O 23 de xuño é unha noite máxica por moitos motivos. Unha das tradicións máis populares —alén de saltar as cacharelas un número impar de veces— é facer o cacho de san Xoán. Para iso, cómpre recoller unha serie de herbas e metelas nunha talla con auga. Déixase ao orballo durante toda a noite e, ao día seguinte, lavamos a cara con esa auga máxica. Así espántase o mal de ollo, a pel rexuvenece e, segundo a tradición, tamén se curan enfermidades.
Neste artigo, vas aprender como se fai o cacho de san Xoán e que herbas se adoitan empregar.
Como se fai o cacho de san Xoán?

A tradición di que o ideal é empregar auga de sete fontes, pero se só podes conseguir dunha, non pasa nada. O importante é que a mestura quede fóra toda a noite para que reciba o orballo, considerado o elemento que activa as propiedades máxicas das herbas.
En canto ás plantas, non hai unha receita fixa, varía moito segundo a zona. Porén, hai algunhas que se repiten con frecuencia.
Cales son as herbas de san Xoán?
Velaquí tes unha lista das herbas de san Xoán acompañadas de imaxes para que non te confundas á hora de apañalas.
Abeluria

A abeluria, tamén coñecida como herba de san Xoán ou herba das feridas, é unha planta de flor amarela que florece arredor do solsticio. Tradicionalmente empregábase para curar cortes e feridas, de aí un dos seus nomes. No contexto do cacho, é símbolo de protección, saúde e renovación espiritual. É unha das herbas máis características desta noite máxica.
Estalotes

Os estalotes tamén son coñecidos segundo a zona como estraloque, abeluria, baloco, borleta, croque, dedaleira, milicroque ou sanxoán. Esta planta de flores vistosas é unha das máis emblemáticas da noite de san Xoán. Ademais de usarse no cacho, en moitos lugares colócase nas portas para afastar o mal de ollo e protexer a casa durante todo o ano.
Fentos

O fento trátase dunha planta ancestral asociada á forza e á protección. En moitas lendas galegas aparece como gardián de segredos ou porta de acceso a tesouros agochados. No cacho, úsase para afastar as malas enerxías e atraer boa fortuna.
Fiúncho

O fiúncho, de aroma doce e característico, é coñecido polas súas propiedades purificadoras e calmantes. No cacho de san Xoán axuda a equilibrar as emocións e limpa a aura de quen se lava con el.
Hortelá

A hortelá, tamén coñecida como menta brava, é unha planta de aroma fresco e intenso, moi usada pola súa capacidade para refrescar e limpar. É doado atopala no campo, xa que adoita medrar preto das ortigas. No cacho, axuda a disipar as malas enerxías e deixa unha sensación tonificante na pel.
Macela

Tamén chamada camomila, a macela destaca polo seu efecto relaxante. Na tradición popular atribúeselle a capacidade de limpar o corpo e a mente, ao tempo que suaviza e coida a pel.
Malva

De flores suaves e tons violetas, a malva é coñecida por coidar e rexenerar a pel. No plano simbólico, está asociada á calma, á harmonía e ao benestar emocional.
Sabugueiro

De cor branca e cheiro doce, a flor do sabugueiro ten unha longa tradición máxica e medicinal en Galicia. Asóciase á limpeza espiritual e á protección contra malos espíritos. No cacho, ademais de suavizar e coidar a pel, reforza a carga simbólica da mestura, especialmente en zonas onde o sabugueiro é considerado unha árbore sagrada.
Silveira

A parte máis simbólica desta planta adoita ser a súa flor. A silveira conecta co lado máis salvaxe da natureza e representa a protección, a resistencia e a forza vital.
Se che interesa coñecer mellor como son estas plantas, botarlle un ollo ao seu aspecto real e aprender máis sobre a súa tradición, recomendámosche este vídeo de Media Laranxa, onde mostran algunhas das herbas máis típicas do cacho de san Xoán:
E ti, que herbas usas para facer o cacho de san Xoán? Cóntanolo nos comentarios!





