doces máis icónicos destas festas en Galicia. A súa masa fina e fritida con azucre por riba, fai que sexan irresistibles en canto saen da tixola. Cada casa ten o seu truco: máis finas ou máis gordiñas, con toques de licor ou simplemente cun chisco de limón. Pero o importante é que cada bocado sabe a tradición e a festa. Se che apetece facer as túas propias orellas este Entroido, aquí tes a receita!

Ingredientes:⁠

  • 800 g de fariña
  • 2 ovos
  • 100 g de manteiga
  • 1 vaso de auga
  • 1 chisco de sal
  • azucre
  • aceite

Preparación:⁠

  1. Comezamos mesturando a manteiga derretida co leite e a auga morna. Engadimos os ovos e unha chisca de sal, e logo incorporamos a fariña aos poucos, mentres amasamos ata obter unha masa homoxénea e manexable.
  2. A continuación, estiramos a masa cun rolete ata deixala ben fina e cortámola en rectángulos.
  3. Quentamos abundante aceite e fritimos as orellas ata que estean douradas e crocantes. Ao sacalas, colocámolas sobre papel de cociña para eliminar o exceso de aceite.
  4. E listo! Só queda espolvorealas con azucre e gozalas.

Receita de bica branca

A bica branca é un doce tradicional da zona de Laza, en Ourense, e unha auténtica xoia da repostería galega. A diferenza doutras bicas, a súa textura é esponxosa e lixeira. O seu exterior dourado e lixeiramente crocante contrasta cun interior brando que se desfai na boca. Un doce perfecto para acompañar un café e, por suposto, para celebrar o Entroido como manda a tradición en Laza.

Ingredientes:

  • 8 claras
  • 350 ml de nata
  • 350 g de fariña
  • 200 g de azucre
  • Reladura dun limón (opcional)
  • Canela (opcional)

Preparación:⁠

  1. Comezamos batendo as claras a punto de neve xunto con 150 g de azucre ata que a mestura estea firme. Logo, engadimos a fariña peneirada pouco a pouco, integrándoa con movementos envolventes. Se o desexamos, tamén podemos engadir reladura de limón para un toque aromático.
  2. A continuación, incorporamos a nata montada con coidado, mesturando suavemente para que a masa non perda aire e manteña a súa esponxosidade.
  3. Vertemos a mestura nun molde engraxado ou forrado con papel vexetal. Esparexemos por riba os 50 g de azucre restantes e, se queremos, un chisco de canela para un extra de sabor.
  4. Enfornamos a 180ºC durante 45 minutos, ata que a bica estea dourada e firme ao tacto.

Receita de rosquillas

As rosquillas de Entroido son un doce clásico destas festas, cun interior esponxoso e un lixeiro toque de anís ou limón. Fritidas ata quedar douradas e rebozadas en azucre, son perfectas para acompañar o café ou o licor café. Preparalas na casa é toda unha tradición, e poucas cousas saben mellor ca unha rosquilla acabada de facer. Aquí tes a receita para gozar delas!

Ingredientes:

  • 450 g de fariña
  • 100 g de azucre
  • 1 ovo
  • 1 laranxa
  • 50 ml de anís *
  • 50 ml de aceite
  • 1 cullerada de lévedo en po

* De non querermos usar anís, podemos substituílo por leite ou bebida vexetal.

Preparación:⁠

  1. Comezamos mesturando nun cunco todos os ingredientes líquidos: o zume de laranxa, o anís, o aceite e o ovo, xunto co azucre e a reladura de laranxa.
  2. Despois, engadimos a fariña mesturada co lévedo aos poucos, mentres amasamos ata obter unha masa manexable que non se pegue ás mans. Cando estea lista, tapámola cun pano e deixámola repousar durante unha hora.
  3. Para darlles forma ás rosquillas, collemos pequenos anacos de masa, estirámolos e unimos os extremos formando un aro.
  4. Por último, fritímolas en aceite.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
5 libros recomendados para aprender galego

19/02/2025

Aprender galego ou mellorar a súa calidade lingüística require boas ferramentas e os libros son un recurso imprescindible para afondar no idioma de maneira estruturada e efectiva. ...
castelanismos na cociña

22/01/2025

Sen darnos conta, abrimos a porta a castelanismos que pouco a pouco van desprazando termos galegos ben nosos.
Últimos artigos publicados
dicionario da fala valdeorresa

12/11/2025

A fala de Valdeorras, como a de tantas outras comarcas galegas, agocha un tesouro de palabras únicas, cheas de historia, matices e identidade. E agora, todo ese ...
orixe da palabra magosto

10/11/2025

O magosto é unha das festas máis queridas do outono galego. Arredor do lume, con castañas asadas e viño novo, celébrase o encontro entre o mundo rural, ...
castañas e magostos en galego

5/11/2025

Cando chega o tempo das castañas, en Galicia non só as comemos: falamos delas. E para falarmos ben, hai que coñecer o vocabulario auténtico do souto e ...

2 comentarios en “As mellores receitas de Entroido: filloas, orellas, bica e rosquillas”

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer