Por que os galegos dicimos “abur” e os vascos “agur”?

Seguro que algunha vez te despediches cun “abur” sen pensar de onde viña esa palabra. E se escoitaches falar vasco, igual che soou familiar o seu “agur”. Pero teñen algo que ver? É casualidade ou hai historia detrás?

Que significa “abur”?

En galego, a palabra abur úsase como fórmula de despedida, especialmente en rexistros familiares, informais ou afectivos. A súa presenza no galego oral é bastante recoñecible e seguro que a moita xente lle soa grazas a un dos libros máis emblemáticos da nosa literatura, como é Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

Neste libro, que narra a infancia do pequeno Balbino, aparece nunha das escenas máis emotivas da despedida do seu irmán Miguel. A palabra abur queda marcada para sempre na memoria do protagonista e tamén na nosa:

Hai moitos meses que meu irmán Miguel marchou para América. Inda me lembro de cando se despediu de nós. Miña nai, a tía Carme e a madriña choraban. Meu pai estaba serio coma un pote. Nin bágoas nin risadas: os homes son homes. O padriño non quixo ir. A Celia, que está servindo en Loxo, mandámoslle recado pero non a deixaron vir os señores.

Eu estaba no medio de todos. Ninguén facía caso de min. Bulían a darlle consellos ó viaxeiro mentres non chegaba o coche de liña. Miguel dicía a todo que si, con cara de «tanto me ten». Collinlle unha man e púxenme a contarlle os dedos para un lado e para o outro, dende o gordo ó meimiño. Non dei chío pero gustábame que Miguel marchase. Despois contaríame moitas cousas. E eu diríaas na escola. Como non me atendía, turrei por el para unha beira. Anagouse e díxenlle ó pé da orella: «Eu quero que te vaias. Mándame unha carta dende América e cóntame historias de alá». Sorriu, púxome unha man na cabeza e esgarabelloume no pelo. Sentín coma un proído de sarabullo no corpo todo.

Escoitamos a buguina do «Modelo». Viña a todo meter, cun eito de caixóns e cestos derriba. Miña nai e mais a madriña dábanlle bicos e apertas a Miguel, e seguían choromicando. Meu pai ergueu a maleta ata onde estaba o revisor. Unha maleta noviña, feita polo carpinteiro de Quintela. Despois apertou contra si un instante a meu irmán. Antes de meterse no coche, Miguel colleume polo pescozo, deume un bico na cara, e cun «abur, Balbino» fuxiu coma un lóstrego. Eu quedei feito un papón. Non souben dicir nin facer nada. Arrincou ó xeiteniño o «Modelo». Miguel axexaba para nós mentres abaneaba un pano da man.

Este “abur, Balbino” non é só unha despedida, é unha ferida que moitos galegos e galegas sufriron por culpa da emigración. Unha palabra que leva carga emocional, memoria e perda. Por iso, aínda que pequena e coloquial, abur forma parte desa linguaxe que toca fondo, que queda e que, sen dicilo moi alto, nos di moito.

Que significa “agur”?

No caso do éuscaro, agur é unha palabra ben coñecida fóra mesmo de Euskal Herria. É a despedida estándar en vasco moderno e úsase de maneira habitual tanto en situacións formais como informais.

“Abur” vén do vasco “agur”? Explicamos a súa etimoloxía

Aínda que abur soa ben galego e ten un uso estendido na nosa fala, trátase dun préstamo do éuscaro. Porén, esta palabra ten unha orixe aínda máis antiga, xa que procede do latín augurium que significaba ‘agoiro’ ou ‘presaxio’. En tempos antigos, desexarlle a alguén bos agoiros era unha forma de despedirse con respecto e afecto. Así naceu en éuscaro o verbo agurtu (saudar, despedirse) e, máis adiante, a fórmula agur como despedida.

Pero… como chegou esa palabra ao galego convertida en abur?

Pois por medio dun cambio fonético común na transmisión oral entre linguas: o paso do son g ao son b, por semellanza acústica. Este tipo de modificacións son frecuentes cando unha palabra se adapta ao oído doutra lingua, sen pasar pola escrita.

De feito, o Diccionario de Dicionarios recolle abur como substantivo galego desde o século XX, cun significado claro: ‘adeus’. A súa historia lévanos desde Galicia ata Euskadi e de volta, porque as palabras tamén viaxan, cambian e acaban facendo casa onde menos o esperas.

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
palabras de orixe vasca
A historia dunha lingua é tamén a historia dos pobos que a falaron e das culturas coas que entrou en contacto. O galego, coma todas as linguas ...
palabras de orixe catalá
Cando falamos da orixe das palabras, moitas veces esquecemos que as linguas son tamén resultado das relacións humanas: das migracións, do comercio, da convivencia. Galicia, a pesar ...
Últimos artigos publicados
dicionario da fala valdeorresa

12/11/2025

A fala de Valdeorras, como a de tantas outras comarcas galegas, agocha un tesouro de palabras únicas, cheas de historia, matices e identidade. E agora, todo ese ...
orixe da palabra magosto

10/11/2025

O magosto é unha das festas máis queridas do outono galego. Arredor do lume, con castañas asadas e viño novo, celébrase o encontro entre o mundo rural, ...
castañas e magostos en galego

5/11/2025

Cando chega o tempo das castañas, en Galicia non só as comemos: falamos delas. E para falarmos ben, hai que coñecer o vocabulario auténtico do souto e ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer