Chega o outono, os soutos énchense de ourizos e comeza unha das tradicións máis importantes de Galicia, isto é, os magostos. Pero canto sabes do vocabulario galego relacionado coas castañas?
Seguro que coñeces palabras como castaña, ourizo ou souto. Mais sabías que unha castaña pode ser boleca, rosenda, tourona ou paparote? Ou que, antes de asala, podes adentala ou facerlle unha amosega para evitar que estoupe?
A riqueza do galego tamén está nas palabras que empregamos para falar dos froitos da terra, dos traballos tradicionais e das comidas que nos acompañan desde hai xeracións.
Neste artigo descubrirás palabras e variantes relacionadas coas castañas e os magostos en galego, organizadas por temas e acompañadas de exemplos para que aprendas a utilizalas.
No souto: as castañas e as súas variedades
Non todas as castañas son iguais. Segundo o tamaño, a forma, a maduración ou as súas características, reciben diferentes nomes.
Baguto
Castaña que se desprende por si soa do ourizo, sen necesidade de abrilo. Sinónimos: degaro, destelo, restela, restrelo.
Exemplo: Fomos ao souto apañar os bagutos que quedaran polo chan.
Boleca
Castaña pequena ou mal formada que non chegou a desenvolverse completamente. Sinónimos: beleca, belleca, bolerca, caxago, caroucón, gullerpa.
Exemplo: Este ano hai moitas bolecas. Poucas castañas saíron grandes.
Madroña
Castaña ou pataca que queda engurrada e perde parte do seu sabor por mor do frío ou doutras condicións desfavorables.
Exemplo: Estas castañas pasaron a xeada e quedaron feitas unhas madroñas.
Paparote
Castaña branda e doce.
Exemplo: Que bos están estes paparotes! Case non hai que mastigalos.
Pingada
Castaña que se desprende naturalmente do ourizo cando alcanza a madurez.
Exemplo: Xa hai moitas pingadas polo chan. Mañá temos que volver ao souto.
Rapada
Variedade de castaña doce que se caracteriza por ter o ourizo pouco desenvolvido.
Exemplo: Estas rapadas son moi saborosas; vou gardar unhas poucas para cocer.
Rosenda
Castaña de bo tamaño, pel grosa e cor máis clara ca outras variedades.
Exemplo: Mira que rosendas máis grandes apañamos este ano!
Tourona
Castaña de tamaño grande e cor máis escura do habitual.
Exemplo: Había unhas touronas enormes no cesto, pero xa desapareceron todas.
Da árbore ao cesto: recoller e preparar as castañas
Antes de chegar á mesa, as castañas pasan por diferentes procesos. E o galego ten palabras específicas para moitos deles.
Debagutar
Desprenderse a castaña do ourizo de maneira natural. Sinónimo: destelar.
Exemplo: As castañas xa comezaron a debagutar. Este sábado toca ir apañalas.
Debullar
Este verbo ten dous significados relacionados coas castañas:
- Sacar as castañas dos ourizos. Sinónimos: debagar, degraer, degrañar, petelar.
- Retirarlles a casca ás castañas. Sinónimos: deluvar, depenar, descascar, escascar.
Exemplos:
Colle unhas luvas para debullar as castañas sen picarte cos ourizos.
Axúdame a debullar estas castañas para facer o puré.
Pintorlar
Adquirir a castaña a cor característica da maduración.
Exemplo: As castañas xa comezan a pintorlar. Pronto estarán listas para apañar.
Adentar
Facerlle unha pequena incisión á castaña antes de asala para evitar que estoupe coa calor. Sinónimos: amordicar, amosegar, amozcar, anozcar, ataniscar.
Exemplo: Non metas as castañas no forno sen adentalas, que poden estoupar!
Amosega
Pequeno corte que se lle fai á castaña antes de asala para impedir que rebente. Sinónimos: amosegadura, amozcadura, anozcoada.
Exemplo: Faille unha amosega a cada castaña antes de poñelas no lume.
Escarapolar
Retirar a casca exterior dunha castaña.
Exemplo: Entre os dous escarapolamos todas as castañas para preparar a sobremesa.
Da casca ao froito: as partes da castaña
Sabes como se chama esa pel fina que ás veces custa tanto quitar? En galego temos varias palabras para referirnos a ela.
Entrecasca
Pel fina situada entre a casca exterior e a parte comestible da castaña.
Exemplo: Estas castañas pélanse moi ben: a entrecasca sae sen dificultade.
Piolla
Pel fina que cobre directamente a parte comestible da castaña.
Exemplo: Que rabia! Estas castañas teñen a piolla tan pegada que custa moitísimo pelalas.
No magosto e na cociña: distintas maneiras de comer castañas
Asadas, cocidas, secas ou peladas. Segundo como se preparen, as castañas tamén reciben diferentes nomes.
Bulló
Castaña asada, xeralmente sen casca.
Exemplo: Non hai nada coma uns bullós quentiños nunha tarde fría de novembro.
Burgazo
Castaña cocida á que se lle retirou a pel.
Exemplo: Na casa da miña avoa sempre comiamos burgazos con leite.
Garula
Castaña seca e pelada que se pode conservar durante bastante tempo.
Exemplo: Antes gardábanse garulas para preparar diferentes comidas durante o inverno.
Maia
Castaña seca á que se lle retirou a casca.
Sinónimos: garula, maiola.
Exemplo: Hoxe imos preparar un caldo con maias, coma os de antes.
Mamela
Castaña cocida coa casca.
Sinónimos: mamota, zamelo, zoncho.
Exemplo: Cocemos unhas mamelas para facer os tradicionais colares de zonchos.
Tixolo
Recipiente tradicional de barro ou ferro, con buratos na base, que se utiliza para asar castañas ao lume.
Exemplo: O meu avó aínda conserva o tixolo co que asaba as castañas cando era pequeno.
Un vocabulario que forma parte da nosa cultura
As castañas forman parte da alimentación, da paisaxe e das tradicións galegas desde hai séculos. E todas estas palabras son tamén unha mostra da riqueza do noso patrimonio lingüístico.
Algunhas son moi coñecidas; outras teñen un uso máis local ou tradicional. Quizais na túa casa se diga zoncho en lugar de mamela, ou empreguedes outra palabra para referirvos ás castañas que caen dos ourizos.
E ti, cantas destas palabras coñecías?
Cóntanos nos comentarios que palabras se empregan na túa zona para falar das castañas e dos magostos. Así poderemos seguir descubrindo a riqueza do noso vocabulario entre todas e todos.




6 comentarios en “Palabras imprescindibles para falar de castañas e magostos en galego”
Na miña zona (Vilabade, Concello de Castroverde) ás castañas cocidas chámaselle bellós; soamente ás cocidas.
Moitas grazas pola achega! Encántanos descubrir novas palabras e comprobar como cambia o vocabulario dunha zona a outra.
E para facerlles a regaña e despois asalas emprégase o verbo anozcar. Serían castañas anozcadas as que xa teñen a regaña feita.
Mamuda: castaña cocida.
“Truxéronme mamudas, comín dúas”.
O sitio onde se botaban os ourizos para que secaran e soltaran as castañas chamabase ‘a corripa’. Eu xa non recordo ningún souto importante con corripa, pero o nome do lugar quedou na microtoponimia da miña aldea. Hoxe é un eucaliptal ao pé do río. Ai.
Non coñecía a palabra corripa. Moitas grazas pola achega e por compartir esta lembranza da túa aldea!