13 paxaros para descubrir esta primavera

Coa chegada da nova estación é unha gozada escoitar os paxariños ao amencer. Por iso mesmo, a seguir, tedes algunhas das aves máis frecuentes na nosa terra acompañadas de cantares e refráns que amosan a súa presenza na cultura popular galega.

Xílgaro

Nome: (Carduelis carduelis) barroso, picacardos, pintasilgo, pintaxilgo ou xílgaro

Canta tu, gorxa de xílgaro,
que a do merlo xa cantou;
o cantar é alegría,
eu sempre a cantar estou.

Pardal

Nome: (Passer domesticus) gorrión ou pardal

Por riba dunha cerdeira
estaba un pardal cantando
e mofábase de min
por ire por ti chorando.

Refráns:

  • Cada pardal co seu igual.
  • Por medo ós gorrións, non quedan sen sementar os leirós.

Bubela

Nome: (Upupa epops) bubela, galo merdeiro, galo merdento ou galo merdoso

Refráns:

  • Cando canta a bubela, amaña todo para a sega.
  • Cando oias a bubela, deixa os bois e colle a gavela.
  • Se en marzo non canta o cuco, nin en abril a bubela e a ruliña non rulea, mala colleita se espera.
  • Se por San Xosé a bubela non vén, catala morta ou algo ten.

Anduriña

Nome: (Hirundo rustica) andoriña ou anduriña

Refráns:

  • Amigo polo seu proveito, andoriñas no teito.
  • Andoriña a rente da auga, choiva na cama.
  • Andoriña que alta voa non teme que chova.
  • Andoriña que voa a rentes da terra, chuvia venta.
  • Anduriñas arrentes da auga, chuvia na praia.

Cegoña

Nome: (Ciconia ciconia) cegoña

Refráns:

  • Día de San Paio, a cegoña nos prados.
  • O día de San Xoán saen os cegoniños a voar.
  • Por San Paio, cegoniños nos agros.
  • Por San Xoán pitos de cegoña a revoar.

Corvo

Nome: (Corvus corax) corvo

Din que a reina está sentada
que ten a barriga dura:
vai traer para Maio
un corvo e mais unha rula!

Refráns:

  • Cando o corvo canta e o carballo zoa, Virxe Nosa Señora, case sabe a broa!
  • Cando o corvo corvea, o lobo rodea.
  • Corvos en bandada, ou sombra ou preada.
  • Corvos veñen, preada hai.

Cuco

Nome: (Cuculus canorus) cuco

Catro aves voadoras
son as que pasan o mar:
a anduriña e mailo cuco;
a rula i o paspallás.

Refráns:

  • Coa chegada do cuco vén o pan ó suco.
  • En abril sae o cuco do cubil.
  • Entre marzo e abril o cuco ha de vir.

Paporrubio

Nome: (Erithacus rubecula) paparrubio, paparruxa, paporroi, paporroibo, paporroxo, paporrubio, peizoque, paifoco ou pisco.

O pisco e maila carriza
trataron unha beillada,
cando o pisco daba voltas
a carriza punteaba.

Di a tradición que cando chegaba o inverno e as neves cubrían o Cebreiro, as avoas ao ver un paporroibo dicíanlles aos cativos: “estes paxariños veñen visitarnos para lembrarnos que por moi cativo que sexas, se levas o lume ben acendido no corazón, non hai frío que te conxele”.

Pega

Nome: (Pica pica) pega, pega rabuda ou pega rabilonga

Canta a rula, canta a rula,
canta no niño da pega:
non sei se será sinal
de que vén a morte negra.

Refráns:

  • Onde a pega ten o ollo, alí ten o seu ovo.
  • Quen anda ás pegas atópaas brancas e negras.
  • Tanto pica a pega no trobisco, que creba o pico.

Carrizo

Nome: (Troglodytes troglodytes) carriza, carrizo, garrizo, pitorrei ou tinque.

Sei dun niño de carrizo
no cañoto dun repolo,
déronme as mozas con il,
levaron cañoto e todo.

Teño un niño de carrizo
metidiño nunha xesta,
se as nenas me dan con el
Ai, meu Deus!, que teñen festa.

Curuxa

Nome: (Tyto alba) curuxa

Canta a curuxa no souto:
coitadiño do que espera
polo que está nas maus doutro!

Refráns:

  • Auga noitega, curuxa tardega.
  • Curuxa noiteira, malladores á eira.
  • Curuxa tardega, auga noitega.

Miñato

Nome: (Buteo buteo) bexato, bouxato, buxato, buxarelo, bouxarelo, miñato, lamego ou lamote.

Refráns:

  • Mal anda o miñato cando ten as ás rotas e o papo sano.
  • O miñato ponse fraco vendo os paxaros e cobizándoos.

Lavandeira

Nome: (Motacilla alba) albardeira, alindadora, costureira, labradora, lavandeira, lavandisca, pastoriña, paxariña da neve ou rebandoira.

E ti, coñeces algún outro refrán ou cantar? Déixao nos comentarios.

Que podes ler aquí?
Últimos artigos publicados
Celga 2026
13/03/2026
13/03/2026
A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das probas Celga para o ano 2026. Estas probas permiten obter o certificado ...
M8porler unha plataforma para lectoras e lectores en galego
11/03/2026
11/03/2026
Se che gusta ler en galego, hai unha ferramenta que paga a pena coñecer: M8porler. Trátase dunha plataforma dixital pensada para crear comunidade arredor do libro galego ...
Libros en galego para celebrar o 8M
4/03/2026
8/03/2026
O Día Internacional da Muller, que celebramos cada 8 de marzo, é unha oportunidade para reflexionarmos sobre os retos que as mulleres afrontaron ao longo da historia ...

3 comentarios en “13 paxaros para descubrir esta primavera”

  1. As lavandeiras:

    Lavandeira real; Lavandeira flava ou bolleira e Lavandeira branca

    Áxil, titiriteira, é todo un espectaculo vela o redor das vacas ou no río collendo mosquitos. Unha marabilla. É a elegancia feita paxaro. ¿ Quen non coñece este paxaro?. Dos poucos que camiña sin dar saltos, paso a paso, si quere…

    Non coñezo nin refrán nin cantar pero son uns paxaros moi bonitos,

    Responder
  2. O Meu abo, con referencia os carrizos.
    Tiña unha estrofa un pouco diferente:
    Ala arriba, naquel alto
    Sei dun niño dun carrizo
    Deron as nenas con el
    Levaron carrizo é todo.
    Creo que era algo picaro

    Responder

Deixa un comentario

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer

Os 250 erros máis comúns en galego que nunca máis vas cometer