Coa chegada do Samaín e do Día dos Defuntos, as historias das ánimas e dos seres sobrenaturais volven cobrar protagonismo. E poucas lendas galegas provocan tanto respecto e misterio como a da Santa Compaña.
Hai quen asegura que, nas noites máis escuras, unha misteriosa procesión percorre os camiños de Galicia. Non se escoitan pasos, mais si murmurios e oracións. A miúdo, percíbese no ambiente un cheiro a cera ou unha sensación de frío. E quen ten a desgraza de atoparse con ela recibirá unha nova que nunca querería escoitar.
Falamos da Santa Compaña, unha das lendas máis coñecidas e temidas da tradición popular galega. Unha comitiva de ánimas que, segundo as crenzas populares, sae de noite para percorrer os camiños e anunciar a chegada da morte.
Mais quen forma esta procesión? Por que aparece? E, sobre todo, que se debe facer cando nos atopamos coa Santa Compaña?
Que é a Santa Compaña?
A Santa Compaña é unha procesión de ánimas que, segundo a tradición, percorre os camiños durante a noite. Aínda que adoita relacionarse coas almas en pena, as crenzas sobre a súa natureza e o seu comportamento varían dun lugar a outro do país.
Os seus integrantes aparecen habitualmente envoltos en sudarios brancos e camiñan descalzos. Levan luces, candeas ou mesmo ósos, ademais doutros obxectos propios das cerimonias relixiosas, como a cruz procesional, o caldeiro de auga bendita ou unha campaíña.
A procesión pode avanzar en silencio, acompañada dun murmurio semellante ao vento, ou entre rezos e cánticos. Nalgunhas versións escóitase o miserere, mentres que noutras as ánimas expresan o seu sufrimento con grandes laios.
A Compaña adoita percorrer os camiños da parroquia e pasar polos arredores da igrexa. Con todo, non existe unha única descrición. Cada zona conserva particularidades que fan desta lenda unha tradición especialmente rica.
Quen leva a cruz da Santa Compaña?
Un dos aspectos máis inquietantes desta lenda é que a persoa que encabeza a procesión non sempre é unha ánima.
Segundo unha das crenzas máis estendidas, quen leva a cruz é unha persoa viva, condenada a acompañar os mortos durante a noite. Esta persoa dirixe a comitiva e debe cumprir unha serie de normas. Non pode mirar atrás e tampouco ten liberdade para abandonar a procesión. Camiña empurrada por unha forza que non consegue controlar, malia que conserva a aparencia dunha persoa normal durante o día.
O problema é que estas saídas nocturnas teñen consecuencias. Co paso do tempo, quen leva a cruz comeza a perder a cor, adelgaza e presenta un aspecto cada vez máis enfermizo. Nalgunhas versións, a situación chega a provocar a súa morte.

Cando aparece a Santa Compaña?
Nalgunhas localidades dise que sae todas as noites. Noutras, que só percorre os camiños determinados días da semana, como os venres ou os sábados, ou durante algúns meses do ano.
Unha das lendas sitúa o comezo da procesión ás doce da noite. Outras tradicións falan das nove, das tres da madrugada ou, simplemente, do momento no que anoitece. Tamén se conta que a Compaña pode percorrer os camiños durante o día, aínda que nese caso sería invisible.
A súa presenza non sempre se anuncia cunha aparición clara. Segundo os relatos populares, pode manifestarse a través dun ruído estraño, do cheiro a cera, dunha sensación repentina de medo ou dun desacougo difícil de explicar.
Que significa atoparse coa Santa Compaña?
Segundo a tradición, a procesión visita as casas das persoas que están próximas a morrer. Nalgúns relatos, as ánimas mesmo deixan un pequeno cadaleito diante da porta como aviso do que está por chegar.
Outras veces, a procesión pode adoptar a forma dun enterro en que aparece representada a persoa que vai morrer. Tamén se conta que un crego pode formar parte da comitiva e celebrar unha misa de defuntos por alguén que aínda está vivo, mais cuxa morte está próxima.
Porén, a Compaña non se limita a anunciar falecementos. Nalgunhas tradicións, as ánimas tamén percorren os camiños para cumprir penas ou resolver asuntos que quedaron pendentes.
Como protexerse da Santa Compaña?
A tradición popular galega conserva diferentes remedios para evitar que a Compaña leve unha persoa viva consigo. Un dos máis coñecidos consiste en debuxar un círculo no chan e colocarse dentro del, preferiblemente cunha cruz marcada no seu interior. Segundo esta crenza, as ánimas non poderían atravesar ese límite.

Outros remedios que recolle a tradición son:
- Abrir os brazos en forma de cruz e pronunciar o nome de Xesucristo.
- Responder «Cruz teño» se quen leva a cruz tenta entregarlla.
- Trazar no chan o risco de Salomón.
- Levar no peto cornos de vacaloura.
Tamén existe unha crenza segundo a cal as ánimas seguen as rodeiras dos carros e non poden abandonar ese percorrido. En calquera caso, o mellor consello que transmitían moitos destes relatos era sinxelo, isto é, evitar os camiños de noite.
Todo o mundo pode ver a Santa Compaña?
Segundo algunhas crenzas, hai persoas que posúen a capacidade de ver a procesión, mentres que outras non poden percibila. Mesmo se conta que dúas persoas poden camiñar xuntas e que só unha delas sexa capaz de ver a Compaña.
Unha variante especialmente curiosa procede da illa de Ons. Alí fálase do Acompañamento, unha comitiva en que poden aparecer persoas de todas as idades, mesmo nenos e cans. Os seus integrantes van vestidos como os vivos e, segundo os testemuños recollidos, non levan luces. Avanzan polo aire ou sobre o mar e seguen un percorrido que remata no cemiterio, onde desaparecen.
Outros nomes da Santa Compaña
Aínda que hoxe a denominación Santa Compaña é a máis popular, non é a única que existe na tradición galega. Dependendo da zona, esta procesión recibe outros nomes:
Compaña
Compañía
Acompañamento
Hoste
Hostilla
Estantiga
Estadea
Estadeíña
Pantalla
Zarrulada
Antaruxada
Visita
Rolda
Roldiña
Avisóns
Avexón
Enxamio
Xaira
Estes nomes non sempre designan manifestacións exactamente iguais, pero están relacionados con crenzas semellantes sobre procesións de ánimas e aparicións nocturnas.
Un detalle curioso é que, segundo explican os investigadores da mitoloxía galega, o nome Santa Compaña acadou unha grande difusión no ámbito literario e nos estudos sobre a cultura popular, pero non necesariamente era a denominación tradicional empregada en todas as localidades.
Unha lenda galega con semellanzas noutras culturas
A crenza nas procesións de mortos non é exclusiva de Galicia. Existen tradicións semellantes en diferentes lugares de Europa, especialmente relacionadas coas aparicións nocturnas de ánimas e coas comitivas de mortos que percorren os camiños. Entre elas atópanse a Güestia asturiana ou a Sluagh da tradición gaélica, que gardan certas semellanzas coa Compaña galega.
A influencia do cristianismo deixou unha pegada evidente na Compaña, especialmente a través das cruces, as oracións, a auga bendita e outros elementos funerarios. Con todo, a existencia de tradicións semellantes noutros territorios europeos permite estudar esta lenda nun contexto cultural moito máis amplo.
A Santa Compaña, unha das grandes lendas de Galicia
Durante xeracións, as historias da Compaña formaron parte dos relatos que se transmitían nas casas, nas aldeas e nas reunións familiares. Eran historias que provocaban medo, pero tamén servían para explicar o descoñecido, falar da morte e transmitir crenzas e costumes.
Hoxe forman parte do noso patrimonio cultural e oral. Coñecelas permítenos entender mellor a relación que mantiveron os nosos antepasados coa morte e co mundo sobrenatural.

A Santa Compaña é só unha das moitas figuras que habitan o imaxinario popular galego. Se queres descubrir outras criaturas misteriosas da nosa tradición, non perdas o noso artigo sobre os seres mitolóxicos galegos para coñecer no Samaín, no cal atoparás máis historias e lendas do noso patrimonio cultural.
Fonte e lectura recomendada
A información deste artigo procede do Dicionario dos seres míticos galegos, de Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda, ilustrado por Lázaro Enríquez e publicado por Edicións Xerais de Galicia. En concreto, tomáronse como referencia as páxinas 87-89, dedicadas á Compaña e ás súas diferentes manifestacións.

Trátase dunha obra moi recomendable para quen queira coñecer mellor a mitoloxía e as crenzas populares de Galicia. Recolle numerosos seres, lendas e tradicións, ademais das súas variantes e denominacións, e permite descubrir a enorme riqueza do noso patrimonio oral.
Se che interesan as lendas galegas, é un libro que paga a pena ter na túa biblioteca.
E ti, escoitaches algunha vez unha historia sobre a Santa Compaña? Que nome recibe na túa zona? Coñeces algún relato que se transmitise na túa familia?
Cóntanolo nos comentarios!


