7 flores para descubrir esta primavera

A primavera énchese de cores, arrecendos e pequenas marabillas que, ás veces, pasan desapercibidas. Neste artigo queremos prestarlle atención ás flores silvestres que forman parte da nosa paisaxe e tamén da nosa lingua. Moitas teñen múltiples nomes e algúns veñen con historia.

Velaquí tes 7 flores para redescubrir esta primavera e para chamalas polo seu nome.

O nome das flores en galego

Abeluria

Tamén coñecida como baloco, borleta, croque, dedaleira, estalote, milicroque ou sanxoán, é unha flor silvestre de cor violeta ou rosada, con pintas no interior que semellan deseños feitos a man. Crece nos claros dos montes e nas beiras dos camiños, onde chama a atención pola súa forma de campá.

O nome croque vén dun xogo moi popular: collelas e estoupalas na cabeza dalgún incauto, como quen dá un pequeno croque. Por iso, a moita xente tráelles lembranzas da súa infancia.

Cala

A súa flor branca, elegante e envolvente, parece sacada dun cadro. A cala, de nome científico Zantedeschia aethiopica, tamén é coñecida como cartucho, cornos ou flor do xerro, dependendo da zona.

É unha das flores máis recoñecibles, presente en xardíns e cemiterios, mais tamén aparece en lugares húmidos e sombríos. Ten unha presenza serena, case solemne, que a converte nun símbolo de pureza, paz e elegancia.

Caravel

O caravel, coas súas puntas rizadas e ese arrecendo intenso, foi sempre unha flor presente en celebracións, procesións e alfombras florais. Hai variedades brancas, rosas… mais o vermello leva consigo algo máis. Foi o símbolo da Revolução dos Cravos en Portugal, o 25 de abril de 1974, cando se colocaba nos fusís como sinal de liberdade.

Chorima

Se pensas na primavera en Galicia, seguro que pensas en montes cubertos de toxos. E cando florecen, vístense de chorimas, esas flores amarelas que tamén recibe o nome de chorida, segundo a zona.

Un detalle curioso é que os seus pétalos son comestibles. Poden engadirse a ensaladas ou usarse como decoración en pratos e teñen un lixeiro sabor doce.

Herba de namorar

Pequena, cunha flor de cor rosa e follas estreitas, a herba de namorar é un símbolo do amor nas zonas costeiras de Galicia. Medra entre pedras e zonas salgadas, onde poucas plantas se atreven a crecer. Leva séculos inspirando versos e declaracións. Din que regalar unha é prometer algo máis que amizade.

Neste artigo tes a lenda da herba de namorar. Bótalle unha ollada!

Mexacán

Tamén coñecido como carrelo, leitarega, leitaruga, leituga, paciporca ou tarrelo, o mexacán é o nome popular galego para o Taraxacum officinale, esa flor silvestre que todos sopramos de cativos para pedir un desexo. A súa flor é amarela e cando se transforma nunha bóla de sementes brancas, énchese de maxia. Medra en calquera campo, beirarrúa ou fenda do chan, como símbolo de resistencia e presenza constante.

Ten propiedades medicinais recoñecidas dende hai séculos. É unha flor humilde, mais chea de vida e tradición.

Papoula

A papoula é unha desas flores que non precisan presentación. Coa súa cor vermella intensa, como unha labarada no medio dos campos, anuncia a primavera con forza e delicadeza ao mesmo tempo.

É unha flor silvestre, fráxil, de pétalos finos como o papel, que bailan ao mínimo sopro de vento. Medra entre os cultivos, nas beiras dos camiños e, ás veces, semella que está onde non a chamaron… pero sempre queda ben.

Planta que debes coñecer si ou si

Hortelá

Non é só unha planta de cheiro fresco e intenso. A hortelá ou menta brava é tamén un remedio de sabedoría popular: se algunha vez te rozaches cunha ortiga, seguro que alguén che dixo que colleras un pouco de hortelá para aliviar a picadura. E funciona! Crece espontánea nas hortas e zonas húmidas e sempre dá gusto atopala.

A natureza fala. Só hai que saber escoitala… e nomeala. Se saes ao campo esta primavera, intenta recoñecer algunha destas flores e, sobre todo, chámaas polo seu nome en galego. Porque a lingua tamén florece cando a usamos!

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
postais de nadal en galego

17/12/2025

Chega o Nadal e con el a tradición de enviarlles felicitacións aos nosos seres queridos. Este ano, desde As chaves da lingua ofrecémosche unha ferramenta completamente gratuíta ...
Libros do Apalpador

15/12/2025

O Apalpador é unha das figuras máis entrañables da tradición galega do Nadal. Este xigante bondadoso que baixa das montañas na Noiteboa para apalpar as barrigas dos ...
Filmes de Nadal en galego dispoñibles en Netflix

14/12/2025

O Nadal tamén se pode ver en galego. En Netflix hai algúns filmes de temática natalicia que permiten escoller o galego como idioma, unha opción pouco coñecida ...

Deixa un comentario

Agasallo de Nadal

Calendario 2026: 365 días para vivir en galego

Agasallo de Nadal

Calendario 2026: 365 días para vivir en galego