Os nomes dos ventos en Galicia e o seu significado

Galicia sempre mirou ao ceo. Durante séculos, a nosa xente viviu pendente dos ventos: os mariñeiros escrutaban o horizonte antes de facerse ao mar, os labregos estudaban as nubes para decidir cando sementar ou segar e as avoas sabían que vento traía chuvia e cal anunciaba sol.

Este coñecemento transmitíase de xeración en xeración a través das palabras. Hoxe, moitos destes nomes están a esmorecerse. Vivimos en casas illadas, consultamos aplicacións meteorolóxicas e case xa non precisamos ler os sinais do ceo. Mais recuperar este vocabulario é recuperar unha parte importante da nosa cultura, un saber que conecta a lingua coa terra, co mar e coa vida de quen nos precedeu.

Ventos suaves e refrescantes

airexa

Vento suave. Sinónimos: aura, brisa, hálito.

Á tardiña, unha airexa fresca entraba pola ventá da cociña.

Ventos do norte: o frío que vén do alto

cadeleira

Vento frío procedente do norte, característico dos meses de febreiro e marzo.

A cadeleira facía tremelicar aos rapaces que xogaban no adro.

calistro

Aire frío e cortante que baixa do norte. Sinónimos: corisco, escarabana, xeeiro.

Co calistro, nin as vacas querían saír da corte.

cerzo

Vento frío do norte.

Cerzo na vara, auga na cara.

nordestada

Vento que sopra con forza do nordeste.

Coa nordestada, o mar embraveceuse en poucas horas.

nortada

Vento forte do norte.

A nortada obrigou os pescadores a abeirarse no porto.

Ventos do sur: cálidos e secos

ávrego

Vento procedente do sur ou do suroeste.

Co ávrego, a calor facíase máis pesada.

siroco

Vento cálido e seco que chega desde o Sahara.

O siroco deixaba unha capa de area fina sobre os coches.

soán

Vento suave do sueste, máis temperado que os do norte.

O soán encheu a tarde dunha calma agradable.

surada

Vento forte do sur.

A surada levouno ata o porto en menos tempo do esperado.

Ventos do leste

lestada

Vento vigoroso que sopra desde o leste.

A lestada levantou as tellas do palleiro.

levante

Vento que se despraza desde o leste.

Co levante, sabían que viría chuvia antes do anoitecer.

Ventos do oeste

poñente

Vento que vén do oeste.

O poñente trouxo as primeiras nubes da tarde.

galerna

Vento moi forte de entre o oeste e o noroeste, que ocasiona fortes temporais na costa do Cantábrico.

A galerna pillou aos mariñeiros lonxe da costa.

Outros ventos

carbeso

Vento frío e seco.

Ao solpor comezou a soprar un carbeso que facía tremelicar a calquera.

guilsa

Vento xélido e seco. Sinónimo: sieiro.

Saíronlle degresas nos beizos por mor da guilsa.

travesío

Vento que sopra lateralmente.

O vento travesío facía difícil camiñar pola ponte.

zarracina

Ventada forte acompañada de chuvia intensa.

A zarracina obrigounos a parar a marcha.

Ventos tropicais

alisio

Vento constante que sopra entre os trópicos, do nordeste ao suroeste no hemisferio norte.

Os veleiros aproveitaban os alisios para cruzaren o Atlántico.

Ventos de uso literario

Algúns nomes de ventos só se empregan na linguaxe poética ou en textos literarios, mais forman parte do noso patrimonio léxico e convocan imaxes evocadoras.

aura

Brisa suave e refrescante. Sinónimos: airexa, brisa, hálito.

Camiñaba pola beiramar, gozando da aura vespertina.

austro

Vento que sopra do sur. Sinónimo: noto.

O austro arrastraba po do deserto ata as nosas terras.

bóreas

Vento do norte. Sinónimo: aquilón.

O bóreas trouxo consigo a primeira xeada do ano.

favonio

Vento suave e apracible procedente do oeste.

O favonio de xuño alentaba os lenzos tendidos no patio.

Coñecer estes nomes non é só cuestión de vocabulario. É comprender como a nosa xente interpretaba o tempo, como se protexía da inclemencia e como aproveitaba as correntes para navegar ou secar a colleita. Cada vento conta unha parte da nosa historia.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Da canícula ao tosteiro vocabulario galego para esta vaga de calor
8/07/2026
8/07/2026
Cando chega a calor, o galego ten palabras para todo, isto é, para o sol que queima, para o aire que non corre, para a sede que ...
Os insectos voadores do verán en Galicia
1/07/2026
1/07/2026
Co verán chegan as noites longas, a calor e tamén os insectos. Algúns son benvidos, outros non tanto, mais todos forman parte da paisaxe galega nesta época ...
Incendios.gal a web cidadá para documentar os lumes en Galicia
17/06/2026
17/06/2026
Cada verán, e xa sen esperar o estío, Galicia arde. Ás veces, a información é dispersa e, a miúdo, quen está a ver o lume directamente non ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer