Tabú en galego: o mítico xogo de mesa, agora na nosa lingua

Hai xogos que non precisan presentación. Reúneste cunhas amigas, fas equipos e xa sabes que vai pasar: risas, berros, alguén que solta a palabra prohibida na primeira frase e un cronómetro que parece acelerar mentres miras a carta. Ese xogo é o Tabú. E hoxe estréase na nosa lingua.

Dende As chaves da lingua acabamos de publicar Tabú en galego, unha versión web do xogo, gratuíta, sen instalación nin rexistro, pensada para que xogues co móbil enriba da mesa. Podes empezar agora mesmo en tabu.gal.

Que é Tabú en galego

Tabú en galego é unha adaptación libre do clásico xogo de adiviñar palabras. As regras son as de sempre. Cada carta ten unha palabra principal e catro palabras prohibidas. Tes que conseguir que o teu equipo a adiviñe sen dicires ningunha desas catro, nin variantes, nin a palabra traducida a outro idioma.

Como se xoga ao Tabú

A mecánica está pensada para xogar nun único móbil ou computador, como se fose o cronómetro dunha versión física:

  • Forma os equipos. Se sodes 2 persoas, unha describe e a outra adiviña.
  • Configura a partida. Escolle o tempo por quenda e o número de roldas.
  • Describe sen dicires as prohibidas. A persoa que ten o móbil ve a palabra principal e as catro prohibidas. O resto do equipo ten que adiviñar de que palabra se trata.
  • Acerta, salta ou pasa. Se dis unha prohibida, esa carta queda invalidada.
  • Gaña o equipo con máis puntos ao rematar as roldas.

Se queres ler as regras completas, están explicadas paso a paso en tabu.gal/#como-se-xoga.

Para quen é o Tabú

Pensámolo para tres usos principais:

  • Lecer na casa ou con amizades. Sobremesas, aniversarios, xuntanzas. O xogo de toda a vida, sen máis.
  • Aulas de lingua. Para profesorado de galego, de Escola Oficial de Idiomas ou de calquera nivel educativo, é un recurso directo: vocabulario activo, expresión oral e traballo en equipo.
  • Equipos de normalización lingüística, asociacións e centros culturais. Calquera actividade en que faga falta unha dinámica curta, divertida e en galego ten aquí unha ferramenta lista para usar.

Ránking público e melloras continuas

O xogo inclúe un ránking público opcional, no cal podes gardar o resultado das túas partidas. Serás quen de chegar e manter a primeira posición?

Se atopas algunha palabra mal escrita, unha prohibida que non encaixa ben ou unha dificultade que che pareza desaxustada, podes reportala dende a propia carta co iconiño ⚠. Iso axúdanos a mellorar o vocabulario versión tras versión.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
A tradición dos Maios por que poñemos xestas nas portas e nos coches a noite do 30 de abril ao 1 de maio
27/04/2026
27/04/2026
Se nunca te preguntaches por que hai coches con ramas de flores amarelas no parabrisas cada 1 de maio, este artigo é para ti. Detrás dese xesto ...
As chaves da lingua gaña un dos Premios Mil Primaveras
20/04/2026
26/04/2026
Temos unha nova que nos fai especial ilusión compartir. As chaves da lingua é un dos catro proxectos galardoados nos VII Premios Mil Primaveras, convocados pola Coordinadora ...
Pronome de solidariedade e pronome de interese en galego
15/04/2026
16/04/2026
Cantas veces escoitaches frases como Éche boa cousa! ou A nena non me come nada ben? Eses pequenos pronomes —che e me— que aparecen sen ter función ...

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer