Como se chaman os dedos da man en galego?

Estira a man e mira os cinco dedos. Cada un ten o seu nome formal, mais tamén o seu alcume popular, ese que usan as avoas para ensinarllelo aos netos mentres lles fan cóxegas. O galego, coma sempre, ten moito máis vocabulario do que pensamos.

O polgar

O dedo gordo, o primeiro da man. O nome normativo é polgar, mais en rexistros máis coloquiais podemos denominalo matapiollos ou cachapiollos.

Curiosidade! De polgar vén a magnitude de lonxitude polgada. A polgada antiga galega equivalía a uns 2,33 cm, mentres que a inglesa, que é a que se usa hoxe para medir pantallas, equivale a uns 2,54 cm.

E xa que estamos, lembra que temos dez dedos nas mans e dez dedas nos pés. Dúas palabras diferentes para dúas partes do corpo distintas.

O índice

O dedo que usamos para sinalar, para preguntar ou para chamar a atención. O nome normativo é índice. En contextos máis familiares podemos denominalo mostreiro ou furabolos.

O maior

O dedo do centro, o máis longo de todos. O nome normativo é dedo maior. En rexistros coloquiais podemos empregar a forma pai de todos.

O anular

O cuarto dedo, o do anel. O nome normativo é anular. Tamén recibe os nomes de mediano ou medianiño.

O maimiño

O máis pequeno de todos. O dedo quinto denomínase en galego maimiño, belleco, mamiño, pequeniño ou moumiño.

Copla tradicional

Hai unha forma moi sinxela de aprender todos estes nomes de pequenos. Temos unha copla tradicional que di así:

Este é o dedo maimiño;
este é o seu padriño;
este é o maior de todos;
este outro é o furabolos
e este que vive só é o escachapiollos.

A xogar!

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Rosco pasapalabra Begoña Caamaño Letras Galegas
13/05/2026
13/05/2026
O 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas e este ano a figura homenaxeada é Begoña Caamaño, xornalista, escritora e activista que deixou unha pegada ...
Begoña Caamaño libros para coñecer a autora das Letras Galegas 2026
11/05/2026
11/05/2026
Begoña Caamaño é a escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. Xornalista, activista e autora de obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana ...
Como se di poñer en negrita unha palabra Formas de descaque en galego
6/05/2026
7/05/2026
Cando redactas un documento en Word, un correo ou unha publicación e queres destacar unha palabra, probablemente pensas en poñela *en negrita, mais esa expresión non é ...

3 comentarios en “Como se chaman os dedos da man en galego?”

  1. Pequenín, medianín, pai de todos, furabolos e matapollos se di por Trabada. Ós dedos dos pés chamámoslles dedas. Este artigo tamén me trouxo á memoria un dito que usábamos para escoller por azar a alguén, e que consiste en que se poñen as mans das persoas que participan estiradas e vanse sinalando os dedos mentras se silabea “Dedín, dedín, do charramusquín, do alzabuco, do rabo do cuco, cando o rei por aquí pasou, tódalas aves convidou, menos unha que deixou, aquela non foi por mal pensar, chouca, mouca, cabeza de louca, vaite deitar as portas de Xibraltar, vivo ou morto ou derreado, alí te irán buscar. O dono do dedo onde tocaba “buscar” era o seleccionado.

    Responder
  2. Por terras de Coaña-Navia dinlle dedos ós das mans, menos ó polgar que é “o dido”, e dedas ós dos pés, menos ó gordo que lle chaman “a dida”. Así lle teño oido a meu tío que é de Andés (Navia)

    Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer