Sabías que Ramón Cabanillas viviu no mosteiro de Samos (Lugo)?

Ás veces a historia agóchase nos lugares máis inesperados. Esta fin de semana fun visitar o mosteiro de Samos e descubrín algo que non sabía. Alí viviu Ramón Cabanillas, un dos grandes poetas galegos do século XX. Estas son as pegadas que deixou tras de si na abadía.

Un dos mosteiros máis antigos de Galicia

O mosteiro de San Xulián de Samos (tamén coñecido como San Xiao de Samos) é un dos máis antigos e importantes de Galicia. Segundo a tradición, fundouse no século VI, atribuíndose a súa orixe a Martiño de Dumio. Pertence á orde dos beneditinos e, malia o paso do tempo e os distintos incendios que sufriu, consérvase hoxe en bo estado.

Ao longo da súa historia funcionou como colexio de Teoloxía e Filosofía e segue a ser unha parada importante do Camiño de Santiago grazas á súa hospedaría. Precisamente nesa condición de lugar de acollida e retiro atópase a súa conexión con Ramón Cabanillas.

O poeta de Cambados na montaña luguesa

Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) foi unha das voces fundamentais das Irmandades da Fala e do galeguismo do século XX. Coñecido como O Poeta da Raza, pasou diversas tempadas retirado no mosteiro de Samos, sobre todo na súa etapa de posguerra, a máis intimista e espiritual.

Unha boa parte da súa poesía narrativa busca recuperar as raíces de Galicia e construír mitos propios, como unha forma de espertar a conciencia colectiva do país. Nesa liña destaca Na noite estrelecida, onde traslada a Galicia as lendas artúricas da materia de Bretaña e as tingue dun profundo sentido cristián, que para el era un dos trazos que definían o país. Tamén de vocación narrativa é O bendito San Amaro, que recrea a historia de Amaro de Aventei.

E foi precisamente en Samos onde naceu a súa derradeira obra publicada en vida. Samos (1958) é un poema épico-didáctico de inspiración relixiosa que canta a historia e o día a día da comunidade beneditina do mosteiro.

A cela do poeta

O mosteiro pódese visitar por dentro e o percorrido pasa precisamente ante a cela onde se aloxaba Cabanillas. Sobre a porta consérvase a inscrición latina S. PETRUS AP. e, ao seu carón, unha placa que lembra a súa estadía:

«La Real Abadía de Samos a su excelente cantor, el inmortal poeta de Galicia Ramón Cabanillas Enríquez, como perpetuo recuerdo, en la celda en la que habitó.»

Os versos que deixou prendidos

Nese mesmo lugar hai outra placa que recolle, con letra manuscrita do propio poeta, un poema que Cabanillas dedicou ao mosteiro e que data do Nadal de 1950. Nos seus versos condénsase todo o que Samos significou para el: a admiración polas pedras milenarias que levan séculos en pé, o silencio dos claustros que convidan ao recollemento e a fonda emoción de quen atopou alí a calma que buscaba. É, en certo modo, un agradecemento escrito en pedra ao lugar que o acolleu. Estes son os seus versos:

Xardíns saudosos, bóbedas e arcadas;
pedras orantes, como mans alzadas
en secular visión contemprativa;

Solenes, graves pedras milenarias
que gardades os ecos das pregarias
e as coraes salmodias e cantares
dos varóns xustos, santos penitentes,
lirios sagros a ceo recendentes
venerados nas aras e os altares!

Craustros de santa paz onde en fuxida
dos dores e inquedades d-esta vida
atopéi caridosa e dóce calma…
¡u-esta folliña déixovos prendida,
homilde rosa murcha e decaída,
a máis pura emoción da miña alma!

Ramón Cabanillas, 1950
Día do Nadal de Nosa Señora

Un lugar que paga a pena visitar

Lugares coma esta cela lémbrannos que a literatura galega non está só nos libros. Tamén habita nos espazos que a viron nacer. Coñecer onde escribiron os nosos autores e por que o fixeron alí, axúdanos a entender mellor a súa obra e a valorar o patrimonio que nos deixaron. O mosteiro de Samos garda unha desas pegadas, agardando por quen queira descubrila.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
vendima en galego
19/08/2026
19/08/2026
A piques de comezar setembro, achégase un dos momentos máis importantes do ano no campo galego: a vendima. Nas Rías Baixas, na Ribeira Sacra, en Valdeorras, no ...
o vocabulario da eclipse
5/08/2026
5/08/2026
O 12 de agosto de 2026 os ollos de toda Galicia estarán postos no ceo debido á eclipse total de Sol, un fenómeno que non se vía ...
Dis orquesta Pois estás a dicilo mal
29/07/2026
4/08/2026
Chega o verán e con el as festas, as verbenas e as noites de troula. Mais hai algunhas palabras moi típicas destas datas que non se adoitan ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer