20 castelanismos na cociña que debes evitar

Na nosa cociña, o galego debería ser tan esencial coma o aceite de oliva ou o sal. Porén, en moitas ocasións, esquecemos que as palabras que empregamos para describir os nosos pratos e utensilios non sempre son as correctas. Sen dármonos conta, abrimos a porta a castelanismos que pouco a pouco van desprazando termos galegos de noso.

Neste artigo, en colaboración con Media laranxa, imos facer unha viaxe pola cociña, revisando palabras que quizais utilizas a diario sen saberes que non son propias da nosa lingua.

Bogabante

Se ti tamén es desas persoas que fuches comer arroz con *bogabante a Rinlo, deberías saber que en galego, a palabra correcta é lumbrigante.

Calamar

Ese anaco de cefalópodo delicioso que tanto nos gusta preparar á grella ou en fritura non é *calamar, senón lura.

Cubo da basura

O recipiente onde botamos os refugallos da cociña é o caldeiro do lixo.

Cucharón

En galego, o utensilio coñecido en castelán como cucharón pode chamarse garfelo, garfela, cullerón, cazo ou culler, dependendo do contexto e do lugar. O garfelo ou garfela refírese a unha culler grande e fonda, cun mango longo, usada para servir alimentos sólidos ou líquidos, mentres que o cullerón, o cazo ou a culler son máis específicos e utilízanse para pratos como caldos, sopas ou cremas.

Fregadeiro

O vertedoiro é esa pía imprescindible na cociña onde fregamos a louza, limpamos os alimentos ou baleiramos os vasos de auga sen rematar. Así que, cando esteas fregando os pratos, lembra que non estás usando un *fregadeiro, senón un vertedoiro.

Encimeira

No mesado preparamos as nosas mellores receitas: picamos as verduras, amasamos o pan ou montamos sobremesas que fan historia. Así que a próxima vez que cociñes, lembra que non estás traballando nunha *encimeira, senón nun mesado.

Grasa

En galego, non falamos de *grasa, senón de graxa. Este termo úsase tanto para a graxa natural dos alimentos como para falar de aceites ou substancias similares. Cando cociñamos algo con moita graxa ou limpamos unha pota con restos dela, empregamos esta palabra.

Hornillo

Cando imos de cámping ou de pícnic e queremos preparar un café, levamos un fornelo.

Lavavaixelas

A máquina que fai o traballo sucio na cociña non é o *lavavaixelas, senón a lavalouza.

Loncha

En galego non cortamos en *lonchas, senón en liscos, talladas ou rebandas, dependendo do que esteamos a falar. O xamón e outros embutidos córtanse en liscos, o queixo en talladas e o pan en rebandas, por exemplo.

Manzanilla

Cando non nos senta ben a comida, non hai nada mellor que unha boa macela ou camomila.

Molinillo

Cando tomes o primeiro grolo de café polas mañás lembra que o aparello para moer os grans de café chámase muíño.

Mordisco

En galego podemos dicir dentada, chantada, mordedela, mordedura, trabada, trabadela, trabadura ou trincada, mais nunca *mordisco.

Muslo

Cando vaias á carnicería ou queiras preparar unha receita que leve zancos de polo, lembra que en galego tempos múltiples formas para nomear esa parte das aves: coxa, coxigón, coxote, perna e zanco.

Palomitas

As *palomitas son un clásico das tardes de cine, mais en galego o termo correcto é flocos de millo. Esta denominación describe perfectamente o proceso de inflado do millo, sen importar se o comes no cine ou na casa.

Postre

Ese momento doce que pecha unha boa comida é a sobremesa. Pode ser un anaco de torta, un flan, unhas mazás asadas ou mesmo un queixo con marmelo, o importante é que nunca falte.

Pulpo

Cocido no seu punto e aderezado con sal, pemento e un bo chorro de aceite de oliva, é un manxar que namora a quen o proba. Así que, se estás no mellor momento da ración, lembra que o que estás comendo é polbo. E dicilo ben é case tan importante como saber preparalo!

Sacacorchos

En galego, non empregamos un *sacacorchos, senón un sacarrollas. Este utensilio indispensable para abrir botellas de viño leva no nome a palabra rolla, que é o termo para o tapón de cortiza.

Servilleta

As *servilletas en galego son panos de mesa. Lembra que tamén se lle chama pano a un anaco de tecido que se emprega para limpar, por exemplo, a mesa ao rematar de comer. Tamén recibe o nome de mulido, rodela, rolla ou trapo.

De parecido xeito, un pano tamén pode servir para limpar o nariz ou a suor. Nese caso, ademais de pano, podemos denominalo pano da faldriqueira ou pano da man.

Tenedor

Por último, o noso querido garfo é o compañeiro inseparable do coitelo na mesa. En galego, o que en castelán se chama “tenedor” toma este nome tan sonoro e directo. Cun mango cómodo e unhas puntas ou dentes ben afiadas, o garfo é o rei á hora de pinchar o churrasco, recoller os espaguetes que nunca queren marchar do prato ou suxeitar ese anaco de tortilla mentres o cortas.

E ti, cantas destas palabras galegas utilizas na túa cociña? Comparte o artigo para que máis xente coñeza o sabor auténtico da nosa lingua!

Que podes ler aquí?
Para aprender máis
5 libros recomendados para aprender galego
19/02/2025
18/02/2026
Aprender galego ou mellorar a súa calidade lingüística require boas ferramentas e os libros son un recurso imprescindible para afondar no idioma de maneira estruturada e efectiva. ...
21
20/11/2024
28/02/2025
Eliminar os castelanismos da nosa fala é un paso importante para dignificar o galego e preservar a súa autenticidade. Aínda que ás veces non nos decatemos, moitas ...
50
29/03/2023
28/02/2025
Todas as linguas están cheas de frases feitas e esta combinación de palabras ten un significado concreto que nada ten que ver co significado individual de cada ...
Últimos artigos publicados
A tradición dos Maios por que poñemos xestas nas portas e nos coches a noite do 30 de abril ao 1 de maio
27/04/2026
27/04/2026
Se nunca te preguntaches por que hai coches con ramas de flores amarelas no parabrisas cada 1 de maio, este artigo é para ti. Detrás dese xesto ...
As chaves da lingua gaña un dos Premios Mil Primaveras
20/04/2026
26/04/2026
Temos unha nova que nos fai especial ilusión compartir. As chaves da lingua é un dos catro proxectos galardoados nos VII Premios Mil Primaveras, convocados pola Coordinadora ...
Pronome de solidariedade e pronome de interese en galego
15/04/2026
16/04/2026
Cantas veces escoitaches frases como Éche boa cousa! ou A nena non me come nada ben? Eses pequenos pronomes —che e me— que aparecen sen ter función ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer