Palabras con distinto xénero en castelán e en galego

O galego e o castelán comparten moitas palabras, pero iso non significa que funcionen igual nas dúas linguas. Un dos erros máis frecuentes ten que ver co xénero. Algúns substantivos que en castelán son masculinos poden ser femininos en galego ou ao contrario.

Aquí tes algúns dos casos máis habituais.

Son palabras masculinas en galego

Estas palabras adoitan causar confusión porque en castelán son femininas, mentres que en galego son masculinas.

o berce, o cárcere, o champaña, o costume, o couce, o cuspe, o diadema, o dote, o éxtase, o fantasma, o fel, o friame, o labor, o legume, o leite, o masacre, o mar, o mel, o nariz, o prebe, o sal, o sangue, o sinal, o sorriso, o til, o ubre, o xiz…

Son palabras femininas en galego

Neste caso acontece ao revés. En castelán son masculinas, pero en galego empregan artigo feminino.

a acne, a árbore, a armazón, a arte, a augardente, a ave, a avestruz, a bile, a calor, a cor, a culler, a cute, a dor, a eclipse, a énfase, a epígrafe, a feluxe, a ferruxe, a fraude, a fronte, a marxe, a orde, a orixe, a parálise, a paréntese, a ponte, a pube, a roibén, a sebe, a síndrome, a suor…

Regra que non debes esquecer

En galego son femininas todas as palabras rematadas en –axe, coa excepción de tres: o traxe, o paxe, o garaxe.

Exemplos de palabras femininas con –axe: a viaxe, a reportaxe, a paisaxe, a aprendizaxe, a bricolaxe, a masaxe etc.

Por que existen estas diferenzas?

O xénero gramatical non sempre coincide entre linguas próximas. A evolución histórica das palabras, a súa orixe latina ou a influencia doutras linguas fixeron que algunhas adoptasen un xénero diferente en galego e castelán.

Por iso, cando aprendemos galego, é importante memorizar estes casos, xa que non sempre existe unha regra que permita deducilos.

Practica!

Para comprobar se dominaches estas diferenzas de xénero entre galego e castelán, incluímos a continuación un pequeno xogo interactivo.

Proba a completalo e mira cantas acertas.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Que serie da Xeración Xabarín marcou a túa personalidade Fai o test e descúbreo
10/06/2026
10/06/2026
Todo comezou o 18 de abril de 1994. Un xabarín con camisola amarela animábanos a afiliarnos ao seu club. Durante anos, as tardes de miles de nenos ...
De andar ás minchas ao sobresaínte o vocabulario dos exames en galego
3/06/2026
4/06/2026
Estamos en época de exames e o vocabulario que usamos no día a día, ás veces, sae en castelán sen dármonos conta. Aquí tes un repaso ás ...
Aprende os nomes das especias e das herbas aromáticas en galego
27/05/2026
2/06/2026
Pimienta, cilantro, albahaca… Cantas veces usaches a palabra en castelán sen saber cal era a forma galega? O galego ten nomes propios para todas as especias e ...
Os comentarios están desactivados para esta entrada

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer